O primeiro de maio en Estocolmo

"Latinoamérica amosa o camiño" © Eloy Domínguez Serén

A conmemoración do Día Internacional dos Traballadores é unha tradición profundamente arraigada na sociedade sueca, dende que fora impulsada a finais do século XIX polas principais organizacións de movementos obreiros do país. A primeira manifestación do Primeiro de Maio en Estocolmo celebrouse en 1890, e os seus máis de 50.000 participantes concentraron as súas reivindicacións na loita pola redución da xornada laboral, baixo o célebre lema de 8 timmars arbete, 8 timmars frihet, 8 timmars hvila (8 horas de traballo, 8 horas de liberdade e 8 horas de descanso).

Historicamente, os tres principais colectivos convocantes da Förstamajdemonstrationen foron a SAC (Organización Central de Traballadores de Suecia), o Partido da Esquerda (Vänsterpartiet) e o Partido Socialdemócrata (SAP), pero durante a última década organizacións tan diversas coma os Demócratas Cristiáns ou o Piratbyrån (A Oficina Pirata) participan tamén en marchas e mitins nos que dan a coñecer as súas políticas.

O Primeiro de Maio é día festivo nacional dende o ano 1939, e foi a única festividade civil (é dicir, de carácter secular ou non relixiosa) ata a instauración do Sveriges nationaldag en 2005.

As imaxes que se amosan a continuación foron tomadas o pasado 1 de maio de 2013 durante a marcha que percorreu as rúas de Estocolmo dende Medborgarplatsen ata Kungsträdgården.

"Latinoamérica amosa o camiño" © Eloy Domínguez Serén

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.