Por cada euro en axuda ao desenvolvemento España destina 11,5 a gasto militar

Acción de cooperación exterior en Haití © Asamblea de Cooperación Por la Paz

No ano 2008 o gasto militar en España por habitante e ano era de 422 euros fronte a 103 euros en axuda ao desenvolvemento. Catro anos despois esa proporción triplicouse. Mentres se dedican 368 euros en gasto militar, só se destinan 32 euros a axuda ao desenvolvemento.

No ano 2008 o gasto militar en España por habitante e ano era de 422 euros fronte a 103 euros en axuda ao desenvolvemento. Catro anos despois esa proporción triplicouse

É dicir, en 2008 por cada euro á axuda aos países máis pobres dedicábanse catro ao gasto militar. Catro anos despois, por cada euro en axuda ao desenvolvemento destínanse 11,5 euros ao gasto militar. Son datos expostos no informe Voladura controlada da cooperación española, realizado por Carlos Gómez Gil, profesor universitario de cooperación ao desenvolvemento na Universidade de Alacante. No devandito informe expóñense outros datos que mostran como a axuda ao desenvolvemento se converteu en vítima duns recortes orzamentarios que toman forza en moita maior medida que outras partidas, en palabras de Gómez Gil.

Desde 2008 unha parte importante dos recursos da cooperación española canalizouse primeiro a través dos créditos FAD (Fondo de Axuda ao Desenvolvemento) e despois, a partir de 2011, a través do Fonprode (Fondo de Promoción do desenvolvemento). O informe denuncia que en 2011 o 58% da cooperación española se dedicou a este fondo económico e comercial.

A través do Fonprode se dedica parte da axuda ao desenvolvemento "a investir ou a comprar accións de fondos de investimento que invisten en países do sur"

Yolanda Fresnillo, do Observatorio da Débeda da Globalización, indica que a través do Fonprode se dedica parte da axuda ao desenvolvemento "a investir ou a comprar accións de fondos de investimento que invisten en países do sur. Isto ten moitos perigos, entre eles a falta de control; ademais estes fondos buscan por riba de todo unha rendibilidade no investimento". Algúns destes fondos financeiros opacos teñen a súa residencia en paraísos fiscais e operan en forma de SICAV (Sociedades de Investimento de Capital Variable), sociedades con grandes vantaxes fiscais, que en España tributan ao 1%.

En 2012 a Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento denunciou nun informe que nos orzamentos destinados a Cooperación ao Desenvolvemento “inclúense partidas cuxo impacto na loita contra a pobreza é cuestionable, como o caso do Fonprode, que non é outra cousa que préstamos, créditos e liñas de financiamento que os países que o reciben deben devolver”.

Algúns fondos de investimento aos que se destinou a axuda ao desenvolvemento e que teñen a súa sede en paraísos fiscais son o African Agriculture Fund (en 2010 recibiu 30 millóns de euros) ou o Fondo ISSIF para Infraestruturas na África Subsahariana (15 millóns) que se atopan nas illas Mauricio. O African Agriculture Fund ten como finalidade “apoiar empresas do sector privado que apliquen estratexias para asegurar e diversificar a produción e distribución de alimentos en África”.

O Fundo de Investimento Privado-ANGOLA SCA SICAV-SIF (que recibiu 6 millóns) ten a súa sede en Luxemburgo e está constituído como SICAV. Os seis millóns destinados en forma de axuda ao desenvolvemento son para que o Fundo leve a cabo “operacións de capital (ou outros instrumentos de financiamento a longo prazo) en empresas pequenas e medianas da economía angolana en xeral, fóra das do sector do gas e petróleo". O Goberno español tamén achegou 15 millóns ao Fondo Africano de Garantías, tamén con sede en Mauricio.

“O uso destes mecanismos está a incrementarse, dando a pensar que as finanzas para o desenvolvemento se están convertendo noutra sección dos mercados financeiros”

Como indicou Nicholas Hildyard, de Corner House, experto na análise dos fondos de investimento, “o uso destes mecanismos está a incrementarse, dando a pensar que as finanzas para o desenvolvemento se están convertendo noutra sección dos mercados financeiros”. De feito diversas ONGs denuncian que os intereses destes fondos sitúanse a prezo de mercado.

En opinión de Iolanda Fresnillo, “o Fonprode é un paso máis cara á privatización da cooperación internacional, que non responde á necesidade de facer fronte ao problema da xeración de axudas lexítimas, e que afasta a cooperación pública española do paradigma de cooperación transformadora”.


16.924 millóns de euros orzamentados pero non gastados

Nunca chegaron a gastarse 16.924 millóns, unha cifra que equivale ao 75% de todo o diñeiro orzado

En 2010 a axuda ao desenvolvemento descendeu até o 0,43%, a pesar de que a Unión Europea aprobou que os seus países membros destinasen o 0,51%. En 2010 baixou  ao 0,28%, e caeu até o 0,14% durante o primeiro ano de mandato de Rajoy, acadando a cifra máis baixa na historia da cooperación española e unha das máis reducidas entre os doadores mundiais.

Desde 2008 presupuxéronse en España 22.664 millóns de euros destinados á axuda ao desenvolvemento. Deles, segundo denuncia o informe mencionado, nunca chegaron a gastarse 16.924 millóns, unha cifra que equivale ao 75% de todo o diñeiro orzado. É dicir, non é que non se chegue ao 0,7%, senón que tampouco se executan as cantidades orzadas. “Para que as orzan se gastan menos o orzamentado” Moi sinxelo. Para aparentar que se destinan máis recursos dos que finalmente se executan”, denuncia o profesor Gómez Gil.


A evolución da calidade

Tras o Cumio de Desenvolvemento Social de Copenhague de 1995, os países doantes asumiron destinar cando menos un 20% da axuda ao desenvolvemento bilateral a financiar gastos de prioridade social básica para a poboación nos países en desenvolvemento, co obxectivo de coidar a calidade e a precisión dunha axuda á mellora das condicións de vida das poboacións máis empobrecidas. En España esa axuda, denominada Compromiso 20/20, situouse no 24,6% en 2008 e no 28% en 2009, pero caeu até o 15% en 2010 e até o 10,2% en 2011. Deste xeito estase incumprindo un acordo solemne asinado por España no seo de Nacións Unidas en 1996.


Defensa e Interior, xestores en aumento da cooperación

Desde 2008 Defensa viu dobrar os seus recursos na axuda ao desenvolvemento, do mesmo xeito que Interior, que multiplicou por tres os seus recursos desde 2008 a 2011

Os ministerios de Defensa e Interior teñen cada vez máis peso nos asuntos relativos ao apartado de cooperación. Desde 2008 Defensa viu dobrar os seus recursos na axuda ao desenvolvemento, do mesmo xeito que Interior, que multiplicou por tres os seus recursos desde 2008 a 2011.

Todo iso afecta o volume de recursos xestionados directamente pola axencia especializada en facer cooperación ao desenvolvemento por mandato do Goberno, a AECID, que segue perdendo peso. O ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, responsable por lei da dirección da política de cooperación, xestionará este ano só o 40% da Axuda Oficial ao Desenvolvemento, segundo advirte a Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento.

A financiarización da cooperación, unida aos recortes, está a xerar cada vez máis preocupación e denuncias no sector

A financiarización da cooperación, unida aos recortes, está a xerar cada vez máis preocupación e denuncias no sector. "Desmantelar a cooperación ao desenvolvemento en España significa apoiar a construción dun mundo arroxado ás forzas do mercado e os intereses privados, fronte á colaboración, a solidariedade e a responsabilidade global entre sociedades como valores apoiados polo conxunto da sociedade", remata o profesor Gómez Gil no seu informe.

Acción de cooperación exterior en Haití © Asamblea de Cooperación Por la Paz
Cadro comparativo co orzamento destinado a cooperación e gasto militar nos últimos cinco anos © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.