A rebelión contra os Irmáns Musulmáns esténdese por Exipto

Unha das marchas de protesta Dominio Público Praza Pública

“Morsi é un presidente que chegou ao poder a través da lei, e pisou a lei para permanecer no poder”, afirmou esta semana o escritor exipcio Alaa Al-Aswany, autor de obras tan coñecidas internacionalmente como O edificio Yacobián.

Hai tan só dúas semanas Hillary Clinton e Barack Obama felicitaban o presidente exipcio Mohamed Morsi polo seu labor como mediador durante a ofensiva israelí en Gaza. Morsi aproveitou o momento para anunciar o seu decretazo, a través do cal anulou a efectividade de calquera decisión xudicial contra el ou contra o panel encargado de redactar a Constitución, integrado polos seus aliados islamitas. Aquela medida acendeu a mecha da indignación entre importantes sectores da sociedade exipcia e foi a orixe das protestas que estamos a ver estes días.

Morsi fixou o 15 de decembro como data para a súa votación en referendo: Menos de quince días para que os exipcios puidesen ler, valorar e analizar a proposta de borrador

Co decretazo aprobado, o panel redactor da Carta Magna, libre xa de ameazas xudiciais que puidesen cuestionar a súa lexitimidade, deuse présa por culminar o borrador do texto constitucional. Tanto, que unha semana despois anunciou que estaba listo e Morsi fixou o 15 de decembro como data para a súa votación en referendo: Menos de quince días para que os exipcios puidesen ler, valorar e analizar a proposta de borrador. “Nun país con importantes porcentaxes de analfabetismo como lle vai dar tempo á xente a valorar se esta é a Constitución que merecemos?”, preguntouse nunha intervención televisiva o escritor Al-Aswany.

Diversas organizacións políticas e sociais botáronse as mans á cabeza tras ler o borrador e denunciaron varios aspectos do mesmo: Limita a liberdade de expresión e información en determinados casos, establece que os tribunais militares poderán seguir xulgando a civís, non prohibe de forma explícita a discriminación por razóns de xénero, sexo, orixe ou relixión, ou limita a creación de sindicatos -só poderá haber un sindicato por gremio profesional, artigo 53- algo que provocou gran malestar entre a esquerda e o movemento obreiro exipcio. Os sindicatos independentes, cun activo papel na organización de folgas e protestas, poderían verse seriamente ameazados.

Limita a liberdade de expresión e información en determinados casos, establece que os tribunais militares poderán seguir xulgando a civís, non prohibe de forma explícita a discriminación por razóns de xénero, sexo, orixe ou relixión, ou limita a creación de sindicatos

Varios asesores de Morsi presentaron a súa dimisión, as protestas creceron nas rúas e grupos da Irmandade Musulmá e salafistas trataron de disolvelas con violencia. Xurdiron enfrontamentos nos que seis participantes morreron e centos resultaron feridos. Os grupos islamitas non dubidaron en reprimir os manifestantes con dureza. Decenas de activistas denunciaron secuestro e malos tratos.

 

Casos de tortura

O diario Al-Masry Al-Youm tivo acceso a un centro de tortura xestionado pola Irmandade no propio palacio presidencial. Por alí pasaron estes días numerosos activistas contrarios ao presidente Morsi. O xornalista do diario exipcio describiu como os detidos son interrogados e torturados, en presenza de policías uniformados, axentes vestidos de civil e quince membros da Irmandade, “supervisados por tres homes barbudos que decidían quen podía estar na habitación”.

O xornalista do diario exipcio describiu como os detidos son interrogados e torturados, en presenza de policías uniformados, axentes vestidos de civil e quince membros da Irmandade

“Os interrogatorios incluían intervalos de golpes para forzar as vítimas a confesar que son matóns”. Se o detido negaba afiliación a un partido, os torturadores intensificaban os golpes e a violencia verbal (...) Este reporteiro escoitou berros dentro dunha habitación. Un home que sangraba gritaba “Son unha persoa educada, teño un coche, parezo un matón?”. Algúns detidos non eran capaces de responder os interrogatorios debido ao seu estado físico. Algúns sangraban copiosamente e estaban exhaustos, pero non recibían asistencia médica, só lles ofreceron botellas de auga”.

 

"Algo mellor que o Exército ou a Irmandade"

"Merecemos algo mellor que ter que elixir o Exército ou os Irmáns", corearon estes días algúns grupos nas manifestacións fronte ao palacio presidencial

A pesar da represión, as protestas seguiron. O Exército, que até agora permanecera calado, instou ao diálogo e advertiu que non permitirá que o país se suma “nun escuro túnel que resultará nunha catástrofe”. A súa aparición en escena provocou calafríos entre os movementos sociais e activistas das revoltas, que en moitos casos sufriron nas súas propias carnes a represión militar baixo o réxime de Mubarak ou ao longo do ano 2011, cando as Forzas Armadas aínda ocupaban o poder. "Merecemos algo mellor que ter que elixir o Exército ou os Irmáns", corearon estes días algúns grupos nas manifestacións fronte ao palacio presidencial.

Finalmente, Morsi viuse obrigado a facer algunha concesión: Anunciou que dá marcha atrás ao decretazo e nomeou un grupo de expertos xuristas para que redacten un novo decreto. Pero o borrador constitucional permanece intacto, a data do referendo mantense e con ela, a indignación da oposición e dos movementos sociais da chamada revolución exipcia.

“Desde Alexandría até Aswan, por primeira vez na súa historia, Exipto é testemuña dunha verdadeira rebelión contra os Irmáns”

Nas paredes das rúas do palacio presidencial, escenario de protestas multitudinarias, apareceron varios debuxos de ovellas, en clara alusión á Irmandade Musulmá. “É o carácter dos Irmáns. Os seus seguidores protestan seguindo ordes. Nós facémolo por elección, somos libres”, escribiu a activista Gigi Ibrahim. “Estamos a vivir algo moi significativo”, dixo o activista e xornalista Hossam O-Hamalawy: “Desde Alexandría até Aswan, por primeira vez na súa historia, Exipto é testemuña dunha verdadeira rebelión contra os Irmáns Musulmáns”.

Unha das marchas de protesta Dominio Público Praza Pública
Cartel contra Morsi Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.