O lume arrasa en Notre-Dame un dos emblemas da historia e da arte europeas

Vista do incendio de Notre-Dame o 15 de abril de 2019 © Henri Garat / Concello de París

Un templo católico do século XII. Pero tamén un emblema da historia e da arte europeas, da historia da humanidade. Escenario de fe pero tamén pano de fondo de procesos revolucionarios e testemuña da coroación de Napoleón. Un enorme incendio arrasou este luns gran parte da estrutura da catedral de Notre-Dáme de París. O lume, orixinado no ático de madeira que sostiña o teito do templo, propagouse rapidamente ata tornar devastador.

O incendio puido ser controlado e "parcialmente apagado" durante a madrugada

A torre en forma de agulla que coroaba o templo non resistiu e derrubouse. A súa caída é xa un símbolo da destrución parcial desta xoia do gótico por cuxa integridade absoluta chegou a temerse durante horas. Os bombeiros anunciaron ao redor das 3:30 da madrugada que o incendio puido ser controlado e "parcialmente apagado", pero aínda con focos activos. A estrutura da Catedral, así e todo, aguantou e o incendio foi dado por extinguido contra as 10 da mañá deste martes.

Detalle do incendio de Notre-Dame © Henri Garat / Concello de París

O propio Goberno de Francia admitiu durante a noite que non tiña " claro" que Notre-Dame puidese chegar a salvarse do lume sobre o que a Fiscalía de París abriu xa unha investigación por "destrución involuntaria por incendio". Os primeiros interrogados foron operarios que traballaban nas obras de restauración da catedral, unhas agardadísimas obras que se prolongan, en diferentes áreas, dende hai máis dunha década.

As principais hipóteses apuntan ás obras de restauración do templo como orixe do lume

A principal zona afectada no incendio de Notre-Dame foi a agulla de 93 metros de altura con 500 toneladas en madeiras nobres e 250 toneladas de chumbo, reconstruída no século XIX. "Todas as obras de arte puxéronse a salvo. O tesouro da Catedral está intacto, a coroa de espiñas e os santos sacramentos", conta o xornalista Nicolas Delesalle, que cita a un sacerdote da Catedral. 

O lume estendeuse tamén á torre norte, unha das dúas estruturas paralelas que dan forma icónica a un dos monumentos máis visitados da capital francesa. Dende que comezou o incendio foron salvadas algunhas das principais obras de arte de Notre-Dame e tamén outras pezas de incalculable valor. "Evitamos o peor", segundo o Goberno francés.

A mesta columna de fume do incendio de Notre-Dame, antes da caída da agulla © Henri Garat / Concello de París

A alcaldesa de París, Anne Hidalgo, reiterou durante a noite a "dor" pola "devastación" en Notre-Dame. "Todos os parisienses e franceses choran este emblema da nosa historia común", sinalou a mandataria, que apelou á "forza para levantarnos" alén de agradecer o intenso labor do corpo de bombeiros. 

O presidente da República anunciou a posta en marcha dunha recadación "alén das fronteiras" do país para reconstruír Notre-Dame

Hidalgo recibiu mostras de solidariedade de alcaldes e alcaldesas de todo o mundo, entre eles o rexedor da capital galega, Martiño Noriega, o alcalde de Lisboa, Fernando Medina, ou as alcaldesas de Madrid e Barcelona, Manuela Carmena e Ada Colau, entre outras moitas.

O presidente da República Francesa, Emmanuel Macron, visitou a zona afectada polo lume durante a noite. A pé dos traballos de extinción asegurou que porá en marcha unha recadación que chegue "alén das fronteiras" de Francia para os traballos de reconstrución. O templo é propiedade estatal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.