"Manter ratios excesivas e superiores ás prometidas", "incrementar o horario lectivo do profesorado" en primaria e secundaria, "non cubrir baixas durante os primeiros quince días", incrementar as taxas universitarias ou reducir a presenza do galego no sistema educativo. Son algúns dos motivos que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público pon sobre a mesa para outorgarlle un simbólico "suspenso total" ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ao remate do segundo curso escolar completo baixo o seu mandato e cando xa se cumpriron tres anos dende a súa chegada ao cargo. Cuns expresivos boletíns de notas achegados ao Rexistro Xeral da Xunta o colectivo tenta deixar constancia do, en palabras do seu voceiro, Xoán Costa, "fracaso absoluto na xestión do sistema educativo" que, alertan, pode continuar nos vindeiros meses con novos recortes, reducións de unidades e perda de postos de traballo.
"Lamentamos que non estea presente o titor do señor conselleiro", din, en referencia ao presidente da Xunta, nunha entrega de notas tras a cal procede que, "polo ben do sistema educativo", Vázquez "se retire". As condicións das aulas galegas non fan máis ca "empeorar", en boa medida, reprochan, "polo interese desta consellería en aplicar mimeticamente" medidas como o Real Decreto Lei 14/2012, de recortes no ensino, medidas que, di Costa, en Galicia son "innecesarias" e "o único que fan é afondar no empeoramento do sistema educativo", con efectos como "incremento de ratios" de alumnos por docente ou a suba das taxas universitarias.
A plataforma prevé reducións dunhas 200 unidades e duns 2.000 docentes no vindeiro curso
Neste sentido outro dos voceiros da plataforma, o secretario nacional da CIG Ensino, Anxo Louzao, advirte de que o inicio do curso 2012-2013 será "moi conflitivo" xa que "a Administración, dun xeito escurantista", e sen a "preceptiva" negociación está a preparar novas tesoiradas. Os representantes do profesorado xa teñen "datos suficientes para afirmar" que o Goberno galego "ten intención firme de eliminar unidades e centros educativos", así como de realizar novos agrupamentos de alumnado. Di Louzao que a estas intencións xa se lle poden poñer cifras: "preto de 200 unidades en infantil e primaria" e, no caso de secundaria, "preto de 2.000 profesores menos" o cal, como xa alertara o conxunto dos sindicatos educativos coa recente ampliación do horario lectivo, "vai supoñer un deterioro da calidade do ensino", con efectos como que haxa "profesorado obrigado a impartir materias que non son da súa especialidade".
Todo isto acontece nun contexto no que, a xuízo da plataforma, as medidas lesivas para a educación pública veñen dadas por decisións que non se basean en crtierios "sociais e pedagóxicos", senón unicamente económicos. "O ensino é un dereito e non pode estar suxeito a criterios economicistas como os aplicados pola Consellería coa finalidade fundamental de reducir profesorado", reprochan. Por isto, conclúen, Jesús Vázquez non debe seguir nun posto para o que demostra "manifesta incompetencia", ademais de "desprezo polo ensino público" ao aplicar medidas que "deterioran" o "único garante dunha educación que aspire a eliminar as desigualdades que persisten na sociedade", din.