Obama non quere ir só á guerra e adía o ataque

A Casa Branca remitiulle xa ao Congreso a resolución para o ataque, pero non se votará antes do día 9 CC-BY-NC Trevor McGoldrick

Obama tomou a decisión de non tomar ningunha decisión até que o Congreso permita o uso da forza contra o réxime de Asad. Nunha decisión sorprendente que non estaba nos cálculos de ninguén, e máis desde a derrota de Cameron na Cámara dos Comúns, o presidente pasoulle a responsabilidade ao lexislativo, onde o resultado da votación é imprevisible.

O presidente pasoulle a responsabilidade ao lexislativo, onde o resultado da votación é imprevisible

Leading from behind, chamárono algúns cando Obama deixou que Cameron e Sarkozy levasen a iniciativa na guerra contra Gadafi. Daquela os republicanos utilizaron esa idea para burlarse do presidente e das súas supostas carencias de liderado. Aínda así, Obama nunca pediu permiso ao Congreso para intervir en Libia.

De súpeto, toda a urxencia dos últimos días desaparece. Antes de anunciar o voto do Congreso, dixo que EEUU decidira responder coa forza ao uso de armas químicas en Siria, pero que o ataque podía producirse “mañá, a próxima semana ou o próximo mes”. De entrada, a única data segura é a da volta ao traballo do Congreso tras as súas vacacións, o 9 de setembro.

Obama confirma así a súa imaxe de guerreiro reticente. Vendeu no seu momento a idea de que na súa presidencia tiña que poñer fin ás dúas guerras que definiran os oito anos anteriores. Non parece que estivese moi interesado en que Libia e Siria formasen parte do seu legado. As sondaxes confirman que a maior parte dos norteamericanos non queren implicarse en novas guerras en Oriente Medio, nin sequera cando a Casa Branca lles prometen que non haberá tropas sobre o terreo. Está claro que sempre haberá alguén que pense que todo forma parte dunha conspiración para conseguir o mesmo obxectivo. Imperialismo disimulado, quizais.

A noticia pode ter un gran impacto político en EEUU e no xogo de poderes entre o executivo e o lexislativo en relación á política exterior

A noticia pode ter un gran impacto político en EEUU e no xogo de poderes entre o executivo e o lexislativo en relación á política exterior. Nas últimas décadas, a Casa Branca asumiu máis poderes de decisión e houbo numerosas críticas á limitación das competencias dos congresistas. Pero esa presidencia imperial xa existía desde hai moito tempo. O problema contemporáneo viña do feito de que o Congreso foi progresivamente desde os anos 70 moito menos controlable pola Casa Branca, e por iso é polo que en cuestións de guerra o presidente mantiña a distancia aos lexisladores.

É indubidable que Obama non estaba obrigado a delegar esta decisión, aínda que xuridicamente hai un considerable debate respecto diso, o que por outra banda nunca impediu que o presidente impoña a súa vontade.

O proxecto de resolución, elaborado por funcionarios da Casa Branca, non establece prazo ningún para levar adiante esa acción militar. E establece que o "obxectivo" do uso da forza militar de EE UU contra Siria debe ser evitar que se empreguen nun futuro "armas de destrución masiva" nese país.

O ton dramático, moi pouco diplomático, que Kerry empregou o luns casa moi pouco coas declaracións máis mesuradas de Obama

Outra consecuencia deste discurso é a dúbida algo máis que razoable sobre se Obama e o seu secretario de Estado, John Kerry, pensan o mesmo neste asunto. Desde logo, o ton dramático, moi pouco diplomático, que Kerry empregou o luns casa moi pouco coas declaracións máis mesuradas de Obama, que até onte dicía que aínda non tomara unha decisión e que o sábado decidiu aprazalo todo para dentro dunhas dúas semanas.

É por certo o mesmo prazo de tempo que a ONU se deu para informar o Consello de Seguridade sobre a misión dos seus inspectores en Damasco. É certo que a ONU non apareceu moi destacada no discurso de Obama. Quen sabe se ao final o informe dos inspectores sexa o que decida o resultado da votación do Congreso.

A Casa Branca remitiulle xa ao Congreso a resolución para o ataque, pero non se votará antes do día 9 CC-BY-NC Trevor McGoldrick

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.