"Miña avoa nunca traballou: labrou as leiras, cavou no monte, criou os fillos..." e ademair miraba por que na casa "todo estivese ben". No entanto, "meu avó si que traballou: labrou as leiras, cavou no monte, arrincou no esterco, foi á sega..." e como traballou moito, agora descansa. "E miña avoa, como nunca traballou, encárgase de que teña o xantar quente ata o último día".
Éste retrato, que se podería axustar á realidade de infinidade de familias, é un treito dun poema composto por Iria Carreira, exalumna do IES de Arzúa, acabada de licenciar en Medicina, que participou na elaboración de videopoemas dentro do proxecto educativo Donas de si, da Secretaría Xeral de Igualdade, que no instituto arzuán foi desenvolvido por alumnado do cuarto curso da ESO coa axuda de exestudantes e a colaboración dunha alumna de segundo de Bacharelato, María Aguión, autora do segundo videopoema.
A montaxe, lanzada co gallo do 8 de marzo, combina o traballo literario co audiovisual para amosar a desigualdade cotiá e as violencias que padecen as mulleres e afondar nas orixes da reivindicación feminista. O tema musical 'Guerrilleira' serve como banda sonora do traballo; foi composto por outra antiga estudante do IES de Arzúa, María José Pérez, actualmente licenciada en Comunicación Audiovisual e tamén encargada da montaxe do proxecto.