O 0’77% que porá en xaque o Congreso

Roteiro contra a fame que percorreu Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo Dominio Público Praza Pública

Hai dous meses un galego fincado en Ajo, Cantabria, rexistraba unha petición no Congreso dos Deputados. Tratábase dunha solicitude moi pouco popular nestes tempos de austeridade e recortes: que dende as Cortes se promava a sensibilización e cooperación para destinar o 0’77% dos orzamentos a combater a pobreza e a fame no mundo. Un bonito desexo que estaba abocado a quedar nunha pila de follas burocráticas esquecidas.

Para sorpresa de Julio Lago, o portavoz de Iniciativa Solidaria 0’77, a súa petición vai chegar á Comisión de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento

Para sorpresa de Julio Lago, o portavoz de Iniciativa Solidaria 0’77, a súa petición vai chegar á Comisión de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento. Fixéronllo saber hai uns días e de inmediato encamiñouse unha vez máis a Madrid a chamar en todas as portas necesarias para que o proxecto se faga realidade. “Trátase de que os 49 deputados que forman esta comisión fagan a súa achega para que España sexa o referente doutros países na forma de facer política adaptándonos aos tempos actuais, non malgastando diñeiro público, recortando en armas, luces, fogos artificiais o grandes festas”, comenta o portavoz.

Trátase dunha asociación herdeira do espírito dos 90, cando miles de cidadáns esixiron que os Gobernos ricos destinasen unha pequena cantidade ao desenvolvemento

Trátase dunha asociación herdeira do espírito dos 90, cando miles de cidadáns esixiron que os Gobernos ricos destinasen unha pequena cantidade ao desenvolvemento dos que non o son tanto. Continuando con esa esixencia de xustiza social, Lago comezou en 2005 a promover marchas que visibilizan o movemento de Iniciativa Solidaria 0’77. “Como o 0’7% xa é unha cifra simbólica fomos máis aló”, explica o portavoz, referíndose a que depende de que organismo se trate refírese a unha porcentaxe sobre o Produto Nacional Bruto (PNB) ou ao Produto Interior Bruto (PIB). Dese esforzo tamén xurdiron proxectos concretos en asociación, na maioría dos casos, con outras ONG: a creación dun pozo de auga en Pujehum (Serra Leoa), unha sala de terapia con material para nenos discapacitados indíxenas en Perú ou un centro de maternidade en Bamako (Malí).

Miles de quilómetros nas súas botas, que arrastraron decenas de persoas polo camiño. Galicia, Cantabria, Asturias, Euskadi, Castela e León, Madrid. Unha desas marchas consistiu en visitar o Congreso, onde nos próximos tres días Julio Lago intentará solicitar apoios entre os 49 deputados que constitúen a comisión de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento. O obxectivo que hai dous anos moveu a persoas entre 7 e 84 anos a camiñar durante oito días cara a Madrid, non cambiou: “Non deixemos morrer de fame a miles de persoas”.

“Pedimos un pequeno esforzo. Un nimio 0'77% do orzamento que pode conseguirse co aforro do día a día, recortando un pouquiño nalgúns gastos innecesarios, o que pode significar unha axuda decisiva para as persoas máis necesitadas”, explica Julio Lago, quen asegura que non cre que os deputados rexeiten a súa proposta. Unha impresión positiva que non comparten desde outras iniciativas, baseándose nos feitos pasados.
 

Entre 2009 e 2012 reduciuse un 49% a achega do Estado á Axuda á Cooperación, a partida que se viu máis afectada polos recortes nos últimos Orzamentos

Corenta anos de promesas

En 1972, os países máis ricos da ONU asinaban un compromiso de destinar o 0'7% do seu Produto Interior Bruto a programas de desenvolvemento nos países menos favorecidos. Hai dúas décadas, miles de cidadáns recollían firmas para esixir os políticos españois que cumprisen a súa promesa e se comprometesen con esta cita. A acampada de centos e a folga de fame que expuxeron varios activistas fixo que o movemento se enchese de esperanza. Corenta anos despois, só cinco países cumpriron a súa palabra. En España, segundo a Plataforma 0’7%, cada vez está máis lonxe a meta. Entre 2009 e 2012 reduciuse un 49% a achega do Estado á Axuda á Cooperación, a partida que se viu máis afectada polos recortes nos últimos Orzamentos Xerais do Estado.

Só tres días tardou a Xunta en incumprir a súa promesa, reducindo a partida de Cooperación nos orzamentos de 2011 nun 21%

En Galicia os datos non son mellores. Representantes dos tres partidos do parlamento Galego asinaron en outubro de 2010 o Pacto Galego contra a pobreza, un documento no que se comprometían fronte á Coordinadora galegas de ONGD a incrementar a axuda estatal ata chegar ao desexado 0’7% en 2017. Ese día escoitáronse bonitas palabras dos políticos, como que “era xustiza e non esmola”, “a crise non será unha escusa para dar de lado aos menos favorecidos” ou que estaban dispostos a sacar a Galicia do penúltimo lugar que ocupa na lista de comunidades doadoras.

Só tres días tardou a Xunta en incumprir a súa promesa, reducindo a partida de Cooperación nos orzamentos de 2011 nun 21%. A estes recortes hai que engadir a orde de xuño de 2011 que deixaba practicamente sen efecto a convocatoria de axudas a proxectos de acción humanitaria e urxencia. En total, un 38% menos de apoio económico en só un ano. Do soño de chegar ao 0’7% ao 0’06% que destina actualmente Galicia á cooperación. E aínda pode reducirse máis. Como ocorreu en 2011, aínda que os orzamentos galegos para cooperación están pechados para este ano (6.603.683 euros, ao nivel de 2005), poida que ocorra como o pasado ano e se recorten aínda máis.

A pesar destas evidencias, Julio Lago insiste: “Quedan moitas marchas por facer en Galicia e Asturias este ano, e o próximo ano iremos a Bruxelas, ao Parlamento Europeo, para que ninguén sexa indiferente ante a situación que outros padecen”.

 

Roteiro contra a fame que percorreu Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo Dominio Público Praza Pública
Documento no que a Comisión do Congreso aproba debater a proposta Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.