Rescates públicos da privatización sanitaria

Publicidade do novo hospital de Vigo © Xunta

Cando o negocio da privatización da sanidade non funciona, as arcas públicas son reclamadas para rescatar as contas dos hospitais. Os modelos de privatización sanitaria implantados en Gran Bretaña ou Valencia e tamén a Comunidade de Madrid reclamaron inxeccións extra de diñeiro público ao non cadrar as contas.

O sistema PFI de colaboración público privada expandiu a rede hospitalaria en Inglaterra e Gales. Neste modelo, un consorcio empresarial constrúe e dirixe administrativamente os centros a cambio dun canon anual que se prolonga durante décadas. Segundo un estudo da Universidade de Edimburgo, aplicouse en "101 dos 135 novos centros" construídos entre 1997 e 2000 nas illas. "Utilizou o 90% dos 12.000 millóns de libras previstos para construción", calcula, á vez que asegura que os compromisos de pagos a empresas entre 2009 e 2010 ascenderon a 42.000 millóns. A Comunidade de Madrid dirixida por Esperanza Aguirre aplicou esta fórmula para inaugurar en 2008 sete hospitais. Foi a primeira onda de privatizacións deseñada e dirixida polos ex conselleiros de Sanidade Manuel Lamela e Juan José Güemes (ambos deberán declarar ante o xuíz por estas adxudicacións en setembro). Os hospitais foron: Infanta Sofía, Infanta Leonor, Tajo, Henares, Infanta Cristina e Sureste, que se adxudicaron recentemente a tres empresas para que se encarguen da atención médica a cambio dun novo canon anual engadido. Nestes casos, unha vez postos en marcha, os proxectos necesitaron máis diñeiro público para funcionar.

O Comité de Contas Públicas do Parlamento británico soubo en 2012 que "cando menos 22 hospitais tiveron que ser rescatados debido ás cargas que supuñan os seus contratos PFI"

En Gran Bretaña, as achegas por parte do Tesouro foron inxentes. Segundo unha resposta do Departamento de Sanidade -en virtude dunha Lei de Información Pública- nos dous últimos anos, houbo que gastar 543 millóns de libras en rescates para as institucións que dirixen os hospitais. O Comité de Contas Públicas do Parlamento británico soubo en 2012 que "cando menos 22 hospitais tiveron que ser rescatados debido ás cargas que supuñan os seus contratos PFI". É dicir, as débedas cos contratistas afogaban os centros. A portavoz do comité, Margaret Hodge, admitiu que "o Departamento de Sanidade non nos puido asegurar que os problemas financeiros non danen a calidade e equidade do servizo. Especialmente nos centros que se ven minados por contratos PFI inabordables". O rescate entón contabilizouse en 1.500 millóns de libras esterlinas. En España, o Goberno da Comunidade de Madrid decidiu en 2010 modificar á alza o canon dos hospitais Infanta Cristina, Infanta Leonor, Infanta Sofía, Henares, Tajo e Sureste. En total: unha inxeccion extra anual de 1,9 millóns de euros. Descuberto o movemento, o PP de Madrid chamouno "reequilibrio".

En España, o Goberno da Comunidade de Madrid decidiu en 2010 modificar á alza o canon dos hospitais Infanta Cristina, Infanta Leonor, Infanta Sofía, Henares, Tajo e Sureste. En total: unha inxeccion extra anual de 1,9 millóns de euros

O segundo modelo que incorpora a contratistas ao sistema sanitario é o da cesión total da atención especializada. En setembro 1,1 millóns de madrileños e madrileñas pasarán a ser atendidos por hospitais con este sistema. As compañías son Ribera Salud, Sanitas e HIMA San Pablo. Está inspirado na experiencia valenciana de Alzira e aplicouse xa en Madrid nos hospitais de Móstoles, Torrejón de Ardoz e Collado Villalba (este último sen pór en marcha para non ter que pagar o canon á empresa a pesar de estar preparado. En compensación, Sanidade abónalle unha cantidade á empresa adxudicataria: Capio). Pero Alzira tamén necesitou un rescate en 1999. Ao comprobar a empresa contratada (Ribera Salud) que os números non saían, a Generalitat rompeu o contrato de cesión e redactou un novo que ampliaba o radio de acción do hospital e, desa maneira, tamén a cantidade por persoa que abonaba a consellería de Sanidade. Con ese sistema chegaron logo Torrevieja (2006), Dénia (2006), Manises (2009) e Vinalopó-Elx (2010).

Ambos os dous modelos véndense como fórmulas para facer "sustentable" o sistema sanitario. As autoridades públicas apostan por que a xestión empresarial é máis eficiente e aforra diñeiro. No caso da Comunidade de Madrid, aventuráronse a predicir que as compañías serían capaces de dirixir os hospitais cun "20% menos de gasto". E ese recorte déronllo nos orzamentos. Ambos os dous modelos, unha vez postos en marcha, necesitaron o rescate económico do estado ante o fracaso financeiro. De feito os pregos de condicións que guían estes contratos prevén o aumento da cota que reciben as empresas ano tras ano. Unha especie de blindaxe para o beneficio.

En Gran Bretaña deron unha nova volta de porca e este ano o Goberno presentou unhas novas regulacións que, basicamente, obrigan a sacar a concurso todos os servizos prestados polo Sistema Nacional de Saúde

En Gran Bretaña deron unha nova volta de porca e este ano o Goberno presentou unhas novas regulacións -aprobadas xa polo Parlamento- que, basicamente, obrigan a sacar a concurso todos os servizos prestados polo Sistema Nacional de Saúde. Un estudo publicado recentemente no British Medicine Journal concluíu que as enfermeiras están a verse obrigadas a reducir os coidados "porque non teñen tempo suficiente". A investigación abrangueu 3.000 enfermeiras de 76 hospitais.

Publicidade do novo hospital de Vigo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.