Crise en Gaza: a recomposición estratéxica de Oriente Medio

O centro de Gaza CC-BY-NC-SA Al-Jazeera

O IGADI analiza neste texto os "factores xeopolíticos" que explican a acción militar de Israel en Gaza, peza chave na configuración dun novo mapa de alianzas na rexión

A cruenta ofensiva militar israelí que desde o pasado 8 de xullo azouta o territorio palestino de Gaza baixo o nome de “Marxe Protectora” ten causado a morte de máis de 160 civís palestinos así como máis de mil feridos e acontece nun contexto particularmente confuso para o equilibrio estratéxico en Oriente Medio.

A gravidade da situación obriga a considerar outros móbiles desta desproporcionada ofensiva, basicamente derivados dos obxectivos xeopolíticos israelís ante os recentes cambios en Oriente Medio e as eventuais alteracións das alianzas estratéxicas

En clave política israelí, esta ofensiva intensifícase ante a ruptura política por parte do ex ministro de Exteriores, Avigdor Lieberman, líder do partido nacionalista extremista Yisrael Beiteniu, da coalición gobernante en Tel Aviv liderada polo primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu. Non obstante, a gravidade desta renovación da crise en Gaza, a cal pode implicar unha eventual invasión terrestre israelí, obriga a considerar outros móbiles desta desproporcionada ofensiva, basicamente derivados dos obxectivos xeopolíticos israelís ante os recentes cambios en Oriente Medio e as eventuais alteracións das alianzas estratéxicas.

Entre estes factores xeopolíticos destacan o recente pacto de “unidade nacional” alcanzado en abril pasado entre o movemento islamita Hamas e o partido Al Fatah; a “lexitimación” presidencial do xeneral “golpista” Fatah al Sissi en Exipto, contando co aval estadounidense trala visita do secretario de Estado John Kerry, e que significa un afogamento maior para Hamas; a materialización de feito da desintegración territorial de Iraq e posiblemente de Siria ante a ofensiva “yihadista” do Exército Islámico de Iraq e do Levante (EIIL), así como a intensificación das pretensións independentistas do Curdistán iraquí; e, finalmente, os efectos colaterais do paulatino proceso de achegamento entre EUA e Irán, un aspecto que define unha eventual nova recomposición xeopolítica en Oriente Medio onde Israel e Arabia Saudita concretarían inéditos puntos en común.

Con 1,5 millóns de persoas vivindo nun territorio de menos de 400 km2, Gaza apréstase a sufrir unha nova crise humanitaria, agravada rexionalmente polo problema dos milleiros de refuxiados da guerra en Siria e do actual caos iraquí. Así mesmo, esta traxedia ocorre no marco dun teimudo e lamentable silencio internacional.

 

Obxectivo: afogar a Hamas

Precedido por un confuso incidente de secuestro de dous mozos israelís en Gaza, a renovación da confrontación entre o Exército israelí e o movemento palestino Hamas, que deu paso a unha crise política dentro do goberno de coalición de Netanyahu, persigue un obxectivo primordial para Tel Aviv: a eventual e definitiva desarticulación da capacidade política e loxística de Hamas, así como do seu “brazo armado”, as Brigadas Ezzedin al Qassam, particularmente ante os cambios na contorna rexional.

Israel fortalece a súa impunidade contemporizando calquera tibia reacción contraria dende o exterior, a diferenza do que sucedera con anteriores crises en Gaza, particularmente as de 2008-2009 e 2010

Contando co apoio estadounidense e alemá, Israel fortalece a súa impunidade contemporizando calquera tibia reacción contraria dende o exterior, a diferenza do que sucedera con anteriores crises en Gaza, particularmente as de 2008-2009 e 2010. Neste contexto de fondo, Netanyahu propiciou esta ofensiva en Gaza como unha reacción ante a crise política suscitada no seu goberno pola renuncia do ultradereitista Avigdor Lieberman e da súa formación Yisrael Beiteniu.

Este feito evidencia diversos síntomas de polarización política nas esferas de poder en Tel Aviv no relativo ás presións por radicalizar aínda máis a posición contra Hamas e os palestinos, evidenciando o proceso de “dereitización” da política israelí ante as presións dos “falcóns”, expectantes ante calquera incidente que implique a posibilidade de recuperar o control israelí de Gaza e evitar que Hamas proxecte a súa popularidade en Cisxordania.

Tel Aviv necesitaba abortar este retorno político dun Hamas que busca romper o seu illamento en Gaza ante o bloqueo internacional impulsado por Israel, contando co beneplácito de Washington

Nese sentido, o pacto político acordado en abril pasado entre Hamas e Al Fatah, orientado a formalizar un goberno de unidade nacional coa pretensión de recrear un clima de estabilidade de cara aos comicios palestinos previstos para xaneiro de 2015, suporía para Netanyahu e Lieberman un revés político considerable. Tel Aviv necesitaba abortar este retorno político dun Hamas que busca romper o seu illamento en Gaza ante o bloqueo internacional impulsado por Israel, contando co beneplácito de Washington.

Un factor estratéxico cara este obxectivo está relacionado co interese israelí no golpe militar de Exipto de xullo de 2013 contra o presidente islamita Mohammed Morsi e o proceso de represión e ilegalización da Irmandade Musulmá levada a cabo polo xeneral golpista Fatah al Sissi. Segundo fontes militares israelís, a península do Sinaí entre Gaza e Exipto operaba como un corredor e fluxo de intercambio entre Hamas e a Irmandade Musulmá, así como entre diversos grupos islamitas e outros máis radicais e “yihadistas”, con notable contrabando de armamento.

Un réxime militarizado, neste caso en mans de al Sissi, “lexitimado” no terreo electoral en maio pasado e contando agora co aval estadounidense, permitiría o fortalecemento do bloqueo en Gaza e o illamento de Hamas

Deste xeito, un réxime militarizado, neste caso en mans de al Sissi, “lexitimado” no terreo electoral en maio pasado e contando agora co aval estadounidense, permitiría o fortalecemento do bloqueo en Gaza e o illamento de Hamas, tal e como se evidencia coa decisión de O Cairo de pechar o corredor fronteirizo trala agresión militar israelí.

 

Un actor indirecto: o Curdistán iraquí

Pero outras variables de carácter colateral ben poden explicar porqué Israel decide agredir militarmente Gaza. O caos suscitado pola expansión rexional do conflito sirio, particularmente ante a ofensiva cara Iraq por parte das milicias “yihadistas” do Exército Islámico de Iraq e do Levante (EIIL), implicaron un efecto dominó que suma acontecementos como a posible desintegración política e territorial entre Siria e Iraq, coas súas consecuencias xeopolíticas en canto á configuración de alianzas rexionais, particularmente ante a eventualidade de conformación dunha especie de “Califato” islamita e das pretensións secesionistas de feito do Curdistán iraquí, neste caso contando con apoio israelí.

Previo á ofensiva en Gaza, Netanyahu realizou unha inédita declaración pública apoiando a independencia curda ao tempo que Tel Aviv se esforza por evitar calquera exercicio similar aos palestinos

Neste sentido, cómpre destacar a marcada ambigüidade israelí no seu tratamento das problemáticas curda e palestina. Previo á ofensiva en Gaza, Netanyahu realizou unha inédita declaración pública apoiando a independencia curda ao tempo que Tel Aviv se esforza por evitar calquera exercicio similar aos palestinos. Iso a pesar de que máis de 150 países membros da ONU recoñecen a independencia palestina.

O gráfico da dereita amosa a importancia do Curdistán iraquí en materia enerxética, particularmente no que atinxe ás rutas de distribución de oleodutos e gasodutos dende Mosul (actualmente azoutada pola ofensiva “yihadista” do EIIL) e Kirkuk (no Curdistán iraquí) ata o Mediterráneo, con Israel e Turquía desenvolvendo diversos proxectos coa GRK. No que respecta a Gaza, compre sinalar a existencia do oleoduto Ashkelon-Eliat, que transita pola península do Sinaí e que pode influír, como elemento estratéxico, no interese de Tel Aviv por recuperar o control desa zona. Igualmente, cabe sinalar a importancia de Bakú (Acerbaixán) como corredor enerxético estratéxico.

A declaración de Netanyahu non ven senón a confirmar as revelacións dos últimos anos sobre a activa presenza israelí no Curdistán iraquí. Igualmente, o contexto actual sinala unha conxuntura determinante para as aspiracións independentistas curdas, influídas polo caos iraquí e a ofensiva “yihadista” do EIIL. Neste sentido, o presidente do goberno da Rexión Autónoma do Curdistán (GRK), Massud Barzani, elevou ante o Parlamento rexional curdo de Irbil unha proposta de realización dun referendo independentista para os curdos do Norte de Iraq. Para EUA, o enclave curdo é igualmente estratéxico: o secretario de Estado Kerry visitou a Barzani tras reunirse con al Sissi no Cairo.

Nun exercicio de claro perfil xeopolítico, á vista do caos actualmente existente en Siria e Iraq trala súbita aparición do EIIL e que pode ter implicacións nas fronteiras israelís con Líbano e Xordania, Tel Aviv semella persuadido a propiciar unha alteración do equilibrio estratéxico en Oriente Medio a través da consecución dun novo aliado rexional, neste caso un eventual Estado curdo independente ao Norte de Iraq.

O apoio israelí á eventual independencia do Curdistán iraquí, contemporizado pola tácita aínda que prudente benevolencia estadounidense, pretende igualmente exercer unha medida de presión cara Turquía e Irán así como ante os recentes movementos de Washington de paulatina apertura cara Teherán.

A contención dun Irán fortalecido por unha apertura diplomática occidental terá unha maior incidencia no mercado petroleiro internacional, un factor que igualmente preocupa a Arabia Saudita e Catar, razón pola que estes países árabes comezan a tecer unha especie de “fronte común” con Israel, observando con beneplácito un Curdistán independente que sirva de eventual aliado e de “tapón” territorial e xeopolítico entre Turquía e Irán.

 

Armando un novo puzzle rexional

De se tecer esta inédita rede de intereses entre Israel e Arabia Saudita, que pode ampliarse dentro do contexto do Golfo Pérsico cara outras “petromonarquías” como Catar, Bahrein e Emiratos Árabes Unidos, Tel Aviv estaría abrindo novas relacións de poder en Oriente Medio. A principal, orientada a conter a potencialidade xeopolítica iraniana e turca a través da eventual configuración dun Curdistán independente que estimule o irredentismo curdo nestes países. Consecuentemente, Israel busca compensar a eventual irradiación do “yihadismo” do EIIL cara os dous únicos Estados árabes que recoñecen ao Estado de Israel: Xordania e Exipto.

Israel busca nun eventual Curdistán iraquí independente un aliado rexional estratéxico con capacidade enerxética e loxística que, simultaneamente, sirva de contención a unha eventual entente turcoiraniana

Os riscos de implosión estatal en Siria e Iraq terán un efecto directo cara países con fronteiras israelís, en particular Xordania e Líbano, visiblemente ameazadas polo radio de expansión da guerra siria en materia de refuxiados así como polas presións de grupos “yihadistas” internos ou, incluso, asociados ao EIIL. Para Israel, este escenario suporía unha carga estratéxica moderadamente compensada pola imposición do réxime militar en Exipto e a represión cara os islamitas, cunhas repercusións que fortalecerán o afogamento exterior de Hamas e o illamento de Gaza. Velaí a eventual prosecución de plans xeopolíticos e estratéxicos de antano, orientados a debilitar aos seus veciños árabes.

En perspectiva, Israel busca nun eventual Curdistán iraquí independente un aliado rexional estratéxico con capacidade enerxética e loxística que, simultaneamente, sirva de contención a unha eventual entente turcoiraniana. Ankara e Teherán igualmente manteñen importantes relacións con actores externos como Rusia e China, que compiten con Israel e EUA en canto aos intereses estratéxicos en Oriente Medio e o espazo euroasiático. Neste sentido, non se debe esquecer que Tel Aviv tamén xoga as súas cartas no Cáucaso, particularmente tecendo unha alianza estratéxica cun socio enerxético como Acerbaixán, o cal motiva directas implicacións para Turquía, Rusia e Irán.

Paralelamente, un Curdistán independente serve como medida de persuasión israelí de cara aos intereses estratéxicos do presidente estadounidense Barack Obama, centrados en trazar unha apertura con Irán que lle permita a Washington degradar a súa atención en Oriente Medio a favor do seu verdadeiro obxectivo: o equilibrio estratéxico en Asia-Pacífico.

A eventual “degradación” estadounidense en Oriente Medio deixaría a Israel ante unha complexa situación xeopolítica rexional, derivada da súa hipotética perda de influencia en Washington e ante a necesidade de establecer novas alianzas na rexión. Velaí que Tel Aviv proxecte a ofensiva en Gaza como unha peza chave na configuración dun novo mapa de alianzas en Oriente Medio.

Neste contexto, Washington oponse oficialmente á celebración do referendo independentista impulsado por Barzani, facendo causa común co atribulado primeiro ministro iraquí Nourri al Maliki. Con todo, Barzani e unha delegación do GRK visitaron Washington a comezos de xullo, reuníndose co vicepresidente Joseph Biden e altos cargos de seguridade nacional da administración Obama, moi probablemente coa perspectiva de buscar afinidades a favor da causa independentista curda, escenario onde o aspecto enerxético pode ser decisivo.

Paralelamente, Turquía busca igualmente gañar espazo no Curdistán iraquí. Trala caída do réxime de Saddam Hussein en Iraq, o primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan esforzouse por manter unha relación “cordial” con Barzani e o GRK, probablemente coa perspectiva de “cortar” calquera fluxo de relacións entre o Curdistán iraquí e os curdos de Turquía, especialmente coas milicias “peshmergas” do PKK.

Paralelamente, Ankara observa con atención os ricos xacementos enerxéticos do Curdistán iraquí, especialmente en Kirkuk, principal fonte de subministro petroleiro. Neste sentido, as pretensións de Barzani de alcanzar a autonomía enerxética curda independente de Bagdad, converxen na negociación coas multinacionais enerxéticas, onde EUA, Europa e China manteñen unha presenza notable.

Tendo en conta o notorio silencio turco cara a agresión militar israelí en Gaza, Ankara tenta diminuír o estado de permanente tensión existentes nas súas relacións con Tel Aviv nos últimos anos

Un caso relevante ten que ver cos acordos alcanzados por Erdogan e Barzani para o transporte de petróleo dende Kirkuk ata o porto turco mediterráneo de Ceyhan, estimado entre 250.000 e 400.000 barrís diarios. Neste acordo igualmente entraría Israel a través do subministro dende Ceyhan, aspecto que fortalece a perspectiva israelí de constituírse nun actor enerxético chave no Mediterráneo Sur. Paralelamente, Erdogan recentemente realizou unha declaración de comprensión e apoio ao recoñecemento dos dereitos soberanistas do Curdistán iraquí. Deste xeito, tendo en conta o notorio silencio turco cara a agresión militar israelí en Gaza, Ankara tenta diminuír o estado de permanente tensión existentes nas súas relacións con Tel Aviv nos últimos anos e que tiveron precisamente o seu clímax de tensión nas reiteradas ofensivas militares israelís no territorio palestino desde 2008.

Rutas de distribución de oleodutos e gasodutos Dominio Público http://industrializedcyclistnotes.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.