A vida sen sentido dos inocentes que foxen de Siria

Leka'a, muller siria refuxiada no campo de Za'atari © Pablo Tosco/ Intermón Oxfam

As cifras de ACNUR son claras: os refuxiados sirios son xa máis de 1,9 millóns. A maioría deles en Líbano, con 703.000, e Xordania, onde fuxiron máis de 520.000 persoas. Neste último país atópase o campo de Za'atari, que acolle 125.000 exiliados e que xa se converteu no segundo asentamento máis grande do mundo, por detrás de Dadaab en Kenia. Adquiriu unha magnitude tal que podería considerarse a cuarta cidade xordana.

As cifras de ACNUR son claras: os refuxiados sirios son xa máis de 1,9 millóns. A maioría deles en Líbano, con 703.000, e Xordania, onde fuxiron máis de 520.000 persoas

Pero as cifras son incapaces de explicar historias como a de Nefel, quen por falta de ambulancias tivo que camiñar máis dunha hora desde o colector metálico onde vive até un dos hospitais de campaña do campo, con contraccións cada vez máis fortes e co temor de non chegar a tempo para que a súa pequena Islam nacese en mínimas condicións sanitarias. Historias como a de Hamda, que se viu atrapada nun lume cruzado en Dera'a, recibiu tres balas -dúas no peito e unha nas costas- e quedou paralizada de cintura para abaixo ao extraerlle esta última. Hamda pasa os días tombada nun colchón estreito e delgado vendo como a súa cadeira de rodas acumula po. Unha cadeira de rodas inservible no terreo de terra, irregular e cheo de pedras de Za'atari. Ou a de Dalal, que xa non pode escapar máis polo aramado (coa complicidade dalgúns gardas xordanos) a traballar a uns cultivos próximos porque a última vez un dos xornaleiros tentou violala. Dalal, muller brava, escapou a pedradas.

Os números tampouco falan sobre como Xordania pechou a súa fronteira os últimos días, provocando unha onda de sirios kurdos cara ao o Kurdistán iraquí

Os números tampouco falan sobre como Xordania pechou a súa fronteira os últimos días, provocando unha onda de sirios kurdos cara ao o Kurdistán iraquí. O que quizais si explican é a inoperatividade de Nacións Unidas, cuxos líderes permaneceron de brazos cruzados durante máis de dous anos mentres mísiles scud voaban sobre barrios civís e francotiradores apuntaban a mulleres e nenos nas rúas de Alepo, por pór só dous exemplos.


Regreso a casa

De Za'atari saen cada día 300 sirios de volta ao seu país, ás súas cidades en guerra, amoreados en vellos autobuses xordanos

Seguindo coas cifras cómpre sinalar que de Za'atari saen cada día 300 sirios de volta ao seu país, ás súas cidades en guerra, amoreados en vellos autobuses xordanos. Regresan aos seus fogares, algúns deles destruídos parcialmente pola artillaría do réxime, porque aínda que o Programa Mundial de Alimentos (PMA) distribúe víveres, “son sempre as mesmas legumes: arroz e lentellas; pero nada de froitas ou verduras”, di un mozo tendeiro, Ziad, da rúa comercial do campo, chamada ironicamente Champs Élysées. Porque os 30 litros de auga por persoa e día que reparten a ONG internacionais non son suficientes para unha vida na que o po o cobre todo e as temperaturas superan con facilidade os 35 graos. Porque hai hospitais; pero a miúdo faltan medicamentos, sobre todo para os acabados de nacer. Porque hai gardarías pero non suficiente apoio psicosocial para os pequenos traumatizados pola guerra. Porque os máis agudos montaron paradas con alimentos e aveños que traen de Xordania; pero apenas hai traballos no campo cos que gañar suficiente para compralos.

E sobre todo regresan porque como di Leka'a, unha moza de ollos negros e vivos, “a vida aquí é como correr no mesmo sitio, sen avanzar. Érgueste, almorzas, comes e ceas. Érgueste, almorzas, comes e ceas”. Nada máis".

Leka'a, muller siria refuxiada no campo de Za'atari © Pablo Tosco/ Intermón Oxfam

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.