Obras recentes de distintas temáticas e estilos servirán aos seus autores como escusa para reflexionar arredor da actualidade internacional
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), con sede en Pontevedra desde 2015 pero con 28 anos ás súas costas noutros emprazamentos, organiza nesa cidade a partir deste xoves, e durante todos os xoves de xuño, unha serie de charlas arredor de libros baixo o título O mundo desde aquí. Por elas irán pasando varios investigadores e colaboradores do Igadi que presentarán recentes libros seus arredor de temáticas internacionais sobre as que charlarán cos asistentes.
Todas as charlas serán na Vicerreitoría do Campus de Pontevedra ás 20.00 horas e comezarán este xoves día 6 cun relatorio de Roberto Mansilla, investigador do Igadi. Baixo o título Fútbol e poder a través dos mundiais, a charla servirá de presentación do libro de Mansilla La vida en un balón: Historias y anécdotas de fútbol (Punto Rojo, 2019), que se achega á relación entre fútbol, política e poder cos mundiais como pano de fondo e ofrecendo unha perspectiva sobre a relación entre o deporte e a xeopolítica.
O ciclo continuará o próximo xoves 13 co mexicano doutor en Ciencias Políticas Antonio Alejo, que presentará Política Global y Sociedad Civil en las Américas: Nuevas Diplomacias en Argentina y México (La Catarata, 2017) achegándonos ao concepto transformador en Dereitos Humanos da paradiplomacia cidadá.
O xoves 20, María Xosé Porteiro, xornalista, política, escritora e parte do Consello Reitor do IGADI presentará a súa novela Sándalo (Xerais, 2019) por medio do relatorio A diáspora galega e América.
Finalmente o xoves 27 de xuño Moncho Iglesias, escritor, investigador asociado do IGADI e actualmente profesor de español en Bangladesh presentará o relatorio O mundo en viaxes, desde a presentación do seu onírico último libro Tren (Urutau, 2018), concibido durante a estancia de dous anos en China do autor.
O Igadi salienta que quere aproveitar o ciclo de charlas “para reforzar o diálogo e comunicación coa cidade de Pontevedra, aproveitando a recente publicación de libros da súa rede de persoas colaboradoras e investigadores asociados”.