A polémica en torno á soberanía das Illas Malvinas volve copar a escena trinta anos despois da guerra que enfrontou á Arxentina con Gran Bretaña. Na actualidade apréciase un retorno das tensións políticas e diplomáticas entre Bos Aires e Londres, ante a perspectiva de celebración dun plebiscito soberanista en 2013, da intransixencia británica a propiciar unha solución diplomática e, principalmente, ante os intereses de explotación das reservas petroleiras presentes na plataforma marítima e territorial das illas.
O retorno do pulso pola soberanía das Malvinas coincide coas reaccións e reclamos internacionais tras a recente decisión da presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner de nacionalizar a empresa enerxética YPF, filial da multinacional española Repsol. No caso das Malvinas, a presidenta arxentina elevou a mediados de xuño ante o Comité de Descolonización das Nacións Unidas a petición do seu país para retomar as negociacións co Reino Unido sobre a soberanía nas illas Malvinas. A negativa de Londres propiciou a reiterada violación dunhas 40 resolucións da ONU neste sentido.
No que atinxe á explotación petroleira, nos últimos meses varias firmas británicas anunciaron plans de busca de petróleo nas Illas Malvinas, á vista das expectativas de que na súa plataforma marítima existan reservas de hidrocarburos que triplicarían as propias reservas británicas(1). Durante o recente cumio do G-20 en México incrementouse a tensión entre Bos Aires e Londres, unha vez que o primeiro ministro británico David Cameron esixiu ao goberno arxentino o respecto ante a celebración do plebiscito soberanista nas Malvinas(2). Así e todo, diversos sectores críticos coa xestión da presidenta Cristina Fernández sinalan que a retórica nacionalista do actual goberno arxentino agocha presuntos intereses políticos a medio e longo prazo.
O peso xeopolítico e económico das Malvinas
Á par da soberanía e dos intereses enerxéticos, é incuestionable o relevante papel estratéxico das illas Malvinas tanto para Arxentina como para Gran Bretaña, país que exerce desde 1833 a soberanía sobre as mesmas.
As illas Malvinas están localizadas na parte sudoccidental do Océano Atlántico, próximas aos continentes americano e antártico e aos pasos estratéxicos de Drake, Magallanes e Beagle, que conectan o Océano Atlántico co Pacífico. Este paso estratéxico que conecta coas rutas marítimas ao sur do Cabo de Boa Esperanza e o Cabo das Agullas en África do Sur, comunicando ao Atlántico co Océano Índico, ofrecen vías alternativas ante os posibles peches da Canle de Panamá e da Canle de Suez(3).
Londres exerce a soberanía sobre as illas de Ascensión, Malvinas, Santa Elena e Tristán da Cunha, que garante un control sobre o Atlántico Sur, hoxe revalorizado pola explotación petroleira e pesqueira no Golfo de Guinea e Angola. Incluso, Gran Bretaña argumentou a posibilidade de que forzas da OTAN realizaran exercicios militares nas Malvinas, nun hipotético escenario de confrontación en zona fría. Precisamente, o temor a que Londres utilice as Malvinas como escenario de exercicios militares foi aducido recentemente pola presidenta arxentina Cristina Fernández, quen anunciou publicamente que presentará unha demanda ante o Consello de Seguridade da ONU pola eventual “militarización” que Gran Bretaña estaría levando a cabo nas augas que rodean ás Malvinas.
En canto aos recursos económicos, nas Malvinas atópanse como piares básicos da súa economía a produción agropecuaria, o turismo, a pesca, o petróleo e os minerais sólidos no territorio insular. No aspecto da produción pesqueira, esta comprende un amplo espazo da Zona Económica Exclusiva da Arxentina e as augas que se atopan baixo control británico nas illas Malvinas, Xeorxias e Sandwich do Sur, onde na actualidade opera unha ampla flota pesqueira de 116 buques factoría británicos, españois, coreanos e taiwaneses, entre outros, con pescas de 200.000 toneladas de lura, con facturacións de aproximadamente 2.000 millóns de euros.
Un “maná” petroleiro?
No asunto das reservas de hidrocarburos, as presuncións sobre as mesmas anteceden incluso á breve guerra de 1982. O “Informe Shackleton” entregado ao goberno británico en 1976 estimaba como altamente probable a existencia de hidrocarburos no Atlántico Sudoccidental(8). Londres e Bos Aires acordaron en setembro de 1990 incluír o tema da explotación petroleira nas negociacións bilaterais. Non obstante, o goberno británico autorizou dende entón ao goberno das Malvinas a conceder licencias de explotación petroleira.
Desde 1996, o goberno das Malvinas outorgou licencias de explotación offshore a consorcios internacionais como Amerada Hess, Shell, Desire Petroleum Ltd (de cuxa directiva formaba parte o ex gobernador das illas Sir Rex Hunt), Sodra Petroleum e LASMO. No aspecto da explotación mineira, estímase que nas profundidades do Atlántico Sur, en torno ás illas Malvinas e a provincia arxentina de Santa Cruz, existen grandes depósitos de magnesio e manganeso, a unha profundidade que esixe investimentos de alta tecnoloxía. Desde os anos 1970, empresas de Gran Bretaña, Alemaña, Xapón, Canadá e EUA veñen realizando millonarios investimentos en investigación e desenvolvemento, ratificando así o valor estratéxico do seu espazo marítimo.
Desde os anos 1970, empresas de Gran Bretaña, Alemaña, Xapón, Canadá e EUA veñen realizando millonarios investimentos en investigación e desenvolvemento
O interese británico pola explotación petroleira nas Malvinas ven clarificándose paralelamente ás tensións con Bos Aires no tema da soberanía. En febreiro pasado, o ministro de Universidades británico David Millets, viaxou ás illas para supervisar as actividades científicas de exploración, toda vez Londres emitira un revelador informe sobre o potencial petroleiro alí existente(12). En marzo pasado, representantes do Comité de Defensa da Cámara dos Comúns visitaron as illas nun momento en que Londres declarou Área Mariña Protexida as augas que rodean as illas Xeorxias do Sur e Sandwich do Sur.
A fin de contrarrestar as demandas arxentinas, o goberno das Malvinas vén desenvolvendo unha ampla campaña internacional e de eventual atracción de investimentos estranxeiros, criticando a posición arxentina como unha presunta tentativa de “dominación e colonización”, tal e como se evidenciou coa recente visita a países caribeños anglófonos a comezos de xuño por parte de Roger Edwards, presidente da Asemblea Lexislativa das Falkland Islands.
Cun barril de petróleo superando os US$ 100 e a recente polémica pola nacionalización de Repsol YPF, o tema da explotación petroleira nas Malvinas cobra unha importancia cada vez máis estratéxica
Cun barril de petróleo superando os US$ 100 e a recente polémica pola nacionalización de Repsol YPF, o tema da explotación petroleira nas Malvinas cobra unha importancia cada vez máis estratéxica para Bos Aires e Londres. Desde 2010 operan cinco empresas nas illas en labores de exploración e prospección de petróleo, especialmente ao Norte do arquipélago. Precisamente nesa zona, a empresa británica Rockhopper Exploration anunciou a eventual existencia duns 400 millóns de barrís no campo de Sea Lion(15), equiparando este campo coas reservas existentes no Mar do Norte, segundo un estudo da consultora Edison Investment Research.
En total estímase que as Malvinas albergan reservas de 8.300 millóns de barrís, o triplo das reservas petroleiras británicas, especialmente do Mar do Norte. Esa mesma consultora especula con que o goberno das Malvinas ingresaría fiscalmente uns US$ 180.000 millóns en concepto de impostos polo período de concesión da explotación petroleira.
En marzo pasado, o goberno arxentino anunciou que iniciará accións administrativas, penais e civís contra empresas petroleiras, accionistas, bancos, consultoras, aseguradoras e inversores de calquera tipo que se involucren na exploración e explotación de hidrocarburos nas Malvinas. Ao mesmo tempo, anunciou que as cinco empresas petroleiras involucradas son as británicas Falkland Oil Gas, Rockhopper, Desire Borders e Southern, así como a holandesa Argos.