As contradicións dun golpe de Estado 'democrático'

Manifestación en Exipto © Igadi

O Exército

1.- O Exército exipcio secuestrou a revolta de 2011 tras a caída do ditador Hosni Mubarak, e así o denunciaron diversos movementos que impulsaran as protestas contra o réxime. Durante o seu mandato en 2011, o Consello Supremo das Forzas Armadas (SCAF) amparou a tortura, a persecución de manifestantes e os xuízos militares contra civís.

O impulsor do golpe contra Morsi xustificou os "exames de virxinidade" practicados por militares a mulleres

2.- O actual xefe do Exército e impulsor do golpe contra Morsi, Abdel Fatah Al Sisi, foi integrante do SCAF. En 2011 xustificou os "exames de virxinidade" practicados por militares a mulleres manifestantes. Neses exames inspeccionábase a vaxina das mozas sen o seu consentimento. Al Sisi dixo que se realizaban "para protexer ás mozas de violacións, e aos soldados das acusacións de violación".

3.- Desde que a chamada revolución dos oficiais libres tomou o poder en 1952, os militares gobernaron Exipto acumulando poder e privilexios.

En 1979 Exipto e Israel asinaron os acordos de paz de Camp David, impulsados por Estados Unidos. Desde entón, o Exército exipcio actuou como garante deses acordos. A cambio, Estados Unidos recompensa os militares con 1.300 millóns de dólares ao ano. É a segunda maior axuda que Washington ofrece a un Exército no mundo. A primeira é a que destina ás forzas armadas israelís.

Ademais, o Exército exipcio controla sectores clave da economía. Calcúlase que as súas empresas, nalgúns casos concedidas aos xenerais polo propio Mubarak, representan o 30% do PIB do país.

 

A Irmandadade Musulmá

4.-Os Irmáns Musulmáns non impulsaron as revoltas de 2011, aínda que se aproveitaron delas, do mesmo xeito que o fixo o Exército. Unha vez no poder, o goberno de Morsi deu as costas ao diálogo con outras forzas e impuxo unha Constitución á súa medida, arrinconando a outros sectores políticos importantes.

As posturas profundamente conservadoras dos Irmáns Musulmáns fixo que perdera os apoios da clase media urbana

5.- As súas posturas profundamente conservadoras no relativo aos dereitos civís e en temas sociais reduciu os seus apoios entre a clase media urbana, que nun primeiro momento vira os Irmáns como un mal menor e preferible a unha "República militar".

Ademais, durante este ano empeorou a xa maltreita situación económica herdada do réxime anterior. O 40% da poboación vive con menos de dous dólares ao día, os servizos públicos están desatendidos, hai cortes de luz, desabastecemento de combustible ou falta de auga potable.

6.- O Exipto de Mohamed Morsi recibiu importantes axudas económicas de Qatar. De feito, este pequeno pero influente país do Golfo foi o principal soporte do goberno exipcio este ano.

O goberno exipcio mantiña negociacións co Fondo Monetario Internacional para pechar un préstamo de 4.800 millóns de dólares, a cambio de duros axustes sociais, como a "racionalización dos subsidios". O acordo pospúxose en varias ocasións, aínda que en maio o goberno exipcio asegurou que estaba a piques de pecharse.

En materia de política exterior, Morsi quixo aparentar certa autonomía en comparación cos seus predecesores. Non foi casualidade que elixise China e Irán como destinos para a súa primeira viaxe oficial como presidente do goberno, algo que foi visto con malos ollos nalgunhas chancelerías occidentais.

Con respecto a Israel, Morsi non ameazou publicamente con romper os acordos de paz de Camp David. O que si fixo foi tentar revalorizar o prezo deses acordos e exercer como mediador na negociación do cesamento do fogo en Gaza o pasado novembro. A postura da Irmandade, moi crítica coa ocupación ilegal israelí dos territorios palestinos, foi motivo de preocupación en Israel, gran aliado de Washington na region.

7.- O goberno de Morsi non foi expulsado pola vía electoral ou parlamentaria, senón pola militar, a través dunhas Forzas Armadas sen tradición democrática. Os arrestos de decenas de líderes da Irmandade e o peche de medios de comunicación afíns poderían provocar un clima de confrontación maior na sociedade exipcia.

As detencións de integrantes dos Irmáns Musulmáns foron xa condenadas por diversos defensores dos dereitos humanos en Exipto

As detencións de integrantes da organización islámica foron xa condenadas por diversos defensores dos dereitos humanos en Exipto: "Estas medidas fannos retroceder á escura época de Mubarak, cando se prohibían partidos políticos e os Irmáns eran arrestados en masa", advertiu Heba Morayef, directora de Human Rights Watch en Exipto.

8.- O golpe de estado contou co apoio da Fronte 30 de Xuño, con personalidades como Mohamed El Baradei, que apoiou o arresto dos líderes da Irmandade. Esta amálgama de grupos de oposición, xunto co xefe das Forzas Armadas, será a que polo momento marcará o camiño político da "transición". A enorme heteroxeneidade desta fronte común pode xerar problemas e discrepancias, nas que xogaría con vantaxe o actor máis forte: o Exército.

9.- Que Morsi caese non significa que a Irmandade vaia desaparecer. Os Irmáns Musulmáns, xurdidos a finais dos anos vinte do século pasado, sobreviviron a décadas de ilegalización e de persecución contra os seus integrantes. De feito gañaron simpatías entre determinados sectores da poboación precisamente por ser unha organización prohibida e censurada.

É lícito preguntarse se os artífices do golpe permitirán aos Irmáns Musulmáns presentarse ás eleccións

Á vista dos últimos arrestos dalgúns dos seus líderes, é lícito preguntarse se os artífices do golpe permitirán aos Irmáns presentarse ás eleccións ou se se regresará a unha escenificación democrática artificial, con restricións a determinadas agrupacións políticas.

 

Reaccións internacionais

10.-  Barack Obama mostrou a súa "profunda preocupación" pero non condenou o golpe de estado, e de feito evitou empregar esa expresión. Pediu ao Exército que devolva o poder a un goberno civil, sen referirse ao goberno civil existente até agora. Tampouco houbo condena firme da Unión Europea.

A Siria de Bachar el Assad cualifica de "gran logro" a caída dos Irmáns Musulmáns

En Oriente Medio a maioría dos países felicitaron o presidente exipcio interino. Mención especial merece a Siria de Bachar el Assad, que cualificou de "gran logro" a caída da organización islámica. Qatar, tradicionalmente aliado dos Irmáns Musulmáns, xa dixo que dá a benvida ao novo Exipto. Fíxoo a través do seu novo emir, que asumiu o poder en Qatar hai tan só semana e media.

 

O pobo exipcio

11.- Está a dicirse que foi o pobo o que, tras 3 días de grandes mobilizacións, derrocou o goberno de Morsi. As multitudinarias manifestacións foron clave. Pero o certo é que o Exército entrou en escena para asumir o protagonismo e tomar o mando. Puxo os tanques na rúa, executou o golpe, arrestou o presidente e a decenas de integrantes clave da Irmandade, pechou canles de televisión próximos á organización islámica e erixiuse nun representante fundamental da Fronte 30 de Xuño.

"Estamos ante a contrarrevolución da revolución do 30 de xuño de 2013, que derrocou a contrarrevolución da revolución do 25 de xaneiro de 2011"

Os xenerais volven ter a chave do poder en Exipto, polo menos de momento. Como dixo o activista e cineasta exipcio Philip Rizk, un dos fundadores do colectivo audiovisual Mosireen (xurdido á calor das revoltas de 2011), estamos ante "a contrarrevolución da revolución do 30 de xuño de 2013, que derrocou a contrarrevolución da revolución do 25 de xaneiro de 2011".

Manifestación en Exipto © ugm.cl

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.