Praza Pública: informe de transparencia nº 2

Gráfico nº 1. Prestación de contas actualizada a 31/10/2012 Dominio Público Praza Pública

Dando continuidade á política de transparencia e prestación de contas á comunidade de lectoras e lectores, Praza Pública publica o segundo informe de transparencia, no que se actualizan os datos incluídos no anterior, evitando repetir as informacións redundantes a respecto daquela primeira entrega.

 

Informe xurídico e organizativo

 Os aspectos novidosos no plano organizativo desde o anterior informe son dous. O primeiro, que a comisión de recursos económicos, creada no seo do padroado da fundación, deu comezo ás campañas de captacións de novos doadores e de inserción de publicidade. O segundo, a asinatura dun convenio de colaboración con eldiario.es, que inclúe a publicación da sección Galicia desde o día 04 de outubro e sendo a primeira edición territorial nese xornal de ámbito estatal.

 

A comunidade de Praza en cifras
(actualizadas a 06/11/12)

 

Mantense o compromiso de crear o Consello Asesor antes do primeiro aniversario do lanzamento do xornal, que se cumprirá o próximo 1º de febreiro. Ademais, estase a enviar información regularmente a todas as persoas doadoras e encóntrase en proxecto a campaña de nadal e fin-de-ano, coa cal esperamos poder alargar o número de persoas implicadas ao tempo que retribuír o voso apoio.

 

En cifras, esta é hoxe a dimensión da comunidade de Praza Pública (entre paréntese, a variación entre o 18/09/12 e o 06/11/12):

 

  • Sistema de comentarios Disqus: 2.283 usuarios rexistrados (+28,7% no último mes e medio) | 19.053 comentarios (+26,7%) | 61.072 gústames (+31,2%)

  • Twitter: 6.357 seguidores (+17,2%) | 19 novos seguidores/día | entre o 0,37% das contas máis retuiteadas | alcance directo de 11.577 persoas e indirecto de 75.678 persoas (o 64,6% delas, en máis de 1 ocasión só nos últimos 50 tuits)

  • Facebook: 4.906 seareiros (+8,7%) | até 37.094 lectores/semana

  • Chuza: 350 novas publicadas (+11,8%).

  • Menéame: 13 novas publicadas (+30%).

 

Datos de audiencia
(actualizados a 31/10/12)

 

Nos meses de setembro e outubro, o incremento da audiencia foi moi notable, como se pode comprobar nas cifras a seguir e mais nos gráficos que acompañan este informe. De feito, neste período Praza Pública vén de bater as súas mellores marcas de audiencia, tanto na media como nos picos máximos –coa única excepción dos días iniciais do lanzamento do xornal. 

Praza Pública vén de bater as súas mellores marcas de audiencia

 

I. Datos acumulados (do 1º de febreiro ao 31 de outubro)

 

Audiencia total

 

  • 3.450.815 páxinas vistas + 97,531 páxinas vistas do Obradoiro (comunidade de blogs)

  • 1.684.058 visitas + 61,909 visitas do Obradoiro

  • 428.943 lectores únicos + 30,885 lectores únicos do Obradoiro

 

Procedencia das visitas

 

  • Xeograficamente: 73,73% Galicia | 19,79% resto do Estado español | 6,48% outros 146 países.

  • Fontes: 45,33% webs de referencia | 33,71% acceso directo | 20,95% procuras na web. 

     

II. Datos do período entre 01/09/12 e 31/10/12

 

 

Outro dato relevante é a incorporación de eldiario.es entre as principais fontes de tráfico (0,81% entre 04/10/12 e 31/10/12), aínda que por agora a moita distancia das redes sociais Facebook, Twitter, Chuza e Menéame –que seguen a liderar, por esa orde.

 

Informe económico

(actualizado a 31/10/12)

 

No gráfico nº 1, pódense consultar todos os datos de ingresos e gastos desde o lanzamento do xornal até o final de outubro. 

En só dous meses, o xornal deu un salto de xigante cara á súa sustentabilidade: os ingresos pasaron de representar o 19,5% dos gastos a cubrilos nun 72,1%

 

A principal noticia é que no conxunto de setembro e outubro, os ingresos subiron até representaren o 66,9% dos gastos, porcentaxe que considerando só o mes de outubro ascende ao 72,1%. No período anterior (febreiro – agosto), os ingresos só equivalían ao 19,5% dos gastos, o que significa que en só dous meses o xornal deu un salto de xigante cara á súa sustentabilidade. Con todo, para conseguir o obxectivo é necesario non só manter senón incrementar o ritmo de doazóns e de ingresos por publicidade, polo que reiteramos o noso chamamento para podermos seguir a facer un xornal libre, independente e plural, cuxa principal fortaleza radique nunha comunidade –o máis ampla e comprometida posible– de lectoras e lectores que exerzan como auténticas(os) propietarias(os) do xornal.

 

Desde o anterior informe de transparencia, pasamos de 235 a 320 persoas doadoras, un incremento importante (do 36,2%) mais que aínda representa somente unha pequena porcentaxe en relación coa audiencia de Praza. Precisamos da implicación de moita máis xente, primeiro para equilibrar as contas –estamos no bo camiño– e despois para pensarmos en crecer e ofrecervos un xornal cada vez mellor. Estamos no bo camiño e convídamosvos a dar un paso adiante para atinxir o noso común obxectivo.

 

Gráfico nº 1. Prestación de contas actualizada a 31/10/2012 Dominio Público Praza Pública
Gráfico nº 2. Páxinas vistas e visitantes totais (media diaria mes a mes) Dominio Público Praza Pública
Gráfico nº 3. Lectores únicos (total mensual) Dominio Público Praza Pública
Gráfico nº 4. Datos de audiencia no período electoral (do 04 ao 22 de outubro). Dominio Público Praza Pública
Gráfico nº 5. Alcance da conta @prazapublica en Twitter. Fonte: tweetreach.com (06/11/12) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.