Xusto un día antes de que se cumprise un mes de folga indefinida na Xustiza galega, sindicatos e Xunta decidiron volver sentar na procura dun acordo que poña fin a un conflito que acumula vinte xornadas de paro efectivo. Son, segundo cálculos dos propios traballadores, arredor de 14.000 xuízos aprazados e moitos milleiros máis de procedementos adiados: desde certificados de defunción até de nacemento, o que impide ou dificulta a obtención de pensións de viuvez, entre outros trámites. Un conflito ao que se buscará poñer fin nas conversas que se retomarán este xoves ou venres, á espera de concretar unha data. O Executivo ofreceu dúas opcións debido á folga do 8-M: ou este xoves ás 14 horas ou o venres ás 12. A convocatoria está asinada polo director xeral de Función Pública, José María Barreiro, persoa a quen os sindicatos non queren na negociación.
O comité, finalmente, decidiu propoñer a reunión o venres "para non coincidir coa folga das mulleres que está convocada en toda Europa para o día 8". "Entendemos que o xoves debe ser para este paro feminino e os traballadores de Xustiza, que levamos un mes en folga, non podemos quitar o protagonismo ás mobilizacións das mulleres", aclaran.
Xunta e comité de folga buscan un acordo xusto cando se cumpre un mes de folga e vinte xornadas efectivas de paro
Mentres, xa hai xuízos aprazados até 2019 e mesmo 2020. Ao tempo, o funcionariado da Administración de Xustiza en Galicia acumula un importante desconto nas súas nóminas logo de catro semanas de folga. Segundo os datos que achegan os representantes dos traballadores, cada un dos que secunda o paro ve descontado uns 67,5 euros de media por día de paro, nunha franxa que vai desde os 62 euros de recorte duns funcionarios e os 73 doutros dependendo do seu posto.
Atendendo aos datos oficiais de seguimento que ofrece a Xunta --moito menores dos que dan os sindicatos--, son arredor de 1.050 os funcionarios que secundan o paro de media cada xornada desde o pasado 7 de febreiro. Facendo o cálculo, son algo máis de 1,4 millón de euros os que deixaron de cobrar os traballadores até este mércores, cantidade á que habería que engadir a rebaixa aplicable á parte proporcional das pagas extras. Xa que logo, bastante máis de 1,5 millóns e uns 1.350 euros de menos de media a cada folguista.
O persoal da Xustiza xa perdeu máis de 1,5 millóns de euros en soldos durante a folga
Logo dos reproches mutuos entre o comité de folga e o vicepresidente da Xunta e máximo responsable no ámbito da Xustiza, Alfonso Rueda, Goberno e sindicatos volven sentar esta semana. As dúas partes asumen o atasco xudicial que está a sufrir Galicia. Mesmo a Administración o fai, malia que os seus datos de seguimento do paro rebaixan en moito as cifras dos convocantes, un colectivo de 2.700 persoas ao que se uniron tamén os forenses.
As cifras da Xunta, menores aos datos sindicais, asumen que máis de 1.000 traballadores secundan o paro cada día e de xeito constante desde hai un mes
Mentres os sindicatos cifran entre o 80% e o 90% a porcentaxe de traballadores que secunda o paro cada día, a Xunta sitúao entre o 37% e o 40%, incluíndo nos cálculos o persoal que non acode a traballar por baixa xustificada nin os máis de 700 traballadores que cada día cumpren cos servizos mínimos. Sexa como for, os datos que cada día facilita a Consellería de Presidencia recoñecen que en cada unha das xornadas de paro foron máis de mil os funcionarios que o secundaron. E tamén que o seguimento mantense estable e constante desde o inicio: nos dous primeiros días de marzo, segundo o Goberno galego, secundaron a folga máis empregados públicos que no primeiro día de paro.
Alfonso Rueda, malia a súa negativa durante días e despois de racharse as negociacións, asume agora que non será "inamobible" en ningunha oferta, "tampouco na económica", aínda que aclara que en ningún caso a súa proposta se achegará ao incremento de 2.700 euros anuais que reclaman os sindicatos, aos que intenta dividir. Nas conversas, moitas outras reclamacións, como a "discriminación" no desconto das baixas que sofre o funcionariado de Xustiza galego ou as amortizacións, consolidación de reforzos e substitucións pendentes.
Mentres, a folga continúa a demorar procesos xudiciais, como o xuízo previsto contra o alcalde de Barreiros por outorgar licenzas ilegais para 2.966 vivendas nun só ano. Tamén a investigación sobre o accidente de Angrois, ao adiarse dúas declaracións previstas para esta semana nos xulgados de Santiago, ou as declaracións no proceso aberto pola morte de pacientes por hepatite C e pola que se investiga dous cargos da Xunta por presunto delito de homicidio imprudente.