Por tras dos vaqueiros que se compran nas tendas do primeiro mundo escóndese unha realidade moi pouco amable. "Salarios miserentos que non cobren as necesidades básicas, xornadas extensas, condicións laborais inhumanas e perigosas, traballo infantil ou ausencia de sindicatos legalmente constituídos son algunhas das violacións de dereitos fundamentais que se producen no sector téxtil". A Coordinadora Estatal de Comercio Xusto vén de publicar un informe sobre a situación do sector téxtil no mundo, un sector que esconde "situacións de escravitude moderna": as organizacións denuncian que as grandes compañías da moda seguen vulnerando os dereitos laborais máis elementais.
Quen fai a nosa roupa? O perfil é o dunha muller asiática con xornadas que poden chegar ao catorce horas diarias e salarios que poden ser estar entre 50 e 100 dólares mensuais.
Por que Asia. Ningunha das cincuenta compañías líderes do sector téxtil no mundo garanten salarios dignos, a pesar de que así o recollan as súas memorias de Responsabilidade Social Corporativa, asegura o informe. "No sector téxtil, a explotación laboral é a norma máis que a excepción. As empresas externalizan a produción alí onde os salarios son máis reducidos e as condicións de sindicación, máis precarias". As compañías fíxanse, sobre todo, no sueste asiático e a India: o 60% da produción de pezas de vestir concéntrase en Asia.
"As empresas externalizan a produción alí onde os salarios son máis reducidos e as condicións de sindicación, máis precarias"
Salarios baixos. Nun sector que move 34.000 millóns de euros ao día só en Europa, o salario medio das persoas que traballan no téxtil no mundo é de seis euros diarios. Ese salario é moito menor en países como Bangladesh e Vietnam, que contan cos soldos máis baixos do mundo, dun cincuenta dólares mensuais (pouco máis de 40 euros).
En Bangladesh e Vietnam os soldos son duns 40 euros ao mes
A pesar de que o derrube da Rana Plaza en Bangladesh impulsou unha vaga de protestas e de presión internacional e algúns países aumentaron os salarios, as subidas foron insuficientes. En Cambodia, por exemplo, o salario mínimo incrementouse até 128 euros mensuais, aínda lonxe do nivel que a Alianza por un Salario Digno en Asia recomenda: esta rede de sindicatos e organizacións calcula que serían necesarios 283 dólares mensuais para cubrir as necesidades básicas.
Un sector feminizado. O 80% das persoas que traballan na elaboración de roupa son mulleres e a maioría, novas. Aínda así, os salarios das mulleres son máis baixos que os dos homes do sector, segundo a Campaña Roupa Limpa. O soldo das traballadoras é entre un 10% e un 50% inferior que o dos seus compañeiros homes que realizan traballos iguais ou do mesmo valor. "Como se ven obrigadas a traballar máis para chegar a fin de mes, é común que sufran esgotamento e lesións causadas pola tensión e a sobrecarga de traballo", di o documento.
As empresas ven vantaxes en contratar mulleres. Consideran que as súas mans son máis áxiles para a costura, o corte e a confección
Por que esta feminización? As empresas ven vantaxes en contratar mulleres. Consideran que as súas mans son máis áxiles para a costura, o corte e a confección. "Adoitan contar con menos organización sindical e é máis fácil contratalas por un breve espazo de tempo e un salario moi baixo, pois se asume que o ingreso familiar principal é o do home", sinala o informe. Con todo, moitos estudos demostran que, a nivel mundial, cada vez son máis as mulleres que teñen a responsabilidade de soster ás familias.
Xornadas de doce horas. As xornadas laborais destas traballadoras son de entre doce e catorce horas, aínda que poden chegar a estenderse até as 16 horas. Os centros de traballo de cando en vez reúnen as mínimas condicións de seguridade e saúde laboral. As organizacións denuncian unha fustrigación sistemática aos sindicatos para impedir a mobilización laboral e a esixencia de mellores condicións.
En Bangladesh, rexistrar un sindicato era moi difícil. Despois da traxedia da Rana Plaza, o Goberno cambiou a lexislación para facilitar a súa legalización, pero a represión persiste.