Reportaxe elaborada dende Gaza antes do inicio dos ataques israelís
"Alguén nos vai a escoitar se falamos?", lamenta Ruaida, unha nai palestina que malvive nun dos lugares con maior densidade de poboación do mundo, o campo de refuxiados de Yabalia na Franxa de Gaza. Case sempre é a mesma actitude: ausencia de ánimo, impotencia, rabia e logo, as bágoas.
Chorando, Ruaida sinala á súa filla Ola de 13 anos. Medirá aproximadamente 1,5 metros e pesa só 26 quilos. "Mira, mira como está a miña filla Ola. Sempre está cansa e non temos diñeiro nin para facerlle unhas análises. Non comemos froita nin verduras. Cada día, tres veces ao día, comemos só duqqa (sementes) e pan" continúa mentres nega coa cabeza-. A UNRWA [Oficina de Nacións Unidas para Axuda ao Refuxiado Palestino en Oriente Medio] dános tres sacos de fariña, arroz e aceite cada tres meses. Ti cres que iso é suficiente?".
O 14 de xuño de 2007 Hamás tomaba plenos poderes da Franxa de Gaza e Israel impuña máis sancións económicas contra o enclave costeiro palestino, anulando ademais a circulación de persoas e mercadorías ao exterior ou interior da Franxa. Oito anos despois, a situación da Franxa de Gaza diríxese cara a un desastre humanitario. Israel só abre de maneira intermitente dous do seis pasos fronteirizos, afectando así a subministración de alimentos, combustible e outros bens.
O 65% das familias da Franxa de Gaza sofre inseguridade alimentaria e o 80% da poboación total depende da axuda humanitaria. As cifras aumentan cada ano de bloqueo que pasa e xa van 8 anos desde que Israel comezou a someter á Franxa a un castigo colectivo, práctica prohibida pola lei internacional segundo sinala o artigo 33 do Cuarto Convenio de Xenebra.
Khaled, marido de Ruaida, conta que antes do bloqueo os seus ingresos eran máis que suficientes para manter á familia e "consentir" a súa filla Ola. Era albanel en Israel e agora forma parte do 42% da poboación activa gazatí que non atopa traballo. "Grazas á UNRWA non morremos de fame, pero non temos diñeiro nin roupa para os nosos fillos e eu cada día estou máis endebedado coa farmacia porque os críos póñense enfermos, coa compañía de electricidade" Antes dabamos comida e hoxe temos que mendigar pola rúa".
"O bloqueo máis longo da historia" e o máis económico
O 65% das familias da Franxa de Gaza sofre inseguridade alimentaria e o 80% da poboación total depende da axuda humanitaria
Son palabras do comisario xeral da UNRWA, Pierre Krähenbühl: "o bloqueo sobre a Franxa de Gaza é o bloqueo máis longo da historia", pero habería que engadir que se trata tamén do bloqueo máis económico para a entidade que o impón. Os produtos alimenticios, o combustible, os medicamentos. Todo provén de Israel e véndese na Franxa a prezos pouco accesibles para os seus habitantes.
A exportación era, antes do bloqueo, fonte de ingresos para centos de miles de familias. A Franxa era un importante exportador de aceite, cítricos ou fresas. "Antes do bloqueo era todo máis sinxelo. Recolliamos os produtos e con camións sacabámolos a través do paso de Erez que está aquí mesmo. En 2007 pechárono e exportabamos a través do paso de Karni, pero ao pouco tempo tamén o pecharon". Explica desde os seus campos en Beit Lahiya Abu Xa’er que antes do illamento israelí exportaba doce toneladas de fresas ao ano, hoxe só unha tonelada.
"O problema é tamén que os únicos posibles intermediarios para exportar son empresas israelís que controlan os prezos, fixan o prezo que lles satisfai. Por exemplo, venden o quilo de fresas a 15 euros en Europa e a nós dannos 2". "E, cando o negocio non lles vai ir ben por calquera cuestión, desfanse das fresas e nós temos que pagar os custos, o transporte e os gastos de refugar o produto".
Nimer Ghaben deixou de exportar despois da guerra de 2009 contra a Franxa, cando Israel selou todos os pasos. Hoxe as verduras que cultiva consómenas en casa, fóra dunha pequena cantidade que vende en Gaza. "Eu plantaba seis donum de fresas antes do bloqueo. Íanos moi ben, pero deixei de plantar porque non podo cubrir todos os gastos. Só produzo para o mercado local gazatí. Hoxe, todos os gastos aumentaron. Un camión de esterco para un donum custaba 500 shekel, agora son 1.500 shekel. O peche dos pasos arruinounos a vida".
Efecto dominó mortal
Nos hospitais, como en calquera edificio, só hai 8 horas de electricidade ao día
O bloqueo israelí provoca un efecto dominó que pode cobrarse a vida de persoas a longo e a curto prazo. Nos hospitais, como en calquera edificio, só hai 8 horas de electricidade ao día polo que, para salvar a vida de neonatos en incubadoras ou pacientes conectados a máquinas, compran a custosa gasolina israelí que fai funcionar os xeradores eléctricos cando se corta a luz. Ademais, nos hospitais de Gaza hai un déficit do 50% de material desbotable e do 30% de material e medicamentos necesarios para tratar a enfermos crónicos, enfermos de cancro ou para hematoloxía.
Israel prohibe a entrada de materiais para radioterapia e os pacientes teñen que esperar semanas até conseguir un permiso especial israelí, se o conseguen, para tratarse en Israel ou Cisxordania. O tratamento en Exipto é a terceira opción, pero o peche case continuo do paso de Rafah fai que poucos opten por esta alternativa. Segundo datos da OMS, no tres primeiros meses deste ano 2014 Israel rexeitou a saída para tratamento a 120 enfermos e 517 están aínda en lista de espera. En marzo deste ano tres pacientes faleceron mentres esperaban cruzar o paso de Erez (Israel) ou Rafah (Exipto).
Iyad esperou vinte días ata que conseguiu un permiso para levar á súa filla Wala', con cancro de cerebro, a Haifa. "A primeira vez a Shabak israelí non me deu permiso para acompañala, como a súa nai acababa de dar a luz, Wala' marchou coa súa tía. A segunda vez puiden ir con ela, pero estivemos tres horas esperando no paso de Erez para poder entrar a Israel. Entramos practicamente os últimos, a pesar de que eu berraba dicindo que ía cunha nena enferma".
O diagnóstico tardío do cancro que padecía Wala', de 5 anos, afectoulle o brazo e a perna esquerdos
O diagnóstico tardío do cancro que padecía Wala', de 5 anos, afectoulle o brazo e a perna esquerdos. O seu pai afirma que parte da responsabilidade a asumen os propios médicos de Gaza ao non contar con aparellos médicos suficientes e pola falta de profesionais especializados. A nena ten que usar tres órteses ortopédicas para a man, o brazo e a perna, e a medicación conséguena a través de coñecidos que viaxan de volta á Franxa.
Outro caso é o de Wafa' Al-Bakri, enferma de cancro de peito e no seu sétimo mes de embarazo. "Segundo as probas o feto externamente está ben pero para saber se internamente está san necesítase unha máquina especial e soamente hai unha aquí na Franxa. O problema é que cada sesión son 100 dólares e non podo pagalos", conta Wafa'.
Wafa' conta con que o seu fillo nacerá sen problemas e despois tentará cruzar o paso de Rafah para recibir tratamento en Exipto, aínda que isto lle traia malos recordos: "A miña irmá morreu nun tratamento de cancro de pulmón en Exipto. Ao volver á Franxa, as autoridades do paso de Rafah non deixaron entrar o corpo e tivemos que enterrala nun cemiterio para palestinos no Cairo".