Reiníciase o xuízo do Prestige xusto dez anos despois da catástrofe

Marea negra do Prestige © Greenpeace

Xusto dez anos despois do comezo da catástrofe reiníciase o xuízo do Prestige. Será este martes 13 de novembro, unha década despois de que os servizos marítimos recibisen unha chamada de socorro pasadas as tres da tarde alertando dunha vía de auga nun petroleiro con 27 tripulantes, a 28 millas de Fisterra e cargado con 77.000 toneladas de fuel. O que veu despois, a maior desfeita ambiental na historia de Galicia e do Estado, unha marea de indignación social, milleiros de voluntarios para a limpeza das costas e a discutida e errática xestión dun problema que acabou convertido nun desastre para o país.

Organizacións ecoloxistas, plataformas sociais, confrarías e formacións políticas lamentan que os responsables políticos daquela catástrofe non senten no banco dos acusados e que mesmo a maioría deles fosen premiados con máis e mellores cargos na Administración durante os últimos dez anos, un tempo que consideran inasumible para celebrar un xuízo. Ademais, tanto a organización Nunca Máis como Greenpeace veñen de presentar informes nos que recoñecen avances na protección da costa ou nas políticas anticontaminación, pero nos que fan evidente que "outro Prestige é posible" e que hai numerosas eivas en canto á prevención e á preparación do Estado ou da comunidade autónoma de cara a unha hipotética marea negra.

O xuízo reiníciase coa declaración do capitán Mangouras, o principal acusado

Sexa como for, o xuízo reanúdase na Coruña este martes coa declaración do principal acusado, o capitán do petroleiro, o grego Apostolos Mangouras, de 76 anos, para o que se piden 12 anos de prisión por atentado contra o medio ambiente, danos e desobediencia. E reiníciase o macroxuízo logo de que os pasados 16 e 17 de outubro numerosas partes presentasen alegacións e reclamasen a admisión de máis testemuñas ou probas periciais.

Daquela, o tribunal que xulga a causa rexeitou a petición de nulidade solicitada polos principais acusados, Mangouras, e o xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos, polo que a vista reanudarase con normalidade este martes. Foi o avogado do capitán do barco, José María Ruiz Soroa, quen solicitara a nulidade da causa argumentando que a armadora do petroleiro, Universe Maritime, declarada responsable civil subsidiaria, non foi citada ao proceso. Xa que logo, a defensa entende que só cabe excluíla como responsable civil ou suspender temporalmente o proceso para citalos.

Pola súa banda, a defensa do xefe de máquinas solicitou a nulidade parcial do auto de apertura do xuízo oral ao considerar que as acusacións dirixidas contra o seu patrocinado por diversos organismos e empresas son "imprecisas, irregulares, equívocas e causan indefensión".

Nun auto ditado o pasado 31 de outubro que responde a cuestións previas expostas polas partes nas dúas primeiras xornadas do xuízo, o tribunal que preside o maxistrado Juan Luis Pía entende que "non hai lugar" a estas solicitudes e avala así a tese defendida pola Fiscalía. O auto argumenta que Universe Maritime foi debidamente citada e reserva a todas as partes e en especial a aquelas que así o solicitaron as accións civís que puidesen corresponderlles polos feitos axuizados contra esta armadora para o seu exercicio ante a xurisdición civil competente.

A Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia acusa a armadora de ''fuxir'' do procedemento e sostén que a estratexia de Universe Maritime é a de evitar "ser xulgada", polo que reclama que se manteña a súa imputación como responsable civil subsidiaria. Por outra banda, o auto do tribunal que responde as cuestións previas expostas rexeita o requirimento solicitado polo avogado da plataforma cidadá Nunca Máis, personada como acusación particular, que reclamou a nulidade da principal proba pericial do xuízo, que se refire ao estado estrutural do petroleiro.

Nunca Máis alegou para iso que dita proba realizouna o enxeñeiro naval Santiago Martín Criado, xa falecido, que estaba no gabinete de crise gobernamental que se constituíu tras o accidente e que deu por boa a decisión de afastar o barco da costa, polo que considera que a súa participación na xestión da crise inhabilítao como posterior perito. Fiscalía, Avogacía do Estado e Xunta de Galicia defenderon a validez desta proba pericial, que agora apoia o tribunal.

O Ministerio Fiscal reclama pola marea negra provocada poloPrestige indemnizacións que suman 4.442 millóns de euro

O Ministerio Fiscal reclama pola marea negra provocada polo afundimento do Prestige indemnizacións polos danos causados que suman 4.442 millóns de euros. Dadas as súas dimensións, o macroxuízo celébrase en Expocoruña, un recinto multiusos que foi necesario habilitar dadas as dimensións do proceso, o maior da historia xudicial de Galicia, con 2.128 partes personadas, 133 testemuñas, 98 peritos, 51 avogados e 21 procuradores. O xuízo prolongarase ata o vindeiro mes de maio e nel tratarán de determinarse as responsabilidades penais e civís naquela catástrofe.

Está acusado neste proceso, ademais de capitán do barco e o xefe de máquinas, o primeiro oficial, o filipino Ireneo Maloto, que actualmente se atopa en paradoiro descoñecido. Se nalgún momento Maloto fose localizado, sería xulgado de xeito independente ao resto dos imputados.

No banco dos acusados tamén senta José Luis López-Sors, ex director xeral da Mariña Mercante cando Francisco Álvarez-Cascos dirixía o Ministerio de Fomento, que está acusado de imprudencia grave polo rumbo errático que seguiu a nave durante seis días e que estendeu a vertedura de fuel desde Galicia ata as costas francesas. Para todos eles pídense penas de prisión que oscilan entre os 12 e os 5 anos.

Así mesmo, están imputados como responsables civís directos a aseguradora The London Steam-Ship Owners Mutual Insurance Association Limited e o Fondo Internacional de Indemnización de Danos debido á contaminación por hidrocarburos, e como responsables civís subsidiarios, as navieras Mare Shipping Inc e Universe Maritime Ltd, e o Estado español.

Un momento do xuízo, desde a sala de prensa CC-BY-SA Praza Pública
O Prestige, partido e a piques de afundir © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.