No minuto 30 do partido deste mércores en Riazor, como en cada encontro desde hai dous anos, a bancada de Marathon Inferior lembrou a Francisco Javier Romero Taboada, seareiro asasinado por membros do Frente Atlético en novembro de 2014 en Madrid. Pero ao tempo, as pantallas xigantes do recinto alumearon co lema #XustizaparaJimmy e parte dos afeccionados chamaron "asasinos" aos ultras madrileños, do mesmo xeito que outra pancarta sostida desde un fondo sinalaba este grupo ultra e acusaba a Marchante -cuarto e último xuízo do caso- de "cómplice".
A bancada berrou contra o Frente Atlético e o club pediu #XustizaparaJimmy nas pantallas xigantes de Riazor e nun duro comunicado
Seareiros e club uníronse ao amosar o seu rexeitamento e a súa indignación tras o arquivo da causa que investiga a morte de Jimmy, que vén de ser decretado polo xuízo que leva o caso. Dous anos despois do seu asasinato, o maxistrado di que non é capaz de identificar os asasinos malia as peticións da Fiscalía para que declaren varios sospeitosos, as detalladas investigacións policiais que sinalaron -e polos que se encarceraron- varios ultras neonazis e a pesar da declaración dunha testemuña protexida que corroboraba os feitos.
A Fiscalía recorrerá o auto que arquiva a causa sen identificar culpable ningún
A Fiscalía vén de anunciar que recorrerá o auto do titular do xulgado de instrución número 20 de Madrid ao defender que existen probas a practicar que podería clarexar o caso. Segundo informa Efe, o Ministerio Público traballa xa na redacción do recurso de reforma subsidiario de apelación para evitar deste xeito que se peche en falso o caso. A familia de Jimmy tamen anunciou que vai recorrer o sobreseemento do proceso.
O Deportivo, nun comunicado tras a reunión "de urxencia" do seu consello de administración, foi contundente e manifestou a súa "profunda sorpresa, absoluta decepción e total indignación" polo arquivo da causa. O club di ter "absoluto respecto á xustiza" pero advirte que neste caso "no que un cidadán coruñés e seguidor deportivista foi asasinado, queda patente o rotundo fracaso da mesma ao pecharse o procedemento sen que se determine quen é ou son os culpables". A entidade censura "a desidia e impunidade" que arrodea nos últimos tempos ao acontecido hai dous anos en Madrid.
O Deportivo censura "a desidia e impunidade" que arrodea o crime e denuncia "o rotundo fracaso da xustiza"
A directiva branquiazul non dubida en denunciar tamén "o desequilibrio existente entre a impunidade ante un asasinato e a persecución sistemática mediante propostas de sancións que están a recibir os seguidores e o propio Deportivo". E quéixase de que isto suceda "cando o club e os seus afeccionados foron exemplares durante todo este proceso, cumprindo fielmente todas as disposicións normativas para erradicar a violencia dos campos de fútbol".
O Deportivo volveu "esixir" que se faga xustiza e o seu presidente, en declaracións á noite na Cadena SER, insistiu na indignación do club e da afección. "Sinto tristeza, cabreo, sorpresa, indignación, sensación de fracaso da xustiza; é unha situación vergonzosa", dixo Tino Fernández, que cre que "fracaso" é a palabra que resume todo: "fracaso estrepitoso da xustiza". O dirixente foi máis aló e indicou que "o principal é saber quen asasinou a Jimmy porque senón é difícil crer no sistema". "Creo no sistema en que vivimos, pero en días coma hoxe éntranche moitas dúbidas", engade.
O presidente da entidade cre que, tras o arquivo da causa, "é difícil crer no sistema"
Fernández anunciou que o Deportivo estudará se finalmente se persona ou non nunha causa que vai ser recorrida pola familia de Jimmy e a Fiscalía, pero aclarou que o club "non pode deixar que se apague a chama da xustiza". "Non pode quedar así", asegurou, antes de aludir ás continuas propostas de sanción que recibe a entidade por parte da Comisión Antiviolencia, q,ue atribúe a "certo descoñecemento do que está a pasar" e a "unha xestión teledirixida desde o lonxe, desde a falta de interese por saber que acontece aquí".
Xa na xornada anterior, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro era claro nas redes sociais: "Semella que ninguén será xulgado polo homicidio de Jimmy. Mala nova para os que cremos na Xustiza". Ademais, o BNG "denuncia" o que considera "un caso claro de impunidade da extrema dereita", mentres que o deputado coruñés de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, considera o arquivo da causa "unha intolerable mostra de impunidade". "Foi fascismo organizado", advirte, coincidindo coa opinión doutros concelleiros do goberno local ou deputados do Parlamento galego.