O Goberno establece o límite de 19.000 euros para frear os desafiuzamentos

Protesta contra un desafiuzamento CC-BY-NC-SA Aregua

O Goberno aprobou este xoves no Consello de Ministros un decreto lei cunha serie de medidas para paliar os efectos dos desafiuzamentos. Para iso, anunciou a creación dun fondo social de vivendas en aluguer para desaloxados (cuxa cota non se especificou na rolda de prensa), aproveitando o parque de casas sen vender, e estableceu os criterios de vulnerabilidade para evitar o desafiuzamento. Iso si, a Lei Hipotecaria, de momento, non se reforma.

Os desafiuzamentos paralizaranse durante dous anos para aqueles que non superen os 19.170 euros anuais

A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, asegurou que se aprobaron medidas clave, que se entenden como as "máis urxentes" para responder a "razóns humanitarias". Segundo isto, os lanzamentos paralizaranse durante dous anos para os que non superen os 1.597,53 euros mensuais, é dicir tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (532,51 euros) e un total de 19.170,36 euros anuais, cuxa cota hipotecaria supere o 50% dos ingresos netos e ademais tamén quen cumpra algunha destas condicións: familias numerosas ou con menores de 3 anos de idade; unidades monoparentais con polo menos dous fillos menores ao seu cargo; con persoas que por enfermidade estean incapacitadas para traballar ou con discapacidade maior ao 33%; debedores en paro e sen prestación por desemprego ou estar en supostos de violencia machista. Entre estes criterios, non entrarían os tráxicos casos de Granada e Barakaldo.

Entre os criterios aplicados polo Goberno non entrarían os tráxicos casos de Granada e Barakaldo

"A dación en pago xa estaba no código de boas prácticas", dixo o ministro de Economía, Luís de Guindos, "pero falta desenvolvelo". "Escollemos uns colectivos suficientemente importantes que durante dous anos, sen custo, poderán permanecer na casa".

En canto ao acordo frustrado co PSOE, a vicepresidenta Sáenz de Santamaría recoñeceu que "eran perentorias estas cuestións urxentes, pero hai cuestións importantes que hai que modificar, aínda que con menos urxencia, como as sociedades de tasación". E engadiu: "Hai que ser moi consecuentes coa nosa traxectoria anterior, e pídolle ao PSOE que sexamos consecuentes co que pedimos agora, porque somos partidos de Goberno". Ademais, segundo a vicepresidenta, non se podía "esperar a unha reforma en bloque como pedía o PSOE, porque había que tomar medidas urxentes".

"Escoitamos á rúa, pero temos que tomar as medidas que como Goberno son as máis axeitadas en momentos de crise"

Sáenz de Santamaría di que "escoitamos á rúa, pero temos que tomar as medidas que como Goberno son as máis axeitadas en momentos de crise polo déficit, a débeda pública, o sistema financeiro e as reformas estruturais que abordamos".

A UE advirte a España que debe consultarlle para cambiar a lei

O Goberno español debe consultar á Comisión Europea e ao BCE e solicitar asesoramento ao FMI antes de modificar a normativa sobre dasfiuzamentos, porque as novas medidas poderían ter un impacto no saneamento do sector financeiro e os obxectivos fixados pola eurozona no rescate á banca.

"A Comisión Europea e o Banco Central Europeo non ten que autorizar as medidas,pero ambas as dúas institucións teñen que ser consultadas previamente e solicitar o asesoramento técnico do FMI", segundo informaron fontes comunitarias.

Acción contra unha execución hipotecaria CC-BY-NC-SA Stop Deshaucios

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.