Detido un xornalista grego por publicar a listaxe de 2.000 evasores fiscais

Capa da revista na que foi publicada a listaxe © Hot Doc

A policía grega detivo este domingo o xornalista Costas Vaxevanis pola publicación dunha lista con máis de 2.000 nomes de empresarios, profesionais e algúns políticos sospeitosos de evadir impostos. A lista foi entregada en 2010 pola directora do FMI, Christine Lagarde, cando era ministra francesa de Facenda, ás autoridades de Atenas e incluía os nomes de gregos con contas en bancos suízos.

Vaxevanis publicou o sábado a lista íntegra no semanario Hot Doc. Prevendo que podía ser detido, o reporteiro denunciou que se ía a producir un intento de silenciarlle: "No canto de arrestar os evasores fiscais e os ministros que tiveron a lista nas súas mans, van tentar arrestar a verdade e a liberdade de prensa". A lista publicada, da que as autoridades non dixeron aínda que sexa a verdadeira, conta con 2.059 nomes. Hai tres políticos nela: dous exministros conservadores, un deles xa falecido, e un asesor do Goberno de Antonis Samaras.

A localización da lista converteuse nos últimos meses nun complicado xogo de desmentidos e acusacións na política grega. Lagarde entregou os nomes ao ministro de Facenda, Yorgos Papaconstantinou, membro do Gabinete do PASOK presidido por Papandreu. Non consta que Papaconstantinou tomase medidas respecto diso.

Lagarde entregoulle os nomes ao Goberno do PASOK, non consta que tomase medidas ao respecto

Ante as informacións que dicían que a lista desaparecera ou que ninguén sabía onde se atopaba, outro exministro do PASOK, Evangelos Venizelos, que gardou unha copia, entregouna ao Ministerio de Facenda a comezos de 2012. Nin Papaconstantinou nin Venizelos quixeron confirmar que había políticos nesa lista, o que alentou os rumores sobre un posible encubrimento.

O nivel de fraude fiscal en Grecia entre profesionais e autónomos é inmenso. Tres profesores da Universidade de Chicago, dous deles gregos, realizaron un estudo a partir das solicitudes de créditos a un banco entre 2003 e 2010. Descubriron que as persoas identificadas como profesionais autónomos utilizaban o 82% dos seus ingresos declarados para pagar os intereses dos préstamos recibidos, unha porcentaxe completamente irreal. Os autores do estudo chegaron á conclusión de que os profesionais autónomos deixaron de pagar 28.000 millóns de euros en 2009, o que supuña un 31% do déficit orzamentario grego dese ano.

Capa da revista na que foi publicada a listaxe © Hot Doc

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.