Chegaron como seguimos chegando. Fartos, tristes, porque poucas gañas de marchar había, ou igual si, pero non desta maneira, que parece que nos botan a patadas. Pero a rabia dá forza, o dicir “ata aquí”, e en vez de encollérmonos e lamentar a nosa sorte, animounos a apretar os dentes e tirar para adiante. Tamén axudan as gañas de aventura que dan os vinte e tantos, todo é moito máis doado cando non nos ata nada e queremos comer o mundo.
Jimmy nace en Alemaña, pero a pesar disto, e do seu nome, que xa case soa a escocés, criouse en Ribadavia. Adolescencia entre vendimas, que era o que tocaba, para máis tarde estudar Informática da maneira que a estudaron os mellores informáticos que coñezo. Desde a casa, coñecendo as tripas daquelas máquinas prehistóricas, complicadas e inmensas, que as xeracións nacidas nos 70 miraban con medo, como se se tratase de criptonita caida doutro planeta, ou coa emoción de algo que está aínda por inventar.
Tamén houbo un curso de informática no INEM, cheo de amas de casa que aprendían a crear carpetas, a diferenciar entre click e dobre click, e miraban o reloxo esperando a hora do café para compartir os pasteis que cada unha levara. Pero aquel profesor, aquel artista desenganado que xogaba cunha das primeiras versións piratas do photoshop, abriulle aínda máis a mente. Potencialmente, todo era posible. Atopar traballo nesta época xa era difícil, así que Jimmy empezou de camareiro no restaurante dos seus pais, ou deseñando de balde a cambio do consabido chantaxe de mellorar o curriculum.
Estudou historia da arte sobrevivindo a base de becas e traballos de camareiro, ata que caeu no centro de arte contemporánea de Santiago. Contratos precarios, se os había, e unha inestabilidade que tiña pinta de eternizarse
Vicente é de Mos, ben, non exactamente, da Veigadaña, unha aldeíña de 198 habitantes na que, polo aburrimento, o oído afínase tanto que se chegan a distinguir aos veciños polo ruído do tractor, aos cans de toda a parroquia, polos ladridos. Os libros dispoñibles na súa casa: a biblia, e a enciclopedia que lle regalaron aos pais ao abrir unha conta no banco. A lectura, unha vez acabado o novo testamento, seguía un rigoroso orde alfabético, ata que algo espertaba a curiosidade e o facía saltar no abecedario. Así, de letra en letra, ata que unha personaxe non aparecía no Espasa e rachaba o meigallo.
Estudou historia da arte sobrevivindo a base de becas e traballos de camareiro, ata que caeu no centro de arte contemporánea de Santiago. Contratos precarios, se os había, e unha inestabilidade que tiña pinta de eternizarse. Pensou en Irlanda, pero unha viaxe inesperada á capital de Escocia fíxolle cambiar de idea. Edimburgo é fermoso a pesar das nubes, a pesar da pedra escura, ou quizás por iso.
Non queda outra que empezar desde moi abaixo, dan igual os títulos e masters. A algún pode que lle doa o orgullo, pero creo que a estas alturas orgullo xa pouco traemos do nosa terra
Coincidiron traballando no restaurante da universidade, isto de fregar pratos é un paso obrigatorio se ves de fora. Ponte no teu sitio; esquécete do inglés "nivel medio" que pos no teu curriculum, porque non ten nada que ver co que se fala aquí. Non queda outra que empezar desde moi abaixo, dan igual os títulos e masters. A algún pode que lle doa o orgullo, pero creo que a estas alturas orgullo xa pouco traemos do nosa terra.
Vicente tamén empezou a facer tours para varias axencias españolas, e foi nunha visita ao castelo, cando se acende a bombilla. Cando aquí se traballa de guía con turistas españois as preguntas chegan a ser desesperadamente previsibles: que botas en falta da túa casa, que se vas volver, que se eu teño un fillo que tamén debería... E foi aquí, a frase máxica.
A primeira empresa foi Xuido (esa montaña galega que os andaluces que traballan agora con nós non hai maneira de que a pronuncien, “chuido”, din eles). Cursos de inglés para españois, facilitar a chegada dos rapaces a un país que apenas saben situar no mapa, buscarlles casa e clases. Seguían traballando no restaurante, e nos ratos libres empezaron a xestionar isto, todo por internet, metidos no cuarto dun ou doutro, xa que vivían xuntos. Empezaron co conto da leiteira, aínda que esta vez o cántaro non rompeu. Aínda recordan aquela primeira clienta. Un email, e unha chamada que atenderon intentando disimular os nervios. Se ela soubese o que aquilo significou, imaxinade, sería curioso contarllo, que aquela chamada fixo que dous rapaces non durmisen aquel noite, que aquela chamada, dous anos despois, dou lugar a unha empresa que segue a crecer.
A primeira empresa foi Xuido. Cursos de inglés para españois
A cousa empezou a ir a máis, e pronto viron outro filón de ouro. O lago Ness é o símbolo de Escocia, un lago que é longo coma un río, unha falla que divide o país en dous e que os turistas miran sorprendidos no mapa ao descubrir que está a 150 km de Edimburgo. Non será o lago máis fermoso, pero Nessie de sempre dou moito que falar, e ano tras ano, milleiros de turistas se soben nun bus para ir visitalo. Os viaxeiros non o saben, pero o camiño, como pasa na vida, é máis importante que o destino. A estrada serpentea entre vales, de vagariño, porque os escoceses sonche moi listos e teñen unhas pistas suficientemente boas para que poidan chegar os buses, pero non tanto como para que Escocia se converta nun parque temático. É unha viaxe incrible, pero longa, e os tours, ata fai nada, só se facían en inglés. Oito horas de bus, en Scottish, que non é nin inglés, iso, ou coller unha audioguía, que é coma estar escoitando ao cura na misa. María Estuardo, William Wallace, e as sempiternas loitas entre ingleses e escoceses, quedaban reducidas a un monótono son que acababa por adurmiñarte e dar cabezadas contra o cristal. Ou alugar un coche; e coller as rotondas pola esquerda, volo aseguro, non é doado.
Jimmy e Vicente apostaron de novo. Co conseguido co negocio dos cursos de inglés compraron unha furgoneta, e lle puxeron un rótulo Viajar por Escocia. Tours en español
Jimmy e Vicente apostaron de novo. Co conseguido co negocio dos cursos de inglés compraron unha furgoneta, e lle puxeron un rótulo Viajar por Escocia. Tours en español e unha bandeira española... Unha bandeira que dou lugar a máis dunha broma, pero o marketing é o marketing: estamos en Escocia, e o noso obxectivo son turistas que falen castelán, éche o que hai... Mentres Jimmy preparaba unha páxina web, Vicente comezou a facer tours. Grupos de ata 8 persoas, levalos ata as Terras Altas, chegar de novo a casa e poñerse a contestar emails, a ver se había sorte, e o cántaro non rompía. Seguiron con tours pola cidade, flyers en branco e negro, unha oficina que aínda non existía, e a familia, que empezaba a medrar. Apareceron os primeiros guías, eran dous, e xa somos 20.
Non sei onde acabaremos, a empresa seguirá medrando, seguro; pode que para algún sexa só un paso máis, pero aínda así, a compañía xa forma parte de nós. Pasar de fregar pratos a ser parte deste equipo co que ata podo falar galego non está mal, digo eu
Coñezo ao contable desde fai uns meses, boa falla fai, isto creceu demasiado para facelo sen axuda extra. E cando veu pola oficina o outro día, deulle por lembrar aqueles comezos nos que eu non estaba, aquela primeira vez que o chamaron, e atopou dous raparigos naquel piso compartido que lle falaron dun ambicioso negocio mentres el os miraba entre divertido e incrédulo.
20 guías, tres furgonetas, dous microbuses, e seguimos... Entre os guías, 6 galegos, algúns ata nos coñecíamos das noites santiaguesas, e de repente, o mundo que se encolle, e nos vemos traballando xuntos en Edimburgo. Non sei onde acabaremos, a empresa seguirá medrando, seguro; pode que para algún sexa só un paso máis, pero aínda así, a compañía xa forma parte de nós. Pasar de fregar pratos a ser parte deste equipo co que ata podo falar galego non está mal, digo eu.
A Jimmy xa o vexo aquí toda a vida, por moito que diga que el diga que non, e a Vicente o imaxino nuns anos vivindo a Galicia, que a terra tíralle, e xestionando todo desde aló. E, quen sabe, quizais cree algo parecido na nosa terra. Marchar fora, coller ideas e aire, sempre axuda a crecer, a nós, e a quen nos rodea.