Unha nova política (tamén no rural)

A Pastoriza CC-BY-SA GGL1

Discutía con varias persoas hai días se é preciso ou non que unha forza política que pretende acadar representación parlamentaria e mesmo constituírse en alternativa debe presentar un programa electoral con planificacións estratéxicas sobre o que se pode (e/ou se debe) facer. Algunha das persoas presentes optaban por unha forma aberta, é dicir, por un acordo de mínimos que presentar á cidadanía e logo, unha vez acadada representación, xa se discutiría os rangos de actuación. O debate centrábase en determinar se algunhas medidas deberan ser froito da planificación política ou non. Algúns/has dos/as presentes insistía en que propor determinadas medidas era simplemente “xestión” e que calquera corpo funcionarial tiña non só capacidade senón a obriga de deseñar e executar esa xestión. Partíase do concepto de que unha forma nova de facer política, unha alternativa ao actual status de democracia, consistía en asignar aos corpos de xestión da administración pública a elaboración de plans estratéxicos como unha atribución que lle debera corresponder en exclusiva.

Os que levamos tempo traballando no rural decatámonos de que non se pode conceder a un simple corpo de xestión da Xunta a elaboración das medidas de planificación a curto, medio e longo prazo

Porén, os que levamos tempo traballando no rural decatámonos de que non se pode conceder a un simple corpo de xestión da Xunta a elaboración das medidas de planificación a curto, medio e longo prazo. Se por unha cousa se caracteriza o Medio Rural galego é porque ten un carácter de seu, pese ao abandono. Polo tanto precisa de planificación estratéxica en sentido amplo, isto é, fanse imprescindibles liñas políticas propias nun programa de goberno dun partido que se diga cos pes na terra. E neste programa deberan incluírse medidas concretas de actuación para atallar a multitude de problemas que afectan ao rural.

Na Galiza a superficie abandonada achégase ao 60%, sumado a unha poboación altamente avellentada

Na Galiza a superficie abandonada achégase ao 60%, sumado a unha poboación altamente avellentada. O abandono xunguido ao despoboamento acada estes niveis despois de case 30 anos de políticas de desmantelamento de todo o tecido produtivo agrario en aras dunha presunta modernización que beneficiou só a uns/has poucos/as. E durante este proceso asistimos precisamente a unha nulidade abraiante das políticas agrarias. A forma de lixiviar ao rural executouse conforme a dúas directrices

  1. Unha directriz social: fomento da deserción de xente do rural, implicitamente coa minusvaloración social do traballo agrario
  2. Unha directriz económica: Subvencionouse o abandono da actividade agraria pero non se implementaron medidas para desviar a superficie agraria liberada cara os activos (persoas, explotacións) que puidesen necesitalas.

Fica demostrado que, en Galicia, a taxa de crecemento anual da materia vexetal é dos máis elevados de Europa. Nos predios abandonados este crecemento devén en problemático cando se produce un incendio forestal

A situación actual non require demoras. O abandono da superficie agraria útil, o crecemento descontrolado da materia vexetal nos predios sen cultivo, a falta de mans para traballar, a desorde (cando non o caos) nas estruturas da propiedade, dan lugar a que se vaian sumando problemas que cada vez sitúan máis contra as cordas ao rural.

Fica demostrado que, en Galicia, a taxa de crecemento anual da materia vexetal é dos máis elevados de Europa. Nos predios abandonados este crecemento devén en problemático cando se produce un incendio forestal. A ecuación é sinxela: A máis masa combustible, maior virulencia do lume e maiores dificultades de acceso e tamén de extinción; polo tanto tamén maior superficie afectada.

A repoboación forestal de terras agrarias leva facéndose de xeito irregular desde hai ben anos, mesmo estimulada por parte da Xunta de Galicia

Por outra parte algunhas medidas implementadas desde o punto de vista oficial (como xa se indicou aquí), non melloran a situación. A repoboación forestal de terras agrarias leva facéndose de xeito irregular desde hai ben anos, mesmo estimulada por parte da Xunta de Galicia. Estas medidas, lonxe de arranxar o problema territorial, non fan máis que incrementar as dependencias das explotacións e os riscos derivados de ter masas forestais de especies pirófitas nas proximidades de vivendas e núcleos.

O abandono altera ademais os equilibrios cos que a poboación galega conseguiu vivir durante anos. A proliferación de especies de crecemento rápido, a súa situación nas zonas onde antes foi terra de labor, inflúe nos réximes hídricos, fai sombra sobre as terras de cultivo e mesmo pode alterar as condicións do solo grazas ás sustancias liberadas. O abandono de certos predios modifica en moitas ocasións os cursos de augas, trocando tamén os sistemas de condución e rega e provocando alagamentos ou secas en terras que previamente eran traballadas.

O abandono de certos predios modifica en moitas ocasións os cursos de augas, trocando tamén os sistemas de condución e rega e provocando alagamentos ou secas en terras que previamente eran traballadas

As circunstancias anteriormente expostas determinan que calquera alternativa política que se presente digna de tal nome debe prestarlles coidadosa atención. E ter a valentía e a capacidade suficiente para elaborar propostas que conten co concurso das persoas no rural. Pero tamén do conxunto da sociedade, dado que se trata dun ámbito que excede os seus límites xeográficos e económicos para converterse nun referente social, económico e ambiental. O medio rural produce alimentos pero tamén xera externalidades que non sempre son economicamente cuantificables e porén deberan ser altamente valoradas pola cidadanía: A posibilidade de fuxir dos espazos urbanos en momentos de lecer, a historia, a arquitectura vernácula, o ambiente, os espazos abertos, entre outros constitúen factores que en moitos lugares do mundo lle outorgan unha relevancia moito máis aló do que economicamente se pode percibir.

O camiño a seguir debe consistir en redeseñar os espazos, racionalizar as superficies en función dos usos que se requiran e que permitan avanzar en termos como a Soberanía Alimentaria

Cómpre, xa que logo, unha alternativa política que free primeiro de todo a tendencia ao despoboamento e o abandono. Para isto é preciso derrubar tópicos e lugares comúns asumidos como verdades sociais. Mitos como o apego á terra, as envexas, os conflitos por marcos físicos e mentais medran, en moitas ocasións, froito dun anecdotario que se propaga con rapidez chegando a outorgarlles rango de categoría. A simplificación que se acostuma sobre os traballos do rural, o deficiente concepto sobre as aptitudes para realizalo, a crenza sobre a presunta falta de cualificación técnica e cultural das persoas que o habitan constitúen algúns dos múltiples prexuízos que xogan á contra. Unha forza política que se di transformadora debe coñecer e logo derrubar os preconceptos en aras de virar completamente estas tendencias.

O camiño a seguir debe consistir en redeseñar os espazos, racionalizar as superficies en función dos usos que se requiran e que permitan avanzar en termos como a Soberanía Alimentaria. Precísase unha política decidida que poña en valor os elementos produtivos que xa temos, que estude as necesidades reais, que aposte pola sustentabilidade dos procesos sen esquecer a cobertura das necesidades da cidadanía. Cómpre unha revisión da política de prezos e mercados, procurando rachar a opacidade na que operan e apostando decididamente por que o sector produtor teña máis control sobre os prezos percibidos e sobre a distribución dos seus produtos.

Cómpre unha revisión da política de prezos e mercados, procurando rachar a opacidade na que operan e apostando decididamente por que o sector produtor teña máis control sobre os prezos percibidos e sobre a distribución dos seus produtos

Un programa político transformador que sente as bases do que queremos e como queremos facelo é, xa que logo, unha ferramenta necesaria para o rural. E nese programa tamén debe ir incluída a cidadanía que non traballa e/ou non vive no rural. Constitúe unha responsabilidade colectiva dignificar o traballo das nosas labregas, das nosas gandeiras, pero tamén educar a xente moza sobre cuestións como a produción dos alimentos, a valoración de como e do que custa producir e a sustentabilidade enerxética dos procesos produtivos. Un programa que xere confianza, que conte coa participación labrega pero tamén a participación cualificada do persoal que coñece de primeira man os procesos en aras de atopar novos equilibrios e unha saída á situación actual que nos condena ao desastre.

A Pastoriza CC-BY-SA GGL1

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.