Os xefes de servizo rebélanse polo novo hospital de Vigo e Feijóo xa asume "cambios"

Protesta de traballadores do Sergas no Álvaro Cunqueiro CC-BY-SA CIG-Saúde

Xefes de servizo da área sanitaria de Vigo únense xa ás críticas á xestión levada a cabo no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) que antes expresaran traballadores e cidadanía e que derivou en múltiples e masivas protestas contra a Xunta. Malia que moitos deles presumiran durante tempo das prestacións do HAC e limitaran os problemas a cuestións puntuais e a esaxeradas queixas, a paciencia parece terse esgotado. Así, 28 dos 40 xa lle trasladaron á xerencia un escrito no que declaran a súa "perda de confianza no equipo directivo" e na que reclaman medidas para arranxar todas as problemáticas. 

A maioría dos xefes de servizo escríbenlle á xerencia para expresarlle a súa "perda de confianza no equipo directivo"

Foi precisamente a "falta de solucións" a que lles fixo perder a confianza na dirección á maioría dos xefes de servizo, que envían agora esta carta -adiantada este mércores por La Voz de Galicia- logo das dimsións do supervisor de Enfermería de Urxencias, do subdirector e director de Procesos sen Ingreso e Urxencias, dos doutores Lázaro Anguís e Caramés e do coordinador de Medicina Interna. 

Os xefes de servizo lembran a súa "colaboración con todo o compromiso" á hora de intentar "resolver os problemas xurdidos tras a posta en marcha do HAC e coa reordenación da actividade no Meixoeiro". No entanto, "a falta de solucións efectivas a estes por parte da actual dirección da EOXI de Vigo" levounos a expresar "a perda de confianza neste equipo directivo". 

Os xefes de servizo denuncian a "falta de solucións efectivas" aos problemas e reclaman medidas urxentes

Ademais, reclama que se "cumpra cos compromisos adquiridos de mellora asistencial" a través de medidas urxentes que non dan chegado malia a reunión mantida co novo conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, hai xa case un mes, e onde deixaron clara a carencia de material, así como todas as eivas organizativas e de xestión. 

Coñecidas esta rebelión dos altos cargos do HAC, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, ao que cualificou de "bo xerente". Ademais, anunciou "cambios" nas estruturas organizativas e relevos de persoal, sen especificar moito máis. 

Feijóo advirte que haberá "cambios" e o xerente da área sanitaria recoñécese "preocupado"

Precisamente, Rubial recoñeceu estar "preocupado" polo comunicado dos xefes de servizo e adiantou que isto o levará a facer "autocrítica" e a "redobrar esforzos". Ademais, apelou a incrementar o diálogo e non foi quen de negar que non fose a haber cambios entre a directiva. 

 

Un "paso adiante"

Por outra banda, o presidente da xunta de persoal, Ángel Cameselle, ve esta rebelión dos xefes de servizo como algo positivo e un "paso adiante", pero lembra que durante moitas semanas foi precisamente este colectivo o que "apoiou e defendeu publicamente a xestión e mesmo houbo quen chegou a dicir que estabamos ante o mellor hospital de Galicia e do Estado". 

A xunta de persoal valora o "paso adiante" pero lembra que os xefes de servizo defenderon a xestión durante meses

Ao tempo, Manuel González, secretario comarcal de CIG-Saúde, ao igual que a xunta de persoal, lembra que as eivas no centro "foron denunciadas desde hai tempo polas traballadoras e traballadores da sanidade pública e pola cidadanía". E destaca tamén que o Foro de Xefes de Servizo non só non criticou "o modelo de financiamento, construción e xestión a través dunha empresa concesionaria ou as condicións en que se planificou o traslado", senón que chegou a "xustificar os problemas detectados". 

"Acaso non eran os xefes de servizo responsables de supervisar se todo estaba en condicións para efectuar o traslado, garantindo a seguridade de usuarias e traballadores nas súas áreas de responsabilidade?", pregúntase a CIG, que advirte que son eles os encargados de que o persoal "conte con todo o material necesario para traballar" ou de que o labor se faga "nunhas instalacións en condicións dignas para os traballadores e os pacientes". "Eles terían que ser os primeiros en denuncialo e non permitir que se inciarra o traslado sen cumprirse estas condicións", insiste. 

Os traballadores piden un diálogo que vaia máis aló dos máximos responsables e que implique os traballadores e a sociedade

Ante esta situación, a xunta de persoal pide "que se restableza o diálogo", pero esixe que non se limite á comisión técnica anunciada pola consellería e formada polos xefes de servizo e persoal da xerencia. Reclaman un cónclave máis amplo, que inclúa traballadores, enfermeiros, sociedade, sindicatos... En definitiva, que se convoquen os órganos de participación do propio hospital que tanto levan sen reunirse, xunta técnico asistencia ou comisións de participación cidadá. 

Todo porque, como recorda Ángel Cameselle, "as cousas non cambiaron" tras a chegada do novo conselleiro. "Houbo acordos e avances na problemática dos celadores, pero no resto seguen a suspenderse operacións, seguimos sen laboratorio nin área de esterilización, problemas nas Urxencias, falta de persoal e malas comidas", resume quen cre que, "aínda que os modelos sanitarios que se propoñan sexan distintos", iso non debe impedir "que se fale para intentar solucionar os problemas". 

Persoal do novo hospital de Vigo © Sergas
Protesta de traballadores do Sergas no Álvaro Cunqueiro CC-BY-SA CIG-Saúde

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.