É un dereito razoabelmente lexítimo culpar dos infortunios propios ou alleos á idiosincrasia deste ou daquel país. Pode considerarse un xeito bastante democrático de depurar responsabilidades, xa que distribúe a culpa equitativamente. Afirmar que os españois viven por riba das súas posibilidades, por exemplo, é un acto solidario, unha expiación colectiva. Son corenta e sete millóns de almas compartindo o peso dunha mesma penitencia, acompañándose mutuamente no sentimento... Toda unha declaración de égalité e fraternité. Corenta e sete millóns de vítimas dunha mesma idiosincrasia, herdeiros involuntarios dun espírito hedonista e incontinente: “eu non quería facelo, señor xuíz, foi esta maldita idiosincrasia miña...”.
Non hai equívoco que non poida resolver, engano que non poida escusar, ou disputa que non poida despachar apelando á miña galician idiosyncrasy
Aquí en Suecia, onde levo emigrado xa cinco meses, a miña idiosincrasia galega demostrou ser un valor ubicuo, dunha eficacia extraordinaria. Non hai equívoco que non poida resolver, engano que non poida escusar, ou disputa que non poida despachar apelando á miña galician idiosyncrasy. Así, explícolle ao sueco ou sueca que toque que en ningún momento foi a miña intención imprecar aos funcionarios do Skatteverket, ou maldicir o Systembolaget, e moito menos aldraxar a memoria do statsminister Palme. As miñas palabras, alego serenamente, son unha simple e inevitábel consecuencia dun “temperamento particular galaico”.
Afortunadamente pra min, a idiosincrasia flegmática, tolerante e conciliadora dos suecos, afórrame levar algunha que outra hostia. Ningún dos escandinavos que coñecín ata o de agora ten a máis mínima idea de que é ou por onde fica Galiza. De feito, xa me pasou varias veces o de explicar que é un pequeno país situado entre España e Portugal, ao noroeste da Península Ibérica, na beira atlántica... e que eles respondan: “Ah! Ok! Preto de San Sebastián, non?”. Ou que me pregunten se fago surf. Ou que confundan Pontevedra con Fuerteventura... Sexa como for, a maior vantaxe do seu completo descoñecemento de Galiza é a liberdade que me ofrece esa circunstancia pra elaborar as miñas propias teorías idiosincráticas, que vou improvisando ou adaptando en función das necesidades da conversa.
Hai uns días, sen ir máis lonxe, expliqueille a un tipo de aquí de Estocolmo a particularísima relación de causa-efecto entre a xeografía, a orografía, a paisaxe e o clima de Galiza e a nosa idiosincrasia. O problema de inventar as cousas é que a un sempre se lle esquecen deseguida, polo que xa non lembro cales foron os meus argumentos. Malos non debían de ser, porque aquel fulano non só escoitou atentamente a miña peculiar versión do carácter diferencial galego, senón que logo tamén el se animou a explicarme unha teoría equivalente sobre a idiosincrasia sueca. Esta hipótese baséase nunha singularidade escandinava que xa tiven a oportunidade de vivir, que é a dos veráns de entre vinte e vintecatro horas diarias de luz solar, e os invernos de entre dezaoito e vintecatro horas de escuridade. Este brutal desfasamento, segundo o meu novo amigo, é o principal motivo polo que os moradores destas terras son seres bipolares, propensos a maquiavélicas contradicións. Nesta ocasión limitareime só a enunciar algunhas das aparentes incoherencias citadas polo camarada sueco, mais intentarei afondar nelas en textos vindeiros. Velaquí algunhas:
Suecia é neutral e antibelicista pero cunha poderosa industria armamentística; e modélico na igualdade de xénero pero con altos niveis de denuncias por violación
Suecia é unha nación neutral e antibelicista, pero cunha poderosa industria armamentística que comercia con países “prohibidos” (unha lei sueca prohibe explicitamente a exportación de armas e munición a países en guerra ou con conflitos internos que puideran desencadear unha loita armada. Esta lei é sistematicamente vulnerada).
Suecia é un país modélico na súa loita pola igualdade de xénero, mais rexistra os niveis máis altos de toda Europa en denuncias por violación (neste asunto é imprescindíbel ter en conta, entre outros factores, que os delitos sexuais clasificados como violación varían segundo a lexislación de cada país).
En Suecia existe un absurdo puritanismo respecto ao alcohol, que logo contrasta con chocantes casos de consumo abusivo (o Estado ten o monopolio da comercialización de alcohol dende 1870. Isto significa que non se pode mercar bebidas que teñan un porcentaxe de alcohol superior ao 3,5% en tendas, supermercados ou establecementos comerciais. Só se pode mercar no Systembolaget, unha rede de tendas de propiedade estatal con horarios bastante reducidos).
Mentres Suecia é pioneira en leis que combaten a prostitución, multiplícanse os casos de cidadáns e tour operadores suecos implicados en redes de turismo sexual en Tailandia (en 1999, Suecia converteuse no primeiro país do mundo en penalizar ás persoas que contratan servizos sexuais).
Suecia posúe un sólido estado de benestar e un sobresaínte índice de desenvolvemento humano (IDH), que contrastan cunha posición relativamente alta de taxa de suicidios (segundo a OMS, ocupa o posto número vinteoito nun ranking liderado por Rusia, Corea do Sur e Lituania).
As políticas suecas en materia de inmigración e acollida de refuxiados foron eloxiadas durante décadas (o 14% da poboación actual naceu no estranxeiro e outro 6% son fillos de inmigrantes), pero durante os últimos anos os grupos de ultradereita están a protagonizar un preocupante auxe no país. O ultradereitista partido dos Demócratas Suecos conseguiu vinte escanos nas eleccións de 2010, cunha campaña centrada no freo á entrada de estranxeiros e cun discurso islamofóbico. A ese partido pertencen os deputados Erik Almqvist y Kent Ekeroth, dos que se publicou un vídeo o pasado 14 de novembro no que insultaban a un grupo de inmigrantes e os ameazaban con barras de ferro.
Mentres en Suecia atribúen as incoherencias á idiosincrasia bipolar, en Galiza chamaríamoslle hipocrisía
Logo de reflexionar un bo anaco sobre as incoherencias que o meu amigo atribúe á idiosincrasia bipolar sueca, concluín que tamén na Galiza profesamos discordancias semellantes. Porén, como lle explicaba a el, deben de ser asuntos distintos, porque nós a algunhas desas cousas non as chamamos bipolaridade, senón hipocrisía. Pero se el di que é unha movida idiosincrática, quen son eu para negalo...