O Prestige puido salvarse se fose resgardado na costa durante as primeiras horas do sinistro. Wytse Huismans, capitán de Smit Salvage -empresa contratada pola empresa armadora do Prestige- así o asegurou a preguntas do avogado de Nunca Máis, Pedro Trepat, no xuízo que se reiniciou na Coruña este martes. Segundo este técnico, o perigo do petroleiro teríase amañado se o día seguinte ao sinistro fose levado a unha enseada.
Wytse Huismans cre que o Prestige teríase salvado se fose resgardado na costa
Ademais, o práctico danés que pilotou o Prestige o 6 de novembro de 2002, unha semana antes do accidente, dixo non detectar "irregularidades" cando estivo a bordo, aínda que, na súa opinión, o buque estaba para o "despezamento". Con todo, admitiu que "en gran medida" tivo esa apreciación polas fotografías que lle exhibiron no xuízo que se celebrou en Estados Unidos, tras a demanda interposta polo Goberno español contra ABS, a clasificadora que certificou que o Prestige era apto para navegar.
O xuízo reiniciouse, xa que logo, coa declaración do práctico danés Jens Joergen Thuessen, a través de videconferencia. A preguntas do fiscal, ratificou que o Prestige era "o peor" barco no que estivera e chegou a cualificar de "interminable" a lista de melloras. Así e todo, a preguntas do avogado do capitán do petroleiro, José María Ruiz Soroa, admitiu que esta apreciación a tivo a raíz das fotos que lle exhibiron no xuízo que se celebrou en Estados Unidos e polo estado do cuarto de baño do camarote do armador, "que adoita ser o máis luxoso dun buque", e no que había baldosas soltas e "corrosión" na cabina da ducha.
Sobre as fotografías -das que o avogado José María Ruiz Soroa precisou que foron tomadas antes de que o barco fose levado aos estaleiros de China para a súa reparación-, insistiu en que reforzaron a súa "sospeita". Por iso, dixo que non lle sorprendeu" o accidente. No entanto, esta testemuña admitiu que non observou "ningunha irregularidade" sobre a estrutura ou a navegación durante as aproximadamente 20 horas que estivo a bordo do Prestige para axudar no tránsito do buque polas costas danesas.
Con todo, mostrouse convencido de que, se entrase nun porto danés ou noutro europeo "non tería permiso para volver navegar", remarcou.
O capitán da rescatadora considera "inaceptable" o rumbo fixado polas autoridades españolas ao Prestige
Mentres, o capitán da empresa de rescate Smit Salvage, Wytse Huismans, que subiu ao barco o 15 de novembro, considerou que non era "aceptable" o rumbo noroeste fixado polas autoridades españolas, porque lle levaba "ao océano" e cara "ao mal tempo". Por iso, apuntou que a súa decisión foi cambiar a un rumbo "máis de compoñente sur", precisou. Así, antes de embarcar, sinalou que pensou en levalo a Xibraltar ou ás illas de Cabo Verde, pero que, á súa chegada, comprobou que o barco estaba "en malas condicións".
Huismans recoñeceu que "tecnicamente" non foi "boa" a decisión do capitán, Apostolos Mangouras, de proceder ao lastrado dos tanques con auga para corrixir a escora, pero tampouco a decisión de afastalo da costa. A preguntas do avogado de Nunca Máis, Pedro Trepat, cualificou de "obvio" que esta decisión aumentou os danos estruturais e tamén a vertedura de fuel, mentres que considerou que o barco puido "salvarse" se o día 14 fos trasladado ás enseadas de Corcubión ou Fisterra.
"A miña meta era ir a un sitio de abrigo, o que facilitaría as operacións de rescate"
Tamén recoñeceu que a súa "esperanza" era que as autoridades españolas lles deixasen entrar en "augas abrigadas" da Coruña. "A miña meta era ir a un sitio de abrigo", indicou este experto para quen achegarse máis á costa "facilitaría as operacións de rescate". Huismans admitiu, no entanto, que existía risco de que o barco partise, pero este era "maior" en alta mar.
O Goberno gastou 31 millóns en litixios do Prestige
Ademais, Izquierda Unida criticou o gasto de 30,9 millóns de euros por parte dos gobernos de Aznar, Rodríguez Zapatero e do actual presidente, Mariano Rajoy, en litixios contra a empresa ABS polo afundimento do Prestige fronte ás costas galegas sen lograr "ningún resultado positivo".
Neste sentido, sinala que, unha década despois do afundimento do petroleiro, os avogados contratados polo Goberno de España esgotaron todas as vías de recurso sen lograr "nin un dólar" dos 1.000 millóns que -segundo aseguran- esixíase á empresa que autorizou ao Prestige a navegar.