O éxito da folga na Xustiza paraliza boa parte dos xulgados en Galicia

Dependencias xudiciais baleiras nunha folga anterior Dominio Público @alternativasxus

Éxito total e rotundo da folga dos traballadores da Administración de Xustiza en Galicia. Os funcionarios protestan contra a "discriminación" que, aseguran, sofren os xulgados e funcionarios do país con respecto a outras comunidades autónomas do Estado de censuran a falta de negociación por parte da Xunta, que os levou a convocar un paro que secundou máis do 80% dos 2.500 persoas que estaban chamadas a el, tal e como aseguran os sindicatos, que claman contra o "desmantelamento que o Goberno do PP está a facer da Xustiza”.

Todos os sindicatos secundan unha folga contra a "discriminación" e o "desmantelamento que a Xunta faii da Xustiza"

Foron todo eles, sen excepción (SPJ, USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO) os que convocaron a folga coa que denuncian a falta de respostas ante as súas demandas por parte do Executivo de Núñez Feijóo, que mantén recortes en salarios, complementos, condicións e persoal que "impuxera unilateralmente" ao abeiro da "austeridade" e "coa escusa da crise económica". E aínda continúan. 

Na mañá deste venres, xulgados do contencioso-administrativo e do social amenceron baleiros e tivéronse que suspender numerosos xuízos. "É un éxito total en toda Galicia", explica a Praza.gal Pablo Valeiras, de Alternativas da Xustiza-CUT e voceiro da plataforma sindical conxunta. O escenario, segundo relatan as centrais, é de xulgados totalmente pechados e outros co persoal de servizos mínimos, o que provoca que se suspendesen xa a meirande parte dos xuízos sinalados agás os de causos con presos. 

O seguimento da folga supera o 80% en Galicia e pasa do 90% en Vigo, Pontevedra, A Coruña e Ourense

En canto aos datos se seguimento, no conxunto de Galicia sitúase no 83%, aínda que nalgunhas localidades é practicamente total como no caso de Pontevedra e Vigo, cun seguimento do 95%, ou A Coruña e Ourense, cun 90%. En Ferrol esta porcentaxe sitúase no 76%, semellante á de Santiago de Compostela (75%) e algo maior á de Lugo (60%). 

Na cidade da Coruña, por exemplo, no Rexistro Civil só traballaron os servizos mínimos, mentres que no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o seguimento do paro é superior ao 90%. Ademais, os traballadores concentráronse ante os edificios dos xulgados de cada cidade, todos tras a pancarta na que se lía: "Non á discriminación laboral na xustiza galega!!"

 

Recortes e "discriminación"

O conflito vén de hai tempo. O pasado 25 de outubro, as organizacións sindicais mudaron a orde do día na mesa sectorial para incluír as súas reivindicacións, pero a falta de respostas e de concreción por parte do director xeral de Xustiza esgotaron a paciencia dos representantes dos traballadores, que reclamaron que "sexa alguén con capacidade executiva ou orzamentaria, da Consellería de Facenda ou o propio conselleiro" quen atendese ás súas demandas. 

A Xunta non responde ante a demanda dos traballadores de negociar un incremento do CAT (Complemento Autonómico Transitorio), xa que, segundo explican, desde 2013 os funcionarios perderon sobre un 40% das extras deste CAT, o que supón sobre uns 10.000 euros menos anuais no caso dos médicos forenses, 5.000 no caso dos xestores, preto de 4.000 para os tramitadores e sobre 3.500 para auxiliares. "É algo que só ocorre en Galicia", lembraba o voceiro da plataforma sindical, que recorda que Feijóo -"ese que presumía da situación económica e da recuperación da crise"- tomou unha decisión que ningún outro goberno autonómico fixo. "Somos a única comunidade con recortes salariais nos últimos catro anos", insiste.

O persoal denuncia que Galicia foi a única que recortou un complemento autonómico e que cobra ata 11.000 euros anuais menos que noutras comunidades

A xustificación que lles deu a Xunta, segundo Valeiras, sempre foi que a situación de crise requiría as medidas. "Sempre empregaron ese argumento para atacar os empregados públicos e, aínda que lles indiques que no resto das autonomías non se fixo nada semellante, insisten en que eles crían necesario facelo; foi unha decisión unilateral", denuncia quen destaca que, no que ten ver con ese CAT, "Galicia é a última das comunidades, só por riba daquelas áreas dependentes aínda do Ministerio", explica.

Advirte, tamén, de que ademais destes recortes, os funcionarios galegos da Xustiza sofren "discriminación" ao cobraren unha media de cen euros mensuais menos que os seus compañeiros noutras comunidades. "En definitiva, a diferenza pode chegar nalgúns casos aos 11.000 euros anuais", engade.

Alén disto, a plataforma sindical denuncia a "discriminación sanitaria" que sofre o persoal galego. Refírese á negativa a homoxeneizar o réxime de incapacidades temporais, impoñendo o decreto 169/2013 da Xunta fronte á Resolución da Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do 22/12/2015 e ao acordo do Consello Xeral do Poder Xudicial de 2013. Así, mentres uns funcionarios xudiciais con destinos noutra parte do Estado poden enfermar e coller a baixa sen sufrir descontos, en Galicia tan só se lle permite aos que sofren cancro ou precisan ingreso hospitalario. No resto dos casos, agás maxistrados e fiscais, descóntaselles un 50% do soldo durante os primeiros tres días de convalecencia e o 25% do cuarto ao 20º. "A consecuencia é que a xente vai traballar enferma e moitas veces acábanse contaxiando entre compañeiros", di Valeiras.

Os traballadores da Administración de Xustiza en Galicia son os únicos aos que se lles desconta salario no caso de coller baixa por enfermidade

Por último, outro dos problemas que denuncian é a eliminación de prazas, que calculan en 106 (un 5% do persoal total) desde 2013, co aumento de carga de traballo, os problemas á hora de executar sentenzas, a lentitude da xustiza e a falta de medios que iso supón. Ademais, a situación afecta especialmente "aos xulgados máis achegados á cidadanía", como os de familia, os de paz ou contencioso", polo que piden un plan de amortización das prazas eliminadas. 

Dependencias xudiciais baleiras pola folga deste venres Dominio Público @alternativasxus
Mobilización de traballadores da Administración da Xustiza Dominio Público @alternativasxus

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.