“Kemalismo” no Cairo

Manifestación en Exipto © Igadi

A crise política en Exipto, ilustrada no remate de feito da presidencia do islamita Mohammed Morsi exactamente un ano despois da súa vitoria electoral, certifica en que medida o estamento militar concentrado do Consello Supremo das Forzas Armadas (CSFA) impón a constitución dun réxime pretoriano post-Mubarak claramente avaliado polos seus dous principais aliados exteriores, EUA e Israel, nun xiro persuadido a “domesticar” os cambios emanados da Primavera árabe nun país xeopoliticamente tan estratéxico como Exipto.

Pódense clarificar diversas variables que definen esta crise política nun país tradicionalmente líder do mundo árabe e en Oriente Próximo, sacudido por unha prolongada inestabilidade e crise política trala caída do réxime de Hosni Mubarak a comezos de 2011. En primeiro lugar, queda claro unha puxa de poderes entre un estamento militar apoiado internamente polas elites políticas, burocráticas e económicas derivadas do Ancien Regime, así como do tácito apoio de Washington e Tel Aviv; e unha ascendente Irmandade Musulmá que chegou ao poder con Morsi a través de eleccións democráticas en xullo de 2012, pero cuxas constantes tensións políticas cos militares e outros actores políticos e civís que propiciaron a caída de Mubarak, non lle permitiron manterse no poder.

Un poder faraónico descendente dunha tradición da cultura política exipcia catapultada por liderados carismáticos (Nasser, Sadat e o actualmente baixo xuízo Mubarak), fortalecidos polo estratéxico apoio dunhas poderosas Forzas Armadas persuadidas a reproducir no Exipto contemporáneo unha especie de réxime kemalista similar ao predominante na Turquía republicana desde 1923 (moderadamente alterado coa actual presidencia islamita de Recep Tayyip Erdogan desde 2002) pero sempre baixo a atenta mirada de EUA e Israel.

Washington e Tel Aviv teñen moitas variables en xogo na crise exipcia, principalmente polo temor de que o Exipto post-Mubarak traducira levemente unha apertura a outros actores “incómodos” como Irán e incluso a Turquía de Erdogan e o seu modelo de “islamismo laico”.

Precisamente, Washington e Tel Aviv teñen moitas variables en xogo na crise exipcia, principalmente polo temor de que o Exipto post-Mubarak traducira levemente unha apertura a outros actores “incómodos” como Irán e incluso a Turquía de Erdogan e o seu modelo de “islamismo laico”. Por tanto, a inestabilidade da presidencia de Morsi e o nunca escondido interese dos militares por “tutelar” a transición post-Mubarak e controlar un poder presidencial sumamente limitado en materia constitucional e legal, colocan a Exipto nun labirinto político que revela as incertezas e feblezas da Primavera árabe.

Así e todo, nin Washington nin Tel Aviv apostan por unha inestabilidade exipcia con directas repercusións no contexto de Oriente Próximo, especialmente tomando en conta os avatares da guerra civil siria desde 2011. Mais ben, a súa iniciativa semella orientarse a propiciar un réxime de pretorianismo militar “domesticado” e tutelado pola dependencia militar e económica do exterior, supeditado aos intereses estadounidenses e israelís e debilitado no seu contexto xeopolítico. Un Exipto dócil e dependente, con características similares ao réxime do Sha de Persia no Irán anterior á revolución de 1979.

A iniciativa semella orientarse a propiciar un réxime de pretorianismo militar “domesticado” e tutelado pola dependencia militar e económica do exterior, supeditado aos intereses estadounidenses e israelís e debilitado no seu contexto xeopolítico

Por tanto, “rescatar” a Exipto cara os intereses occidentais a través do fortalecemento dun réxime pretoriano e militar supón paralelamente unha “domesticación” da cada vez mais atomizada Primavera árabe e, principalmente, da preponderancia política dos movementos islamitas dende o Magreb ata Oriente Próximo, traducidos no seu ascenso ao poder por vías electorais. Movementos islamitas que tiveron no Exipto de Morsi un notable protagonismo, non menos tenso e antagónico.

Resta por ver cal será a capacidade de reacción dunha Irmandade Musulmá aínda con poderosos factores de poder, aínda que atomizados pola proliferación de movementos islamitas mais radicais e polo pulso de outros partidos políticos e movementos civís con forte incidencia nunha transición incerta e ata caótica. Un país azoutado por unha abafante crise económica (déficit, inflación e escaseza de divisas) e unha persistente ameaza de confrontación civil que farán de Exipto, cada vez mais, un actor dependente da “tutela” estadounidense fraguada a través do pretorianismo militar.

Pero está por ver, incluso de forma pouco clara, se a indefinición do futuro exipcio supón unha incuestionable supeditación a estes intereses occidentais ou se mais ben Exipto aposta por un camiño alternativo e “incómodo” para EUA e Israel, no cometido de recuperar o seu tradicional liderado rexional.

Manifestación en Exipto © Igadi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.