"O ano 2012 puxo en cuestión o modelo territorial e social do Estado"

A cidadanía ateiga unha manifestación en Galicia CC-BY CIG

Achégase o final do 2012 e é tempo de facer balance. Un ano especialmente movido políticamente. Recollendo os ecos das mobilizacións do 2011 no 2012 houbo eleccións na Galiza, en Catalunya e no País Vasco, ademais dunha folga xeral e réplicas do 15M como Rodea el Congreso. Todo isto, máis o rescate aos bancos e a grande manifestación pola independencia o 11 de Setembro en Barcelona, poñen en cuestión o actual modelo de Estado, tanto no territorial coma no social. E, mentres, a monarquía española cada vez máis desacreditada polos seus excesos e extravagancias.

O rescate, a manifestación independentista e as mobilizacións poñen en cuestión o actual modelo de Estado, tanto no territorial como no social

Na política galega o ano comezou cunha pugna dentro do BNG da que aínda estamos á pagar as consecuencias. As escisións do Encontro Irmandiño e Máis Galiza desdebuxaron o soño colectivo dun nacionalismo galego plural, de esquerdas e autoorganizado. A figura de Beiras tivo un grande éxito electoral na súa coalición con EU, e ese é motivo de reflexións na casa común do nacionalismo e máis tamén fora. Pola súa banda, Compromiso por Galicia presentou a Xoán Bascuas á presidencia da Xunta con sorte dispar: tan só un 1% dos sufraxios.

O nacionalismo de esquerda viviu permanentemente na rúa e con grande éxito, a diferenza do ocorrido nas urnas

Cociña interna á marxe, o nacionalismo de esquerda en Galiza viviu permanentemente na rúa (con grande éxito, a diferenza das urnas) reivindicando a fin desta carreira interminábel cara á extinción dos dereitos sociais e económicos da cidadanía. A acción combinada dos gobernos Feijóo e Rajoy debuxaron un desgoberno austero que materialízase en mortes, listas de espera e na wertiana españolización dos nosos nen@s e moz@s. Como se dun parte de guerra se tratase, a esta tolemia colectiva temos que sumar a estafa das preferentes e a desgraza dos nosos sectores produtivos (nomeadamente o lácteo). E o paro, rachando récords negativos.

Pero 2012 tamén foi o ano no que EH Bildu acadou a madureza política nas eleccións vascas. E o ano de Catalunya. Os milleiros de persoas que pediron a independencia nas rúas poden ser claves para entender a política os vindeiros anos no Sur de Europa. Son a esperanza que pode levar ao nacionalismo galego a redefinirse definitivamente e á plantexar abertamente, por que non, a secesión dunha España á que se lle rematou o proxecto político xurdido da transición.

Para a emigración, un mal ano. As maletas de milleiros de mozos enchéronse para buscar traballo fora do país; ata incluso fora de Europa. Hai quen temos pedido un esforzo adicional na xénese dun vencello constante e permanente entre o país e a nova diáspora galega, que pase tamén por unha nova lei electoral, máis non só. Esa xente que marchou ten que voltar ao país e aportar o que saben; a súa experiencia. Se non pode ser hoxe, que sexa mañá.

"Construír novos espazos críticos co sistema económico e político actual debe ser o noso compromiso para 2013"

Construír novos espazos críticos co sistema económico e político actual debe ser o noso compromiso para 2013. Cadernos de Comunicación aportará o seu grao de area para facerlle frente aos que pretenden facernos crer que vivimos por enriba das nosas posibilidades. Porque os emigrantes somos parte do problema e queremos ser parte da solución. Seguiremos traballando con todas e todos vós para que 2013 sexa un ano tan ou máis convulso que o 2012, para darlle a volta a esta difícil situación. Só queremos un traballo digno no noso país, cunha educación e sanidade ao servizo das persoas nunha democracia plena. Fagamos iso posíbel.

Cartel sobre a crise, na pasada folga xeral CC-BY-NC-SA BNG
Dúas mozas, na manifestación da Diada CC-BY-NC-ND Fotomovimiento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.