Detrás da crise postelectoral venezolana

Nicolás Maduro © http://diario16.pe

O permanente estado de tensión e convulsión postelectoral en Venezuela tralo axustado triunfo electoral de Nicolás Maduro (50,75% dos votos) nos comicios presidenciais do pasado 14 de abril abre o compás dunha incerta dinámica política no país caribeño e sudamericano, a través dunha transición post-Chávez basicamente determinada por unha permanente polarización social e política que non semella esvaecerse senón, polo contrario, agudizarse.

Hai paralelismos con situacións similares ocorridas noutros países azoutados por crises postelectorais e evidentes intereses internos e externos na caída dos seus respectivos gobernos

Pero este estado de convulsión, principalmente determinado polo non recoñecemento dos resultados electorais por parte do líder da oposición Henrique Capriles Radonski (49,07% dos votos) e da plataforma política da Mesa pola Unidade (MUD) aducindo presuntas irregularidades electorais e a aparente “conivencia” política co “chavismo” por parte do Consello Nacional Electoral (CNE), aborda certos paralelismos con situacións similares ocorridas noutros países azoutados por crises postelectorais e evidentes intereses internos e externos na caída dos seus respectivos gobernos.

Estes paralelismos establecen casos de acusación de fraude, non recoñecemento dos resultados (principalmente instigados dende o exterior, con particular implicación de EUA) e unha “rebelión cívica” que, en determinados casos, deu paso a fortes enfrontamentos coa autoridade. Son principalmente os casos das crises postelectorais de Serbia en 2000, a de Xeorxia en 2003, e a de Ucraína no 2004, e que terminaron coa caída dos respectivos gobernos que nese momento ocupaban o poder.

Mentres a práctica totalidade dos gobernos e organismos internacionais recoñeceron case de inmediato o triunfo de Maduro, ata o momento nin Washington (así como tampouco o goberno español) emitiron unha declaración similar de recoñecemento

No caso venezolano, e mentres a práctica totalidade dos gobernos e organismos internacionais recoñeceron case de inmediato o triunfo de Maduro, ata o momento nin Washington (así como tampouco o goberno español) emitiron unha declaración similar de recoñecemento. Mentres, nas rúas de Caracas e doutras cidades presentábanse protestas e mobilizacións con enfrontamentos violentos e ataques contra instalacións gobernamentais, cun saldo aproximado de sete vítimas mortais, decenas de feridos e mais dun centenar de detidos.

Curiosamente, nas eleccións para gobernador do estado Miranda en decembro pasado, Capriles logrou a reelección cun 50,53% dos votos, pouco mais de catro puntos porcentuais por riba do candidato “chavista” Elías Jaua, actual ministro de Exteriores do goberno interino de Maduro, sen que esta votación rexistrara crispación e tensión postelectoral algunha como a que está acontecendo actualmente en Venezuela.

 

Autocrítica no “chavismo post-Chávez”

A certamente escasa marxe de vitoria electoral de Maduro déixano nunha delicada posición principalmente dentro do “chavismo”

Aínda que resulte incerto e case improbable que a actual crise postelectoral venezolana implique unha inmediata caída de feito dun Maduro recen proclamado como presidente por parte do CNE, o pulso político postelectoral dos próximos días e incluso meses determinarán principalmente cara onde se desliza a balanza política venezolana.

Ninguén dubida que, contando cun favoritismo preelectoral sólido, a certamente escasa marxe de vitoria electoral de Maduro déixano nunha delicada posición principalmente dentro do chavismo, un aspecto que, a mediano prazo, pode alterar a súa aparentemente incontestable lexitimidade como líder do chavismo post-Chávez e, incluso, como presidente do país.

Este asunto resulta mais importante, se cabe, que as presións e protestas dun Capriles que radicaliza a súa posición sabedor de que os resultados indubidablemente lle outorgan un reforzamento do seu liderado, precisamente por erixirse como o candidato da oposición que mais alta votación rexistrou e mais votantes logrou quitarlle ao chavismo.

Unha hora despois de que o CNE anunciara na madrugada do día 15 a axustada vitoria de Maduro por escasos 235.000 votos (o cal supón un 2% por riba de Capriles), o presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello, identificado como un peso político chave dentro do “chavismo”, con fortes vínculos dentro da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), da cúpula burocrática do gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) e incluso sinalado eventualmente como un rival político do propio Maduro dentro do “chavismo”, inmediatamente lanzou unha advertencia política estratéxica, instando a unha “profunda autocrítica” e unha reflexión polos resultados electorais.

Cabello argumentou que resultaba inexplicable que o “chavismo” con Maduro á cabeza perdera case 700.000 votantes co respecto á vitoria electoral rexistrada en outubro pasado

Cabello argumentou que resultaba inexplicable que o “chavismo” con Maduro á cabeza perdera case 700.000 votantes co respecto á vitoria electoral rexistrada en outubro pasado e que deu a reelección ao falecido presidente Hugo Chávez. Por tanto, a súa “reflexión” incluíu indirectamente unha severa crítica cara a campaña de Maduro, debido a que eses votos perdidos certificaban que “os pobres votaron polos seus explotadores, a dereita perversa”. Hai que tomar en conta que están por contabilizarse a totalidade dos 100.495 votos do exterior que, tradicionalmente favorecen á oposición, razón pola que a vitoria final de Maduro ben podería reducirse a escasos 100.000 votos de diferenza.

Con isto, Cabello semella focalizar unha posición de poder que Maduro e os actores políticos venezolanos deberán tomar seriamente en conta a mediano prazo. Se ben oficialmente amosa o seu apoio a Maduro como sucesor designado por Chávez, a conxuntura postelectoral pode establecer unha posición radicalmente mais crítica por parte de Cabello, eventualmente orientada a cuestionar e incluso minar a lexitimidade de Maduro como líder do “chavismo post-Chávez”.

 

A tutela da FANB

A institución militar venezolana semella claramente encamiñada a posicionarse como o actor principal desta transición post-Chávez, focalizado en garantir a necesaria estabilidade institucional

Mentres Capriles non recoñece os resultados esixindo un reconteo de votos, o propio Maduro aceptaba publicamente realizar unha auditoría electoral inmediatamente apoiada polo xefe do Comando Estratéxico Operacional do ministerio de Defensa, o xeneral Wilmer Barrientos. Aquí identifícase outro factor de peso dentro da actual crise venezolana: o papel político e institucional que cobrará a partir de agora a FANB.

A institución militar venezolana semella claramente encamiñada a posicionarse como o actor principal desta transición post-Chávez, focalizado en garantir a necesaria estabilidade institucional, actualmente obstaculizada por un pulso político postelectoral que está xerando unha tensa e violenta conxuntura. Precisamente, e sabedor do papel chave que xogará a partir de agora o sector castrense, o propio Capriles intensificou aínda mais o clima de tensión e inestabilidade ao esixir ás FANB o descoñecemento dos resultados electorais do 14/A.

O poder da FANB ven establecido pola conxunción política de intereses dentro da Revolución Bolivariana, a tenor do sentido “cívico-militar” do proceso de cambio establecido por Chávez. Os militares venezolanos controlan sectores importantes do PSUV e do aparato económico estatal, mentres que 10 das 20 gobernacións gañadas polo “chavismo” nas eleccións rexionais de decembro pasado están en mans de ex militares candidatos do goberno. Por tanto, o seu peso político e institucional resulta mais decisivo, incluso por riba do PSUV, das elites burocráticas do “chavismo” ou da propia oposición, á hora de converterse no árbitro da estabilidade e da política venezolana.

Os militares venezolanos controlan sectores importantes do PSUV e do aparato económico estatal, mentres que 10 das 20 gobernacións gañadas polo “chavismo” nas eleccións rexionais de decembro pasado están en mans de ex militares candidatos do goberno

Así e todo, a FANB non escapa do agudo clima de polarización política. Desde a chegada de Chávez ao poder en 1999, a institución castrense experimenta unha forte disputa interna entre sectores “bolivarianos”, principalmente identificados nos mandos medios, e outros denominados “institucionalistas”, aparentemente distanciados do proxecto revolucionario e contrarios a “politizar” á FANB. Esta polarización foi evidente durante o golpe contra Chávez en abril de 2002.

A implicación de alianzas estratéxicas por parte de Chávez con Cuba, China, Irán ou Rusia, así como a creación dunha milicia bolivariana vista en diversos sectores castrenses e políticos como unha especie de “garda pretoriana” para o “chavismo”, son factores que igualmente certificaron este clima de polarización interna na FANB. Non obstante, e a pesar da penetración de elementos de politización e ideoloxización, a FANB seguen a manter unha posición institucional orientada a garantir a estabilidade nacional.

 

OTPOR en Venezuela

Se ben Capriles, quen non dubida en cualificar a Maduro de “presidente ilexítimo”, posteriormente moderou a súa posición adoptando un perfil de diálogo (sen menoscabar na presión política) que o propio Maduro sempre ofreceu dende que foi recoñecido como vencedor electoral por parte do CNE, o seu papel semella moi similar ao que realizaron no seu momento outros líderes opositores en países con forte polarización e crise política.

O caso venezolano ben podería reproducir, de forma menos directa e tanxencial, esas mesmas situacións de tensión postelectoral que viviron no pasado mais recente países como Serbia, Xeorxia e Ucraína e noutros contextos

Estes casos paralelos poden identificarse na acción do líder opositor serbio Vojislav Kostuniça durante a crise que levou á caída de Milosevic en Serbia (2000) Así mesmo, a periferia ex soviética foi proclive a este tipo de rebelións, como a do líder opositor xeorxiano Mikhail Saakashvilii en 2003 contra o goberno de Edward Shevarnadze e igualmente a do opositor ucraíno Viktor Yushenko en 2004, contra o goberno de Leonid Kuchma e do seu candidato Viktor Yanukovich, curiosamente hoxe en día presidente de Ucraína. Outros países como Kirguizistán (coa caída do presidente Askar Akayev en 2005) e Uzbekistán, igualmente experimentan ou experimentaron este tipo de rebelións.

O caso venezolano ben podería reproducir, de forma menos directa e tanxencial, esas mesmas situacións de tensión postelectoral que viviron no pasado mais recente países como Serbia, Xeorxia e Ucraína e noutros contextos. Desde 2007, o goberno venezolano ven advertindo da presenza en Venezuela da organización OTPOR (Resistencia en serbio, un actor chave na caída de Milosevic), acusando a organizacións no exterior como a estadounidense USAID de presuntamente prover do seu financiamento e loxística. Noutros medios internacionais identifícase ao coronel retirado estadounidense Robert Helvey, así como ao Albert Einstein Institute, como os verdadeiros “cerebros” detrás de OTPOR e doutros movementos.

Desde 2007, o goberno venezolano ven advertindo da presenza en Venezuela da organización OTPOR, acusando a organizacións no exterior como a estadounidense USAID de presuntamente prover do seu financiamento e loxística.

OTPOR actúa principalmente cara o sector estudantil e universitario e estableceu unha prolífica ramificación de células, precisamente, en Xeorxia, Ucraína, Kirguizistán, Uzbekistán, Rusia, Bielorrusia, Líbano, Myanmar ou Albania, entre outros. En Venezuela tivo a súa repercusión na conformación do movemento estudantil Juventud Activa Venezuela Unida (JAVU), o cal en 2007 iniciou a súa oposición frontal ao referendo de reforma constitucional impulsado por Chávez e celebrado en decembro dese ano, e que derivou precisamente na única derrota electoral do “chavismo” fronte á oposición.

Se ben JAVU semella mais ben constituírse como un actor político “virtual”, posúe unha notable implicación dentro da plataforma unitaria da oposición venezolana que foi conformándose de cara ás eleccións municipais de 2008 e, principalmente, trala creación da MUD para os comicios lexislativos de 2010.

Identificada en líderes estudantís reconvertidas na política como Yon Goicoechea, Freddy Guevara ou Ricardo Sánchez, as súas accións de protesta e mobilización (inspiradas na “resistencia cívica” de OTPOR en Serbia, Ucraína, etc) lle permitiron inserirse en diversos partidos da oposición (Primeiro Xustiza, Un Novo Tempo, Proxecto Venezuela) e dentro da MUD como operadores políticos chave, con especial incidencia na elección de Capriles Radonski como candidato unitario da oposición a comezos de 2012.

Dende diversos medios oficialistas ou simpatizantes co “chavismo” vense acusando da presunta existencia dunha especie de manual de actuación de OTPOR en Venezuela, con eventuais ramificacións en Bolivia, Arxentina e incluso Cuba, e destinados a provocar inestabilidade cara os gobernos esquerdistas na rexión. Certo ou non, a implicación da JAVU dentro da MUD e das accións de protesta realizadas nos derradeiros anos contra o goberno de Chávez, identifican unha situación bastante similar coa presentada nos casos anteriormente sinalados.

No contexto actual, estas actuacións de intensifican ante o clima de indignación existente nos sectores opositores cara os resultados electorais do pasado 14/A e o anuncio da vitoria de Maduro. Non obstante, o goberno venezolano xa viña advertindo días antes das eleccións dun presunto plan de conspiración por parte da oposición, orientado a non recoñecer os resultados e crear un clima de crispación e violencia.

 

As incertezas dunha nova etapa

Incluso se finalmente termina sendo parcialmente recoñecido pola oposición, Maduro deberá iniciar unha serie de negociacións a varias bandas con todos os actores involucrados

Focalizada a atención no pulso político postelectoral entre Maduro e Capriles, a crise venezolana mais ben semella identificar unha serie de variables onde o peso institucional da FANB e, eventualmente, a capacidade de manobra de Diosdado Cabello, poden mais ben clarificar cara onde transita a transición post-Chávez en Venezuela.

Neste pulso, quen mais retos ten por diante é o propio Maduro, cuxo limitado resultado electoral, correspondente ao peor e mais baixo rexistro de votos alcanzado polo chavismo dende a súa chegada ao poder en 1999, lle resta certa capacidade de manobra. Incluso se finalmente termina sendo parcialmente recoñecido pola oposición, Maduro deberá iniciar unha serie de negociacións a varias bandas con todos os actores involucrados coa finalidade de alcanzar pactos de gobernabilidade que permitan manter un mínimo de estabilidade. Pero neste marco de actuación, o papel da FANB resultará vital e estratéxico para manter o nivel de estabilidade na transición, incluso no caso eventual de que Maduro xa non estea na presidencia.

Pola súa banda, Capriles tentará capitalizar politicamente o mellor resultado electoral da oposición en catorce anos de goberno chavista para erixirse como o líder indiscutible dunha oposición politicamente heteroxénea. A falta de observar en que derivará a convulsión actual e se finalmente se realizará a auditoría electoral pedida polo propio Capriles, a presión política e a mobilización dos seus simpatizantes serán un factor chave para consolidar a unidade da MUD e, principalmente, para asentar o liderado de Capriles.

Un reto electoral a curto prazo, tanto para Capriles como para Maduro, serán as eleccións para alcaldes previstas para o próximo 14 de xullo

Un reto electoral a curto prazo, tanto para Capriles como para Maduro, serán as eleccións para alcaldes previstas para o próximo 14 de xullo, escenario que pode mudar substancialmente o mapa político post-Chávez e servir de precedente para unhas eleccións lexislativas pautadas para 2015 que se anuncian como estratéxicas para o futuro político venezolano.

Non se debe esquecer que, en caso de que Maduro logre consolidarse na presidencia neste novo período, a MUD pode calibrar en perspectiva a eventualidade dun referendo revogatorio amparado na Constitución bolivariana, o cal non podería realizarse ata a metade do mandato, entre 2016 e 2017.

A MUD pode calibrar en perspectiva a eventualidade dun referendo revogatorio amparado na Constitución bolivariana, o cal non podería realizarse ata a metade do mandato, entre 2016 e 2017

Se o xogo político venezolano amosase mais aberto e incerto a partir de agora, un actor político importante estará en mans do que poida realizar Diosdado Cabello como peso pesado do chavismo. Igualmente, o chavismo de base identificado nos movementos sociais, nas milicias populares e outros actores política e ideoloxicamente mais radicalizados, terán un papel importante nesta etapa post-Chávez. Variables e escenarios aparte, o único factor que clarifica a realidade venezolana está contido na súa aguda polarización, seriamente exacerbada no proceso electoral do pasado 14/A.

Nicolás Maduro © http://diario16.pe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.