Neste artigo o analista especializado en tecnoloxía política Suso Baleato identifica os mecanismos xurídicos que lle garantirían a impunidade á cúpula do Partido Popular de ser imputados pola trama de corrupción interna descrita pola prensa e pecha o texto cunha reflexión sobre o modo de actuar en consecuencia.
De ser certos os feitos que se describen, cabería imaxinar a sombra do cárcere caendo sobre a cúpula do Partido Popular. Con todo a análise xurídica dos feitos proba que nada estaría máis lonxe da realidade
A publicación en prensa dun suposto caso de cobro sistemático de diñeiro negro por dirixentes do Partido Popular foi quen de converter a corrupción no tema principal da axenda mediática española, rexistrando incluso unha significativa repercusión internacional. As razóns deste impacto poden atoparse tanto no seu alcance político por afectar á cúpula do partido no goberno, como na súa extensión temporal por abarcar boa parte do actual período democrático. A gravidade do asunto, máis aló das oportunas consideracións morais, atópase na tipificación dos delitos presuntamente cometidos: evasión fiscal, financiamento ilegal do partido ou branqueo de capitais entre outros.
De ser certos os feitos que se describen, cabería imaxinar a sombra do cárcere caendo sobre a cúpula do Partido Popular; ou, polo menos, sobre aqueles altos cargos cuxas firmas certificasen recibir sobres con diñeiro negro en efectivo. Con todo a análise xurídica dos feitos proba que nada estaría máis lonxe da realidade. Tal como se demostra a continuación, absolutamente ninguén entraría no cárcere, e todos poderían continuar exercendo cargos públicos. Xa fosen simplemente testemuñas pasivas, intermediarios ou altos cargos imputados a impunidade sería total.
Dada a complexidade da trama, o gran número de actores e a diversidade dos posibles actos delituosos, divido a análise en tres partes. Na primeira, reviso a veracidade da información, na segunda examino a quen participarían na trama e na terceira a quen a organizaron. Finalmente, comparto unha reflexión un pouco para desafogarme e outro pouco para acompañar no transo a quen, como eu, entendemos que España está nun profundo proceso de cambio estrutural en cuxa dirección é necesario que participe a sociedade civil para evitar que esta crise acabe por converterse noutra errada transición.
Veracidade da información publicada: non hai probas
O carácter ilegal da operativa -a entrega en man de sobres con diñeiro en efectivo non contabilizado- estende a situación de ilegalidade tanto ao mecanismo de subministración do diñeiro utilizado como á actividade económica na que tiña a súa orixe
A información baséase no testemuño dunha persoa tan próxima ás finanzas do partido como pode selo quen resultou ser o seu máximo responsable económico desde que fose fundado en 1989. Resulta difícil atopar unha testemuña máis acreditada ca esta. O testemuño describe un mecanismo de incentivos económicos localizado na estrutura executiva da organización que, por eludir as correspondentes obrigas tributarias, operaba na ilegalidade contable e fiscal. Por operar na ilegalidade, o sistema garantía o silencio dos seus partícipes; pola elevada contía dos incentivos aseguraba a complicidade de quen aspiraban a participar; e, debido ao alto custe que suporía a súa denuncia inhibía a quen, coñecéndoo, non desexaban -ou non podían- participar nel. O carácter ilegal da operativa -a entrega en man de sobres con diñeiro en efectivo non contabilizado- estende a situación de ilegalidade tanto ao mecanismo de subministración do diñeiro utilizado como á actividade económica na que tiña a súa orixe.
Falta por ser publicado o único que podería converter o que parece verídico nun feito veraz: os recibos, asinados polos dirixentes involucrados, que acrediten a entrega de sobres ilegais e, con iso, a existencia deste mecanismo ilegal de incentivos
A existencia deste mecanismo de incentivos parece plausible; o seu funcionamento entra dentro da lóxica da organización e explicaría a súa permanencia no máis absoluto segredo ao longo do tempo. Por se o testemuño do tesoureiro e a lóxica interna resultasen insuficientes para acreditar o relato dos feitos, os máis escépticos veriamos corroborada a súa veracidade nos testemuños que o ratifican de forma pública e en medios distintos ao que orixina a noticia. A historia xornalística é, desde o punto de vista literario, moi boa; pero cabe sinalar que a diferenza entre un traballo xornalístico e outro novelesco radica na posibilidade de presentar probas do que se afirma. E aquí é onde nos atopamos co primeiro escollo, pois falta por ser publicado o único que podería converter o que parece verídico nun feito veraz: os recibos, asinados polos dirixentes involucrados, que acrediten a entrega de sobres ilegais e, con iso, a existencia deste mecanismo ilegal de incentivos. Non é posible alegar a este respecto a necesidade de preservar o segredo profesional, pois este unicamente afecta á identidade das fontes, non ás probas que fan veraz a información.
Poderiamos pechar aquí a cuestión e tratar de esclarecer os posibles intereses que poderían motivar a un editor xornalístico a difundir unha información sobre a que non publica probas pertinentes. Coñecida a dependencia por parte da prensa española a respecto das subvencións gobernamentais, o móbil económico podería resultar igual de plausible tal como foi publicado tamén. Pero supoñamos por un momento que acabe por instanciarse un proceso xudicial e analizemos as posibles responsabilidades penais nas que poderían incorrer as persoas implicadas nesta suposta trama. Para iso teremos que avaliar as posibles penas en función da súa específica casuística.
Os beneficiarios de sobres: indemnes
Cabería a posibilidade de que algúns dirixentes populares puidesen declarar o cobro destes sobres ante a Axencia Tributaria, en concepto de pago por produtividade ou algo similar
Caso primeiro: os honrados. Están, ante todo, aquelas persoas que aceptaron sobres con diñeiro en efectivo. Coller un sobre con diñeiro non é algo ilegal per se; basta con declarar o ingreso en Facenda e xustificalo convenientemente. Cabería por tanto a posibilidade de que algúns dirixentes populares puidesen declarar o cobro destes sobres ante a Axencia Tributaria, en concepto de pago por produtividade ou algo similar. O suposto é pouco probable, posto que ao declarar un ingreso do que se presupón a súa ilegalidade estase a achegar probas indiciarias dun delito que o fisco podería detectar. En todo caso, e aínda sendo improbable, sería posible, o que nos leva ao primeiro caso de exculpación: pois, de darse ese suposto, quen declarase o ingreso de sobres quedaría exhonerado de toda responsabilidade, posto que a declaración dos ingresos supón o cumprimento da obriga fiscal e non implica o coñecemento da súa orixe. Caso primeiro pechado; non hai delicto. Resultado: ninguén vai ao cárcere.
Caso segundo: os cargos intermedios. O máis probable, con todo, é que os perceptores non declarasen ese diñeiro á Facenda Pública. Supoñendo que o xuíz dispoña dos recibos asinados polo dirixente corrupto, nese caso habería que observar o montante das cantidades percibidas. Tal como establece o código penal, a contía defraudada debe superar os 120.000 euros para ser considerada delito fiscal. A non ser que o tesoureiro achegara recibos cobrados por un dirixente por un montante maior, a cousa quedaría circunscrita ao ámbito da infracción tributaria, que non leva inhabilitación nin pena de cárcere. Non podería probarse a existencia dun delito fiscal neste caso e o infractor como moito pagaría unha multa. Caso dous pechado; é unha infracción, non un delito. Resultado: ninguén vai ao cárcere.
Tal como establece o código penal, a contía defraudada debe superar os 120.000 euros para ser considerada delito fiscal
Caso terceiro: os altos cargos. Supoñamos que a policía entra á sede do Partido Popular e logra incautarse de recibos, asinados polos seus perceptores, de sobres cobrados e non declarados por algún dirixente e que superasen o fatídico límite dos 120.000 euros. É complicado, pero é posible e estariamos, entón si, no caso dun delito fiscal. Pero. Os delitos, tamén os fiscais, están afectados pola figura da prescrición, é dicir, a consolidación dunha situación de feito que causa a extinción dun dereito: neste caso, a extinción do dereito da Administración Tributaria para esixir as responsabilidades correspondentes. O tempo que define a prescrición dun delito establécese en función da pena imposta que, no caso de delito fiscal, depende da cantidade defraudada. Deste xeito temos que os de natureza fiscal, prescriben ao catro anos coa excepción dun suposto agravado que o fai aos dez. O suposto agravado analizareino despois en detalle; en canto ao estándar, nel precisamente atoparíanse os delitos presuntamente cometidos polos dirixentes do Partido Popular se damos por bo o testemuño xornalístico do tesoureiro: un testemuño que, xa sexa por azar ou por casualidade, sitúaos precisamente no ano 2009. Caso tres pechado; o delito prescribiu. Resultado, ninguén vai ao cárcere.
Os delitos de natureza fiscal, prescriben ao catro anos coa excepción dun suposto agravado que o fai aos dez
Caso cuarto: as testemuñas. Quedarían, finalmente, aquelas persoas que, sendo coñecedoras, non participaran na trama. En España, o coñecemento dun delito require a súa denuncia, a risco de pasar a ser considerado cómplice da súa comisión; estarían neste caso por exemplo os traballadores da sede e moitos dos militantes máis veteranos. Con todo, o delito non se materializa pola mera denuncia da súa comisión, senón que require ademais a presentación de probas que o testemuñen. Como xa se deixou sinalado, unicamente os recibos asinados poderían ser proba suficiente e, ao non participar na trama, non terían acceso a eles. Sen probas non hai delito, e sen delito non hai pena. Por tanto, caso cuarto pechado: as testemuñas son inocentes. Resultado: ninguén vai ao cárcere.
Os organizadores: exculpados
O Tribunal de Contas, precisa empregar polo menos cinco anos para completar as súas auditorías: calquera posible ilegalidade detectada entraría directamente no suposto de prescrición no mesmo momento da súa denuncia
Caso quinto: os intermediarios. Mencionouse tamén a ilegalidade do mecanismo de subministración do diñeiro negro e, por tanto, a posible inculpación das persoas involucradas no seu funcionamento, á marxe xa dos executivos do partido beneficiados mediante os sobres. O relevante aquí é entender que, ao tratarse de ingresos asociados ao funcionamento do PP, sería tipificado como un caso de financiamento irregular do partido. Podería tratarse de doazóns ou de calquera outra orixe, tanto legal como ilegal. De novo, as infraccións atópanse suxeitas á figura da prescrición que, tras a modificación introducida en 2012 polo Partido Popular na lei, indica que as infraccións por financiamento irregular de partidos prescriben ao catro anos; de novo, posto que os feitos se cometeron no ano 2009, tamén estariamos ante un caso de prescrición. De feito, é este o mecanismo que utilizan os partidos para garantir a súa impunidade, posto que a institución encargada de monitorizar a súa contabilidade, o Tribunal de Contas, precisa empregar polo menos cinco anos para completar as súas auditorías: calquera posible ilegalidade detectada entraría directamente no suposto de prescrición no mesmo momento da súa denuncia. En calquera caso, suposto quinto pechado: non é delito senón infracción e, ademais, prescribiu. Resultado: ninguén vai ao cárcere.
Caso sexto: os responsables intelectuais. Trataríase aquí do suposto de delito fiscal agravado antes mencionado, o que prescribe ao dez anos. A tipificación deste delito vén codificada no artigo 305 bis do Código Penal, e nel inclúense os delitos que superen os 600.000 euros, que utilizasen medios sofisticados para ocultar a identidade do defraudador -é dicir, o uso de paraísos fiscais, homes de palla, armazóns societarias ou similares- ou que se cometeron no seo dunha organización criminal. En canto a esta última posibilidade, basta referirse ao modo en que as grandes multinacionais utilizan eses mesmos mecanismos de forma impune para eliminalo da casuística; por outra banda, o diñeiro situado en paraíso fiscais quedaría regularizado mediante a amnistía fiscal decretada recentemente polo goberno. En canto ao límite de cartos, resulta inverosímil pensar que o tesoureiro poida deixar ao alcance dun xuíz recibos por un importe superior a eses 600.000 euros, posto que calquera cantidade inferior valeríalle para imputar a calquera librándose ao mesmo tempo do cárcere. En canto ao suposto restante, unicamente podería ser de aplicación se o Partido Popular chegase a ser considerado unha organización criminal. Deixo a xuízo do lector valorar as posibilidades pero, en ausencia de recibos que o impidan, tamén o caso sexto se pecha co mesmo resultado: non hai causa penal. Resultado: ninguén vai ao cárcere
É posible que unha vez finalizado o xuízo e ser ditada a sentenza, esta poida perder parcial ou completamente o seu efecto en virtude desoutra institución que recentemente comezou a ser cuestionada: o indulto
Caso sétimo, e último: os culpables. Finalmente, é posible que, a pesar de toda a casuística descrita, puidese haber persoas que contra todo prognóstico puidesen acabar no cárcere, como pode ser o caso do tesoureiro que dá conta destes feitos, imputado noutra trama quizá conectada con esta. A privación efectiva de liberdade é a única consecuencia seria que os políticos involucrados poderían temer, pois é o único que o diñeiro non pode comprar unha vez que a sentenza foi ditada. Supostamente, a institución xudicial é a máxima autoridade en materia penal e, por tanto, a única a quen poden temer estas persoas. Con todo, é posible que unha vez finalizado o xuízo e ser ditada a sentenza, esta poida perder parcial ou completamente o seu efecto en virtude desoutra institución que recentemente comezou a ser cuestionada: o indulto. Son ben coñecidos os casos de indultos que exoneran o cumprimento da pena mesmo en casos de torturas -probablemente, o máis grave dos delitos que poidan cometerse no seo dunha institución democrática. Nada lle impediría ao goberno indultar ao tesoureiro, ou a calquera outra persoa involucrada, unha vez ditada a sentenza. De darse o caso poderiamos tamén pechar o caso sétimo; o goberno indulta aos culpables. Resultado: ninguén acaba no cárcere.
Conclusión: é necesaria unha mobilización xeral
Na miña opinión o bombazo informativo responde a unha estratexia calculada na que ninguén vai ao cárcere e todos perden excepto o editor do xornal e o tesoureiro se o goberno cede á presión concedéndolles, respectivamente, a subvención e o indulto
Non serei eu quen defenda aquí a institución carceraria nin tampouco quen poña en cuestión a veracidade da información publicada. Non vou ocultar, con todo, que na miña opinión o bombazo informativo responde a unha estratexia calculada na que ninguén vai ao cárcere e todos perden excepto o editor do xornal e o tesoureiro se o goberno cede á presión concedéndolles, respectivamente, a subvención e o indulto. Digo que todos perden porque fundamentalmente quen máis perde é a sociedade española, que no medio da maior recesión económica, atópase desprovista dunha elite gobernante capaz de exercer a función que ten encomendada.
Recoñezo que me irrita o que podo deducir da información publicada, pero o certo é que nin existen probas nin tipos penais capaces de converter esa impactante historia xornalística nun proceso xudicial efectivo, polo que non vou deixar que esa irritación nubre o meu raciocinio ante o fenómeno da corrupción. Dificilmente poderá resolverse ese problema carecendo, como carecemos, dun contexto moral que a condene e dunha teoría sólida que explique por que a corrupción é un problema. A final de contas, cando a corrupción prospera é cando os medios proporcionados polas institucións correspondentes requiren un custo superior ao que ofrecen as redes de corrupción para lograr o mesmo obxectivo. Lamentablemente, nos lugares onde as redes clientelares están máis estendidas, como en Galicia ou Valencia, é moito máis eficiente desde o punto de vista económico dedicar recursos a prosperar dentro do Partido Popular que a formarse, facerse un curriculum e actuar de forma honesta. Emigrar é sempre unha opción á vista, iso en Galicia sabémolo ben.
Nos lugares onde as redes clientelares están máis estendidas, como en Galicia ou Valencia, é moito máis eficiente desde o punto de vista económico dedicar recursos a prosperar dentro do Partido Popular que a formarse, facerse un curriculum e actuar de forma honesta.
Por se a alguén puidese interesarlle a miña opinión, eu entendo que non é a corrupción o problema fundamental, como tampouco o é o Partido Popular, o PPSOE ou a Esquerrovergéncia. A corrupción é tan só unha consecuencia da estrutura política e a urdimbre moral das sociedades españolas, que converte o Estado nunha maquinaria demasiado ineficiente e custosa para satisfacer a función que a Teoría Política lle confire. Penso que o actual déficit estrutural e moral é unha consecuencia das dinámicas que nosas elites -iso que se deu en denominar popularmente como caste política ou, na súa versión académica, elites extractivas- pon en marcha para manter a súa posición dominante; e que as súas orixes poden identificarse no errado proceso de transición á democracia. A resolución do problema require, polo menos, modificar a Lei Electoral para que contemple o uso de listas abertas e a representación proporcional das nacións españolas, a modificación da Lei de Partidos para regular o seu financiamento e o seu funcionamento, e establecer os mecanismos de coordinación inter-territorial necesarios para facer viable a configuración federal que o texto da actual Constitución articula xa de feito. Non son grandes cambios nin requiren alterar a Constitución, que dá cabida a todo iso. E, de ser necesario modificala, ninguén debería asustarse: tivemos exemplos recentes de como un volume suficiente de presión política permite facelo sen grandes traumas institucionais. Iso si, ningún cambio relevante podería vir do actual sistema de partidos, que foi definido basicamente para preservar o actual status quo. Entón, como facelo posible?
Non son grandes cambios nin requiren alterar a Constitución, que dá cabida a todo iso. E, de ser necesario modificala, ninguén debería asustarse: tivemos exemplos recentes de como un volume suficiente de presión política permite facelo sen grandes traumas institucionais
Cando as estruturas políticas dun réxime non permiten a súa necesaria actualización só caben dúas saídas posibles: a mobilización social cívica ou, na súa falta, o conflito de violencia bélica e institucional. O conflito bélico é ben fácil de instanciar en España como ilustra a historia recente; calquera dos múltiples e profundos cleavages que atravesan a sociedade española testemúñano. A posta en marcha dunha mobilización social é en cambio bastante máis complexa posto que non apela tanto aos instintos primarios como á necesidade dunha reflexión colectiva que leve a determinar as causas da situación, identificar unha alternativa mellor e desvelar o modo de facela posible: pura praxeoloxía. Entendo que o fenómeno -que non movemento- do #15m contribuíu de forma efectiva na primeira do tres fases, pero aínda non existe un diagnóstico sólido da situación.
Entendo que o fenómeno -que non movemento- do #15m contribuíu de forma efectiva na primeira do tres fases, pero aínda non existe un diagnóstico sólido da situación
Existen algunhas propostas, como a que eu mesmo compartín no parágrafo anterior, para identificar esa alternativa mellor; pero para que poidan cristalizar é necesario que teña lugar un proceso colectivo de reflexión que polo momento aínda non eclosionou. En canto ao terceiro paso, é seguro supor que requirirá esgotar o amplo repertorio que a resistencia pacífica e a desobediencia civil ofrecen; pero esa é a parte que menos me preocupa: quen tivemos a oportunidade de participar na mobilización social que tivo lugar en resposta á parálise institucional na crise do Prestige, vimos como mesmo as sociedades máis precarizadas son capaces de atopar o seu propio camiño cando chega o momento.
Só mediante a participación da cidadanía na dirección do actual proceso de adaptación ao novo escenario de gobernanza global poderemos evitar a execución dunha nova transición errada
Só mediante a participación da cidadanía na dirección do actual proceso de adaptación ao novo escenario de gobernanza global poderemos evitar a execución dunha nova transición errada. A participación neste proceso non só optimizará as posibilidades de introducir as reformas sinaladas na estrutura política do Estado: sobre todo, permitirá reverter a degradación moral que se está facendo evidente nesta crise, ao tomar conciencia e dominio na xestión do que nos é común. A miña impresión é que ese proceso de cambio está xa en marcha, e que o tema da corrupción está a lograr precipitar o que empezou a cristalizar co fenómeno dos indignados. A risco de que a violencia bélica ou institucional tome a iniciativa, o que debemos facer é promover a mobilización xeneralizada, mobilizando a nosa contorna afectiva, laboral e político no sentido indicado -e deixándonos mobilizar por el. Ogallá que estas anotacións poidan contribuír a iso.