O ocaso corrupto de Benposta

Benposta © Ariadna Arnés

Unha "república democrática e independente" en plena España franquista, formada por nenos orfos, fillos da posguerra e do exilio galego. O soño dun cura, Jesús César Silva Méndez, coñecido como o Padre Silva, viu a luz en 1966. Comprou uns terreos a escasos quilómetros de Ourense, máis de 14 hectáreas de bosque, a leira Benposta, onde levantou unha cidade que contaba coas súas propias leis, unha televisión, acuñaba as coroas (a súa moeda) e celebraba eleccións libres.

O seu proxecto vital, unha entelequia educativa de redención cristiá, pero de marcado carácter revolucionario, acolleu a máis de 50.000 muchachos, como os bautizou. Anos despois acadaría a fama como un dos mellores circos de Europa e o soño de Silva, convertido xa nunha sorte de mesías que apadriñaba nenos desfavorecidos de todo o mundo, reproduciuse en máis de 12 países.

Todo cambiou en 2004. Unha guerra de guerrillas na Asociación Nación dos Muchachos, o órgano de goberno, fixo saltar polo aire os alicerces de Benposta

Pero todo cambiou en 2004. Unha guerra de guerrillas na Asociación Nación dos Muchachos, o órgano de goberno, fixo saltar polo aire os alicerces de Benposta. Desde entón, Silva viviu os seus últimos anos, até a súa morte en 2011, obsesionado con salvagardar o seu legado, que agoniza hoxe entre débedas, sospeitas de especulación e denuncias.


O principio da fin

O Padre Silva atallou pola forza o conflito. Expulsou os insubmisos e decretou o peche do centro escolar, sen contar coa preceptiva aprobación da Xunta

O Padre Silva atallou pola forza o conflito. Expulsou os insubmisos e decretou o peche do centro escolar, sen contar coa preceptiva aprobación da Xunta. Cando a Inspección Educativa descubriu que os menores vivían nunha situación de abandono, ordenou o seu traslado inmediato.

O ambiente tornou hostil. Nenos desfarrapados, mal alimentados e vivindo en instalacións abandonadas; insultos, ameazas de deportación, coaccións e chantaxes. "Non mordas a man que che dá para comer", adoitaba repetirlles Silva, que impuxera o seu particular sistema de vasalaxe.

Cando menos unha ducia de testemuñas, dende o anonimato, relatan casos de abuso e malos tratos de menores. Feitos que foron investigados en 2009 polo Vaticano, que enviou á Congregación para a Doutrina -sucesora da Inquisición- para entrevistar vinte implicados. Nunca se coñeceu o desenlace das pescudas.


Traspaso de poder

Quen manexaran a operación con Silva copaban a directiva dunha Fundación sen ánimo de lucro, que se fixo co control de Benposta. Entre outros, Antonio Martínez Toni, o seu fillo pródigo; Juan Antonio Villar, ao que expulsara; e Luís Fernández, o seu avogado

A expulsión dos disidentes agachaba, con todo, un traspaso de poderes. Quen manexaran a operación con Silva copaban a directiva dunha Fundación sen ánimo de lucro, que se fixo co control de Benposta. Entre outros, Antonio Martínez Toni, o seu fillo pródigo; Juan Antonio Villar, ao que expulsara; e Luís Fernández, o seu avogado. O tres convertéronse primeiro nos seus lugartenentes e, tras a súa morte, nos seus herdeiros. O obxectivo desta "sucesión de empresas", segundo o Xulgado do Social de Ourense, era esquivar máis de tres millóns e medio de débedas, entre eles a Seguridade Social, á que deben preto de dous millóns por falta de pagamentos desde 1975.


Ameaza de embargo

A operación realizouse de costas ao organismo público e as irregularidades do acordo paralizaron o proxecto urbanístico. Pero o comprador, Roberto Rodríguez López, adiantara dous millóns de euros por uns terreos hipotecados que, a día de hoxe, non son seus

A ameaza de embargo, que roldaba durante anos Benposta, era inminente. A única saída, segundo Silva, era vender a leira, que se converteu no pecado orixinal deste cura que predicaba contra a propiedade privada. Para iso dooulle os terreos á nova Fundación, cando xa foran cedidos á Asociación en 1988, aínda que no rexistro da propiedade (que non é obrigatorio actualizar) seguían ao seu nome. Tras dous intentos frustrados polo Protectorado de Fundacións do Ministerio de Cultura, Silva e os seus socios asinaron un contrato de compravenda da leira coa empresa Promociones Nova Benposta. A operación realizouse de costas ao organismo público e as irregularidades do acordo paralizaron o proxecto urbanístico. Pero o comprador, Roberto Rodríguez López, adiantara dous millóns de euros por uns terreos hipotecados que, a día de hoxe, non son seus. Ingresos suficientes para que a Fundación levantase as súas débedas.


O destino do diñeiro

"Destinámolo a seguir vivindo, pagar créditos con bancos e para as Benpostas de Colombia, Venezuela e Haití", aseguraba Toni ante o Xulgado de Instrución número 1 de Ourense. Os representantes legais de Colombia e Venezuela negan esas transferencias, mentres que o proxecto de Haití nin sequera existe. O destino do diñeiro da venda pérdese nun mar de contas bancarias, cheques ao portador e movementos entre os directivos, que por lei ocupaban os seus cargos sen remuneración. Un día despois dos últimos ingresos, o Padre Silva e Toni, únicos autorizados nas contas, dividiron en varios cheques de 20.000 e 50.000 euros o traspaso. En menos de seis meses, a Fundación Benposta pasou de ter centos de miles de euros a apenas 400 na súa conta principal.

Un día despois dos últimos ingresos, o Padre Silva e Toni, únicos autorizados nas contas, dividiron en varios cheques de 20.000 e 50.000 euros o traspaso. En menos de seis meses, a Fundación Benposta pasou de ter centos de miles de euros a apenas 400 na súa conta principal

As súas finanzas persoais tamén levantaron sospeitas. Silva moveu nesas datas grandes sumas, aínda que os seus únicos ingresos oficiais eran 500 euros de pensión. En 2007 transferiu máis de 100.000 euros a unha conta de Toni, que xestionou nela até 315.000 euros entre 2005 e 2008.  Un patrimonio moi elevado para alguén que vivía desde a infancia en Benposta, sen traballo coñecido e sen soldo no seu cargo. En tres anos, o diñeiro desapareceu en compras en coñecidas tendas, viaxes ou un apartamento en Madrid.  E tampouco se reinvestiu nunha Benposta case deshabitada ou no pago de débedas. Neses anos, a Cruz Vermella facilitáballes alimentos e, desde 2009, pasaron case dous anos sen electricidade por falta de pagamento ata que o Padre Silva enfermou. Os seus últimos días estivo prostrado nunha cama, sen poder falar, deixando o seu testamento baleiro.


Benposta, ao borde da intervención

Os patróns deberán aclarar onde foi o diñeiro da venda non completada e por que non se pagou até a actualidade a débeda de dous millóns coa Seguridade Social. Se son incapaces de xustificar estes feitos, Benposta será intervida.

As desputas nunca abandonaron a Nación dos Muchachos, un terreo abonado para os rancores. O tres herdeiros de Silva son tachados de "mafiosos" por antigos benposteños. A súa intención agora, aseguran, é explotar a leira para eventos, despois de alugala con éxito para dous festivais. Con todo, a Fundación Benposta ten pendente unha sentenza xudicial de 2011, só 20 días despois da morte do cura, onde se declararon nulas as decisións de 2004. Os patróns deberán aclarar ademais ao Protectorado, ao que deben render contas anualmente, onde foi o diñeiro da venda non completada, as irregularidades en todos os seus balances económicos e por que non se pagou até a actualidade a débeda de dous millóns coa Seguridade Social. Se son incapaces de xustificar estes feitos, advirten fontes do organismo, Benposta será intervida.

Benposta © Ariadna Arnés

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.