“Os recortes non veñen para o ano que vén, senón que xa están aquí e xa os levamos sufrindo meses; agora virán máis”. Helena Gómez fala con indignación. Presidenta da ANPA Xanela do CEIP María Pita da Coruña e membro da Federación Provincial de ANPAs da Coruña, é tan só unha dos milleiros de pais e nais que se rebelan ante os axustes que están a sufrir os centros públicos por parte da Xunta e que provocarán, na súa opinión, unha crecente mobilización das familias.
“Estamos moi preocupados”, reflexiona Gómez, que cita as principais problemáticas que están a afrontar e afrontan as familias de cara ao curso vindeiro e que as ANPAs (asociacións de nais e pais de alumnos) levan tempo analizando. “Haberá un aumento de ratios e moitos menos docentes, os profesores non terán tempo para a atención personalizada nin para titorías, pérdese a atención a diversidade ou os desdobres, haberá menos horas de bibliotecas, peches de laboratorios... ”, enumera.
"Os recortes do Goberno estanse cebando descaradamente coa escola rural"
Helena Gómez coñece de preto a realidade urbana cos colexios públicos, pero sabe tamén dos problemas da escola rural, que cre que é “onde o Goberno se está cebando descaradamente”. “Xa están a anunciar o peche de unidades, a supresión de profesores e reagrupamentos pedagoxicamente absurdos”, relata a presidenta da ANPA Xanela, que advirte das dificultades dos pais e comunidade escolar das vilas e aldeas para facerse oír.
Da mesma opinión é Elvira Lombao, presidenta da Federación provincial de Anpas de centros públicos de Lugo (Fapacel), e que cre tamén que o rural “é o máis afectado” nesta onda de recortes malia que “o Goberno sempre dixo que quería favorecer estas zonas”. “Fan o contrario do que din porque se o primeiro que fan é eliminar colexios ou empeorar as súas condicións, as familias van marchar de rural e a ningunha outra se lle vai ocorrer instalarse alí”, reclama.
Ambas as dúas teñen pouca esperanza no diálogo coa Consellería de Educación. “A día de hoxe, na en Lugo, non temos ningunha esperanza de que se modifique nada”, asume Lombao, á que a administración xa lle manifestou a imposibilidade de variar os plans e que na provincia implican, tan só de principio, a supresión de 54 profesores e de 40 unidades.
"Intentaremos o diálogo, pero se a Xunta non atende a razóns, chamaremos á mobilización dos pais e nais"
“O primeiro que imos intentar é o diálogo, pero se na Xunta non atenden a razóns, que está da nosa parte, chamaremos á mobilización dos pais”, advirte Gómez, que sabe que iso suporía un fito, ao ser as familias as que decidan tomar a iniciativa das protestas. “É moi posible que haxa mobilizacións porque estamos moi cansos; se o facemos, xa non poderán dicirnos, como lle din aos docentes, que o facemos polo noso salario; se os que protestan son os pais saben de sobra que todo se fai porque estamos fartos e de forma gratuíta e voluntaria”, lembra.
E nin unha nin a outra ven outra alternativa. As manifestacións de familias e nenos en varias zonas rurais prenderon a mecha dunhas protestas que continuarán a partir de setembro. Porque non hai outra opción. “A Xunta é moi consciente de cando anuncia os recortes, xusto cando xa non hai Anpas nos centros e cando os pais están de vacacións e é moi difícil mobilizalos”, recoñece Elvira Lombao que, no entanto, recorda que xa teñen data para retomar as mobilizacións: o vindeiro 3 de setembro, á volta do verán. E todo, malia a dificultade que para estas protestas hai “nun rural disperso e con grandes distancias”.
"Que se deixen de concertos coas privadas e que aumenten a rede pública e invistan onde teñen que investir"
Pero hai motivos. “Vemos negro o futuro da educación pública”, insiste Lombao, que se queixa dos “moitísimos menos recursos” dos que dispón a escola pública en comparación coa concertada. “Séguense asinando concertos, danlles cartos para fomentar o plurilingüismo e para o proxecto Abalar... Todo mentres a nós nos deixan sen nada”, asegura.
Helena Gómez é máis clara aínda. “Pedimos que pechen os concertos dunha vez e que invistan os cartos onde teñen que investilos: na educación pública”, reclama. Así, quéixase dos privilexios duns centros privados que reciben subvención pública e que se benefician tamén de axudas públicas “e do mesmo xeito que os colexios públicos”. Refírese a pequenas achegas económicas pero tamén a outras menos visibles que cre que se deben á intención do Executivo de “soster con fondos públicos unha educación elitista”. “Hai que deixarse de concertos e ampliar a rede pública”, insiste.
"Tratan de que a pública volva ser unha escola como a dos anos 40 ou 50, a dos pobres sen recursos"
“A sensación que temos é que tratan de que a pública se volva unha escola como nos anos 40 e 50, a dos pobres á que só acceden os que non teñen outra forma de escolarizarse e que carecen de recursos”, advirte Elvira Lombao, que ve nos recortes unha intención moito máis aló do aforro. Unha razón ideolóxica. “Os axustes nos centros públicos son brutais e eu aínda agardo máis nas vindeiras semanas”. “Que se respecte a escola pública porque todo o mundo ten dereito a ela; quen queira un colexio privado, que o pague, pero que saiba que non por iso vai ser mellor nin academicamente nin a nivel de coidado, nin de cariño nin de atención”, reivindica Gómez.
Así, unha e outra advirten dos problemas engadidos da escola pública e que chegan derivados en moitas ocasións da concertada. “Nos centros concertados non adoita haber atención á diversidade e os nenos que precisan dun tratamento especial veñen á pública porque sempre foi aglutinadora; agora que nos están a recortar, como imos facer con ese neno que precisa reagrupamento ou un reforzo?”, pregúntase Helena Gómez, referíndose tan só a un exemplo.
"Non é momento de separación; é lamentable que non haxa unidade polas discrepancias sindicais"
Por isto e por moitas cousas máis, Helena e Elvira advirten de mobilizacións e protestas nas que os pais se unirán aos sindicatos e aos docentes. No entanto, Gómez é “moi crítica” coa división das plataformas transversais en defensa do ensino público. “Non é momento de separación ante a gravidade do momento; que non se acade a unidade por discrepancias sindicais paréceme lamentable”, quéixase, aínda que xa advirte que os pais participarán en todas as manifestacións que poidan. “Antes facíase ver que as protestas eran só dos profesores, pero cando a unha nai ou pai lle tocan de preto os recortes, cando ve que o autocar non pasa por onde ten que pasar, cando o seu fillo non ten acceso á biblioteca, cando non hai profesores suficientes, cando non teñen titorías... Iso toca a fibra sensible das familias, que acabarán saíndo á rúa”.