Os tribunais galegos viviron este venres a súa terceira xornada de folga, de novo cun seguimento moi importante en todas as cidades. Os sindicatos elevan a participación a porcentaxes entre o 85% e o 95%, mentres que a Xunta a rebaixa a cifras entre o 37% e o 48%, incluíndo nestes datos os 770 traballadores e traballadoras que tiveron que cumprir servizos mínimos. Máis aló da diverxencia entre uns e outros números, o efecto da folga foi evidente en todas as comarcas, con entre 600 e 800 xuízos suspendidos, milleiros de demandas, actos de conciliación e declaracións paralizadas e outros servizos igualmente bloqueados, coma os trámites do rexistro civil. De feito, un dos berros máis coreados polos e polas traballadoras en folga este venres foi o de "non te cases, únete".
Esta nova xornada coa Xustiza bloqueada en Galicia non serviu tampouco para achegar posturas na negociación, reiterando o Goberno galego a oferta de incremento salarial realizada nos últimos días, que os sindicatos consideran moi insuficiente. As centrais fixeron pública, neste senso, unha táboa comparativas das retribucións salariais nas distintas comunidades autónomas, coa que queren denunciar que mesmo coa suba prometida pola Xunta, os soldos dos e das profesionais galegas estarían no último ou no penúltimo lugar entre as autonomías que teñen asumida as competencias de Xustiza.
"Coa oferta que nos fan para 2021, ese ano seguiríamos estando por baixo da media do que se cobra no resto de territorios na actualidade", din, engadindo que "ademais, entre 2013 e 2016, Feijóo confiscounos das nóminas entre 3.400 e 10.000 euros, algo que non ocorreu no resto do Estado". Pola contra, o Goberno galego asegura que a suba que propón "situaría a Galicia por riba da media do conxunto das comunidades autónomas". Os sindicatos convidaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e ao vicepresidente Alfonso Rueda a participar nunha xuntanza este luns en Compostela.