As cesións gregas ante a presión dos socios europeos

Tsipras celebra a vitoria nas europeas CC-BY-SA El Diario

Grecia volve encarar outra xornada decisiva. O Executivo de Tsipras agarda o veredicto dos acredores e socios do euro ao novo programa de reformas. Polo medio, un ronsel de 5 meses de frustración ante as negativas sempiternas de Bruxelas nas negociacións.

Ao fracasar todas as conversas ata o de agora, serán os ministros de Finanzas da eurozona e despois os xefes de estado , quen ditaminen se a oferta helena é abondo

Na xornada do domingo os negociadores gregos sentaron cos acredores para achegar posturas. Ao fracasar todas as conversas ata o de agora, serán os ministros de Finanzas da eurozona e despois os xefes de estado , quen ditaminen se a oferta helena é abondo ou se, eventualmente, deben preparar unha saída de Grecia da moeda común. A priori, o holandés Jeroen Dijsselbloem, en rolda de prensa afirmou que a prosposta grega era moi positiva, aínda que está á espera dunha análise máis completa do FMI, o BCE e a Comisión Europea.

As liñas vermellas helenas

Antes da reunión Tsipras falou por teléfono cos seus homólogos, a chanceler Ángela Merkel e o francés François Hollande e co presidente da comisión europea Jean Claude Juncker. A oficina de Tsipras informaba, nun comunicado que o primeiro ministro presentara aos tres líderes a proposta de Grecia para “un acordo mutuamente beneficioso que brinde unha solución definitiva e non pospoña abordar o problema”. Así, o xefe do Executivo accedeu a ceder nalgunhas das súas liñas vermellas e aceptaría converxer en torno ao obxectivo de superávit, suprimir a xubilación anticipada, recortar as pensións complementarias máis altas e subir o IVE nalgúns produtos ou servizos.

O profesor do departamento de Economía Aplicada da USC, Gonzalo Rodríguez cre que as cesións que pon enriba da mesa Tsipras “seguramente son un camiño posible dada a presión da Troika e o elevado grado de incertidume que se derivaría da saída de Grecia da UE (non existe mecanismo de saída do Euro)”. Ao fío disto matiza que “o momento é inadecuado, sobre todo para a subida do IVE, dado que isto vai provocar un sacrificio elevado a todas aquelas rendas (xa moi  numerosas en Grecia) que están baixo ou próximas ao limiar da pobreza”. Rodríguez afirma que “ xa non é que reduza o consumo é que induce a unha crise humanitaria”. Sobre as posibilidade de xubilación anticipada cre que precisa “ser limitada” pero que é preciso saber se “o aumento das xubilacións anticipadas se debe a brutal incertidume que provoca a falta de confianza dos empregados no mantemento dos seus postos de traballo ou na preservación a futuro do dereito á xubilación”.

"A subida do IVE vai provocar un sacrificio elevado a todas aquelas rendas que están baixo ou próximas ao limiar da pobreza"

O profesor Francisco Lores, do departamento Fundamentos da Análise Económica cre que “nin as esixencias de Bruxelas nin as propostas de Tsipras son boas para o benestar dos gregos”. Lores afonda nisto e explica que “Bruxelas representa unha parte dos acredores. Aos acredores só lles interesa cobrar, o benestar dos gregos preocúpalles na medida que un maior crecemento económico grego (bo para os gregos) facilita que a UE recupere o emprestado”. Ao fío disto engade que “debería ser Tsipras quen se preocupe polo benestar dos gregos pero as súas pretensións de endebedarse máis para volver dilapidar os recursos ou saír do euro tampouco favorece o benestar dos gregos. Se cadra, Tsipras viu vir isto e correu a recuperar a TV pública para poder facer fronte ao descontento”.

"Nin as esixencias de Bruxelas nin as propostas de Tsipras son boas para o benestar dos gregos"

Grecia comprométese a aforrar 4.500 millóns de euros cada ano, tal como esixe a Troika. Por certo, o que tamén está enriba da mesa é o papel do FMI nas negociacións. O goberno heleno quere ao organismo dirixido por Christine Lagarde fóra das negociacións. “O comportamento de Bruxelas é intolerable en termos políticos, éticos e institucionais”, afirma Rodríguez. “Expresións como para avanzar necesitamos adultos en la sala, pronunciada por Christine Lagarde, constitúen unha falla de respecto a un país soberano e igual que non poden ser aceptable a ninguén que se teña por demócrata”. Nesta liña o profesor universitario afirma que o “comportamento da Troika é o dun señor feudal que quere cobrar o seu tributo independentemente de cal fora a colleita”.

"O comportamento de Bruxelas é intolerable en termos políticos, éticos e institucionais"

Para Lores “os acredores estranxeiros do goberno grego son varios consorcios de gobernos: UE, BCE e FMI. Xa non ten acredores privados estranxeiros, estes xa sufriron perdas no anterior rescate e non é previsibel que volva ter acredores privados estranxeiros durante un  longo período, visto o visto”.

Economía ou política?

Tsipras sinala a miúdo que o problema cos socios non é económico, senón político, Lores di que “non son problemas políticos senón económicos. Por unha banda, os acredores tratan de cobrar a maior parte do emprestado ao goberno grego e garantir que cobrarán o novo empréstito que os helenos solicitan agora”. O profesor engade que “os acredores saben que se a economía grega non empeza a medrar a taxas de crecemento superiores ás realizadas nas últimas décadas non vai ser viable que o goberno grego devolva toda a súa débeda e dentro duns poucos anos o goberno volverá pedir un novo empréstito, e así sucesivamente”. “Como os acredores non teñen expectativas de que a economía grega vaia medrar suficiente”, razoa Lores, "só lles queda garantirse que os déficits helenos nos vindeiros anos sexan o máis pequenos posibles, e isto supón recortes do gasto público grego". Engade que pola outra banda, o goberno grego “quere ter fondos suficientes para gastar e cumprir as promesas que lle fixo aos cidadáns, pagar a débeda non é un obxectivo do goberno de Tsipras”. “Un pide emprestado para gastar e os outros queren cobrar, nin máis nin menos”, resume.

"Un pide emprestado para gastar e os outros queren cobrar, nin máis nin menos"

Rodríguez cre que a diagnose do executivo grego “é que o país e insolvente e é correcto. Se o país é insolvente temos dúas opcións: a liquidación, que é, en esencia o que propón a Troika, como se os cidadáns foran un ben co que se puidera comerciar, ou recuperar o crecemento e pagar a longo prazo, que foi o que se fixo con Europa despois da II Guerra Mundial. Esta segunda é a opción do Goberno grego. ¿Parece unha toleada? Eu non o creo”.

Pola súa banda, Lores sinala que o mellor serían “medidas que estimulen claramente o crecemento económico para que se reduza o nivel de endebedamento. Grecia ten algunhas das cotizacións sociais e impostos de sociedades máis altos de Europa. Grecia está entre os peores países en canto a facilidades para crear emprego e empresas do mundo segundo o Doing Business do Banco Mundial. Grecia ten índices de competitividade tamén baixísimos”, enumera. “As medidas que debería propoñer o goberno grego deberían estar encamiñadas a mellorar isto e non é o caso. Semella máis que dilapidan os sucesivos rescates e pospoñen as reformas”, conclúe.

Ninguén quere dar o brazo a torcer no pulso ideolóxico dos socios da eurozona co Goberno de Syriza. Berlín e Atenas pasan a pelota dun tellado a outro, para que a bomba non estoure no propio en caso dun accidente financeiro. Varoufakis xa lle deixou recado a Merkel: “Ou pecha un acordo honorable ou escoita os cantos de serea de quen a anima a tirarnos pola borda. Moito me temos que a elección é súa”.

De momento, os bancos gregos, no límite da quebra, confían na vontade do BCE que hoxe decidiu manterlles a respiración asistida ao aprobar, por terceira vez en seis días, a provisión urxente de liquidez para eles.

Mentres tanto, en Grecia, os cidadáns volveron manifestarse para darlle o seu apoio a Tsipras e nas enquisas medran os que son partidarios de volver ao dracma. Sobre a posibilidade da saída do euro Lores cre que lle permitiría ao goberno impagar a débeda e expropiar aos cidadans gregos máis recursos coa emisión de nova moeda". Engade que non lle gustaría "estar no pelexo dun cidadán grego, e se fora grego tería os meus aforros en euros lonxe de Grecia". "O problema da actual débeda resolveríase para Grecia pero ficaría o problema dos déficits", explica. "Unha economía con baixo crecemento e un goberno sen financiamento internacional tería que espremer a riqueza dos gregos para seguir gastando máis do que ingresa", afirma.

"Non me gustaría estar no pelexo dun grego, e se o estivese, tería os meus aforros en euros lonxe de Grecia"

Polo seu lado, Rodríguez sostén que "sair do euro supón un proceso no que o alcance da teoría económica é, en realidade, moi limitado para predicir os resultados. A experiencia real sobre casos de abandono dunha unión monetaria son prácticamente nulos, a maioría deles vinculados a procesos de descolonización nos 70". "No caso grego os ingresos por turismo (ao devaliar a moeda o destino seria máis competitivo) e o eventual crecemento industrial terían que compensar a elevada inflación que se produciría e, por tanto, o emprego no turismo e na industria tería que compensar o incremento do custo da vida derivado a inflación", expón.

"Saír do euro supón un proceso no que o alcance da teoría económica é, en realidade, moi limitado para predicir os resultados"

Ao fío disto engade que "permanecer no Euro vai a seguir supoñendo tipos de interés baixos que favorecen ao sector financeiro e actividades especulativas, fronte ao investimento productivo de modo que sen unha reforma de Europa a viabilidade dos países do sur dentro dela semella tamén complicada".

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.