Un asasinato impune. Ese é o resultado máis probable do proceso aberto pola morte do seareiro do Deportivo Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy, en Madrid hai pouco máis de dous anos por parte de ultras do Frente Atlético. O xulgado de instrución número 20 da capital do Estado vén de arquivar a cauxa que investigaba posibles delitos de homicidio e de lesións, polo que tan só mantén aberta a peza que investiga a rifa tumultuaria.
O xuíz di "non poder acreditar a autoría das persoas que interviñeron na morte de Jimmy" e acorda o "sobresemento provisional" da causa
O xuíz aclara que queda acreditado que Jimmy morreu polos golpes recibidos aquel 30 de novembro ás portas do Vicente Calderón pero asegura que "non existe proba que permita acreditar, sen xénero de dúbidas, a autoría das persoas que interviñeron na súa morte, polo que procede acordar o sobresemento provisional". O maxistrado -o cuarto que leva o caso- arquívao malia as peticións da Fiscalía, as detalladas investigacións policiais que sinalaron -e polos que se encarceraron- varios ultras neonazis e a pesar da declaración dunha testemuña protexida que corroboraba os feitos.
O arquivo é recorrible e o avogado da familia de Jimmy xa anunciou que presentará recurso ante o xulgado e ante a Audiencia Provincial. O escuro e polémico deste caso mantén indignadas a afección e o club deportivista, así como a cidadanía. "Pasou o que pasou, houbo unha persoa asasinada, outra lesionada e ninguén vai pagar polo asasinato nin polas lesións, pero hai 55 afeccionados do Depor aos que se lles impuxo unha multa administrativa de 60.000 euros por participar nunha rifa tumultuaria malia que penalmente non foron imputados", resumiu o letrado Erlantz Ibarrondo en declaracións a Radio Coruña. Como xa advertira en Praza, o caso pintaba mal e agora pinta aínda peor.
O resultado provisional é que o asasinato a golpes dun afeccionado queda impune logo dun caso cheo de dúbidas, reproches xurídicos e sospeitas. A novidade previa a este arquivo xa facía temer o peor, xa que o pasado outubro o xuíz rexeitaba a petición do fiscal de citar como investigados por homicidio e tentativa de homicidio os catro ultras do Frente Atlético detidos pola policía, encarcerados por un xuíz anterior e excarcerados logo por este último por "falta de probas".
O xuíz rexeitou a petición do fiscal de imputar catro ultras que xa foran encarcerados e negou a versión policial e a dunha testemuña protexida
Non lle pareceran suficientes as detalladas investigacións da Brigada de Información da Policía, nas que se achegaron vídeos, intervencións telefónicas, mensaxes e xeolocalizacións para sinalar un grupo reducido de ultras de extrema dereita que acabou detido e logo liberado. Nel había destacadas figuras do Frente Atlético. Foran eles, segundo as declaracións nos xulgados dos propios axentes, os mesmos que cunha diferenza de apenas segundos mallaran noutro deportivista, que logrou saír a nada do río con vida.
A defensa usou esa confusión -un ataque que non se correspondía co realizado sobre Jimmy senón co que sufriu o outro afeccionado- para excarcerar os ultras ante a indignación da policía, que se mostrara "estupefacta" e amosara o seu desacordo. Dando por certa a confusión pero ratificadas as agresións, Ibarrondo preguntábase "como é posible que non os citen a declarar para, polo menos, investigar unha posible tentativa de homicidio". Mallar nel e tiralo ao río non supuxo nada daquela e non o supón agora. A causa que investigaba estas lesións tamén foi arquivada.
A policía amosárase "estupefacta" pola decisión do xuíz de liberar os ultras que as súas investigacións sinalaran
Pero hai algo que sorprende aínda maís. O xuíz tampouco tivo en conta a versión dunha testemuña protexida. Ante o xuíz de menores, identificou dous dos mesmos presuntos autores que sinalara a policía, corroborou aquela versión e apuntou outro menor, Álvaro C.G., do que se filtraron mensaxes que intercambiara coa súa noiva: "Lo reventamos, sin porra me quedé". Outras conversas a través do whatsapp deitaban bastante luz sobre a brutalidade exercida polos ultras atléticos e implicaban outros menores.
O pasado mes de xullo, no entanto, a Audiencia Provincial absolveu este menor, que fora condenado por homicidio e afrontaba seis anos de internamento e dous de liberdade vixiada. Aludiu á falta de credibilidade do que denominou "coimputado" por estar investigado tamén por rifa tumultuaria.
Captura de imaxe da gravación dos altercados ao pé do río Manzanares, en Madrid / TVE
Unha testemuña protexida pero ameazada
Ibarrondo, letrado da familia de Jimmy, di que é "sorprendente que non se contase nin co que di a policía nin coa testemuña protexida". "As probas só son efectivas no acto de xuízo oral, que se abre cando hai indicios e cremos que hai indicios sobrados; logo será o xuíz quen decida se estes indicios se converten en probas ou non, pero dar por pechado así o caso é, como mínimo, sorprendente", di agora.
"Hai unha testemuña protexida que ten a capacidade de dicir quen son os autores e nin tan sequera foi citada; ditouse o sobresemento sen nin tan sequera tomarlle declaración", engade con evidente indignación. O testemuño deste menor foi realizado nunha causa no xulgado de menores-que si lle dera veracidade- e non no de instrución. G303, así se lle chama no proceso para preservar a súa intimidade, acabou por ser descuberto e ameazado por dous líderes do Frente Atlético que foron condenados por iso.
O alcalde da Coruña ve no arquivo "unha mala nova para os que cremos na Xustiza" BNG e En Marea falan de "impunidade fascista"
Mentres, na Coruña, a bancada deportivista, o club e o Concello continúan a reclamar "xustiza para Jimmy". Este mesmo mércores, o alcalde Xulio Ferreiro era claro nas redes sociais: "Semella que ninguén será xulgado polo homicidio de Jimmy. Mala nova para os que cremos na Xustiza". Ademais, o BNG "denuncia" o que considera "un caso claro de impunidade da extrema dereita", mentres que o deputado coruñés de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, considera o arquivo da causa "unha intolerable mostra de impunidade". "Foi fascismo organizado", advirte.
O único que quedou claro polo momento, como lembrou o avogado Ibarrondo, é que máis de medio cento de afeccionados galegos foron sancionados con 60.000 euros e que o que parecía unha quedada máis de radicais -como outras tantas anteriores- foi recoñecida polas investigacións policiais como un ataque ou emboscada.
Polo medio, máis preguntas sen resolver como a tardanza na chegada dos efectivos policiais, o feito de que as autoridades fosen avisadas da viaxe dos ultras do Deportivo e nada se fixese, os graves erros de seguridade ou que esas masivas sancións chegadas á Coruña non teñan correspondencia nos ultras neonazis do Frente Atlético, un grupo de extrema dereita cuxa defensa lidera todo un ex-fiscal da Audiencia Nacional como Ignacio Gordillo, con importantes minutas.