Acampadas e asembleas políticas na rúa mudan a revolta brasileira

As acampadas e asembleas na rúa xorden no Brasil © Bernardo Gutiérrez

A Revolución Brasileira segue mutando. Cambia de rostro, remestura imaxinarios globais. Cociña receitas inéditas. E desconcerta a políticos, activistas e a boa parte da poboación. Mentres un sector da esquerda -sobre todo en São Paulo- tenta retomar redes e rúas ante o avance de grupos de dereita nas protestas, a revolta crece de forma totalmente descentralizada. Un grupo de mozos acampou o venres pola noite na avenida Delfim Moreira, preto da casa do Gobernador do Estado de Rio de Janeiro, o convervador Sergio Cabral. En Belo Horizonte continúan as manifestacións contra o aumento do prezo dos billetes do transporte público. A periferia de São Paulo fixo o venres unha demostración de forza no Capão Redondo, unha das favelas máis emblemáticas. A avenida Paulista, que durante a noite do venres estivo tomada polo movemento GLS, onte aglutinou aos inimigos do proxecto de lei PEC 37 (con máis simpatías da dereita que da esquerda). E decenas de cidades do interior seguen saíndo ás rúas.

As asembleas políticas na rúa son "uma forma de assustar os conservadores; eles não se vão sentar a falar de ti a ti com o povo"

O xurdimento das asembleas políticas no espazo público talvez sexa unha das grandes novidades. O venres, nunha reunión en petite comité nun apartamento de São Paulo, un grupo de activistas advertía a un político influente que envía mensaxes a Brasília, que "as assembleias populares no espaço público" ou "conselhos populares" están en marcha. "Será uma forma de assustar os conservadores. Eles não se vão sentar a falar de ti a ti com o povo", advertía un activista. "O que não podemos contrapor é a democracia participativa como antagonista à representativa", comentaba o político con preocupación. O desexo de asemblea é común en foros de Facebook, blogs, listas de correos. Célio Turino, unha voz respectada no país, pediu no seu blog "Assembleias e Conselhos Populares Já". E o luns hai convocada unha grande asemblea popular en Río de Janeiro. Todo apunta a que São Paulo se unirá o luns ou o martes.

As asembleas tratan temas que van desde a "democracia participativa" até o problema das terras indíxenas

Pero a realidade adiantouse á estratexia coral. En Vitória, capital do Estado de Espírito Santo, celebrouse onte a súa Primeira Asemblea Xeral, baixo a lema Não é por 0'20 centavos. Unha asemblea, en palabras do activista local Fabio Malini, "na que saíram muitos assuntos, porque não há estrutura partidista". A lista de peticións, colocadas no evento de Facebook, é longuísima, da "demarção definitiva de terras Indígenas" á "reforma política para uma democracia participativa". En Campos de Goytacazes, unha cidade de Rio de Janeiro, celebrouse onte outra asemblea política no espazo público. "Estamos no jardim São Benedito discutindo a próxima manifestação" , comunicaba Marcelo Saldanha, que traballa con inclusión dixital e tecnoloxía, no seu perfil de Facebook. Na Zona Este de São Paulo, unha área popular, tamén se están celebrando asembleas. Vivirá Brasil unha onda de asembleas políticas no espazo público como viviu España co movemento 15M ou vive Turquía nestes momentos?

"Nestes momentos temos que aprender por uma banda da estratégia de Anonymous e por outra parte das assembleias do 15M em Espanha". As frases é de Pena Schmidt, un xestor cultural da cidade, nunha reunión na que están presentes algunhas das voces máis influentes nas redes brasileiras. O ambiente é intenso. Hai adrenalina. Sentido de responsabilidade. Pero respírase certo respiro. A chegada da dereita ás manifestacións deixou en primeiro momento desconcertados aos movementos sociais. Pero o propio fluxo das revoltas - orgánico, libertario, en rede- empeza a dirixirse lonxe dos desexos das elites. "O que temos que reconhecer que nasceu um novo sujeito político, à margem da velha política", asegura o xornalista Antonio Martins. "São protestos muito distribuídas, não há centralidade", afirma Sergio Amadeu, coñecido estudioso de redes. De súpeto, Brasil marca gol contra Italia, na Copa das Confederacións. Pouco interese. "Alguém escutou berros na rua? não, verdade?", di alguén rindo.

"Nestes momentos temos que aprender por uma banda da estratégia de Anonymous e por outra parte das assembleias do 15M em Espanha"

Ante o freo das manifestacións do Movimento Passe Livre -que anunciou que deixaban a rúa pola intromisión de grupos de dereita- Jõao Brant, de Intervozes, teno claro: "não podemos deixar as ruas, porque eles vão seguir nelas". Non controlamos nada, apunta alguén. Imposible impor nada. As rúas ferven. Viven. "É um erro pensar que essa gente era de direita. É um espectro político muito amplo", matiza o músico Alex Antunes. Non podemos afastarnos do novo, medita alguén. Ao final da reunión, xorden algúns puntos en común, como tentar unir os manifestantes "contra os grandes grupos de meios", un dos berros das revoltas. De feito, para hoxe hai convocado en Facebook o Primeiro Boicote Nacional à Rede Globo: "Apaga a TV ou muda de canal!".

A esquerda négase a deixar a rúa malia a intromisión da dereita porque "eles vão seguir nelas"

A reunión dispérsase. Pero a conversación flúe como un eco constante. En coches, taxis, bares, vagóns de metro, parques. É un eco de sirenas, de berros, de risas. Non hai horarios. Só deshoras. Comidas-ceas. Adolescentes coas fazulas pintadas e carteis na man. Un eco enérxico, vibrante, tecido de miradas de complicidade. Ao acender o computador, as voces xorden nos grupos de Facebook. Nas listas de correos. Alguén chama para unha conversación privada en Cryptocat (unha plataforma encriptada). Un colectivo prefire pasar unha información nunha canle de chat privado de IRC. Soa o teléfono. A televisión cospe a súa sinfonía de disturbios, bancos queimados e encontróns coa policía en varias cidades. Bruno Cava, vinculado a Occupy Rio, resume no seu blog a Perplexidade das rúas: "Não é uma situação cómodoa para ninguém. A esquerda tradicional está perplexa: não é como esperavam. Tudo parece erro e deformación. Temos uma eleição que sempre desejamos: viver o nosso tempo histórico".

As acampadas e asembleas na rúa xorden no Brasil © Bernardo Gutiérrez
Xuntanza de colectivos e activistas no barrio de Cambuçi de São Paulo © Bernardo Gutiérrez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.