Oito claves para entender a revolución brasileira

Mapa conceptual elaborado por Flávia Vivacqua en Nexo Cultural, São Paulo © El Diario

Revolución en rede? Revolta? Manifestacións maioritariamente apartidistas? Alzamento xeneralizado? Primavera brasileira (en realidade inverno) ou golpe da dereita e dos medios conservadores contra a presidenta Dilma Rousseff? Un novo episodio da renacida #GlobalRevolution?  Ou simplemente caos? Apenas unha semana despois da histórica manifestación do #17J que sacudiu as principais cidades brasileiras e acabou cunha multitude cantando sobre o tellado do mesmísimo Congreso nacional en Brasília, as preguntas seguen sen resposta. Son un eco constante. Con todo, as augas da #BRevolution empezan a volver ao seu rego. É un río revolto, plural, ingobernable, impredicible. Pero as pezas do quebracabezas comezan a encaixar. Compoñen, iso si, unha forma que excede o tamaño e contorna do mesmo quebracabezas.

As estruturas políticas da esquerda -partidos políticos e sindicatos- comezan a abandonar a paranoia do "golpe á dereita" que predominou dende o pasado xoves. Os movementos sociais clásicos comezan a incorporarse ás manifestacións

As estruturas políticas da esquerda -partidos políticos e sindicatos- comezan a abandonar a paranoia do "golpe á dereita" que predominou dende o pasado xoves. Os movementos sociais clásicos comezan a incorporarse ás manifestacións. O Movemento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST) xa anunciou que se unirá ás protestas. A periferia sur de São Paulo convocou mañá unha mega manifestación para paralizar a cidade. Os sindicatos petroleiros non queren quedar fóra. Os pobos indíxenas anuncian que seguen a súa batalla contra Dilma. Os Comités Populares contra a Copa, contra a FIFA. A #GlobalRevolution - 15M, #DerinGezi, OccupyWall Street, #YoSoy132, Primavera Árabe... - está xa dialogando directamente cos colectivos brasileiros. Con todo, o poderosísimo lobby mediático conservador (Rede Globo e Grupo Abril, principalmente) está a mover fichas. A presidenta Dilma Rousseff anunciou onte, aplicando as vellas lóxicas da política, un paquete de medidas que inclúe a reforma da constitución. Que pasará en Brasil nos próximos meses? Que significará para o mundo? Imposible sabelo. Calquera explicación é insuficiente e reducionista.

Con todo, algúns dos malestares que incendiaron as revoltas están a se consolidar como eixos das protestas ou mesmo como grupos de traballo. Aquí oito claves, que se tocan entre si, para entender mellor a #BRevolução.

Ao transporte público únense outras peticións, como vivenda digna, carrís bici, espazos verdes, prohibicións no espazo público.... E outro punto clave: os desaloxos escandalosos en favelas propiciados pola especulación inmobiliaria

1. Dereito á cidade. As manifestacións iniciais do Movemento Passe Livre de São Paulo tiñan unha causa moi concreta: a suba de 0,20 centavos no billete simple de transporte. Con todo, a petición era a metáfora dunha mobilidade urbana deficiente, sen transporte público de calidade e dominada polo coche. Os 0,20 centavos de São Paulo foron as árbores da praza de Taksim de Istambul. E as peticións de mobilidade xa desembocaron en algo maior, transversal, que permea todo o urbano. Como afirma o xornalista paulista António Martins, chegou “a hora do dereito á cidade”. De feito, o dereito á cidade, o título dun libro de Henry Lefebvre de 1967 rescatado por David Harvey nas súas recente Cidades rebeldes, é un dos grandes consensos da #BRevolução. Ao transporte público únense outras peticións, como vivenda digna, carrís bici, espazos verdes, prohibicións no espazo público.... E outro punto clave: os desaloxos escandalosos en favelas propiciados pola especulación inmobiliaria que reina no ambiente previo ao Mundial de Fútbol de 2014 e as Olimpíadas en 2016. O masacre de Pinheiros (incendios provocados en favelas de São Paulo e asasinatos) e os desafiuzamentos xeneralizados nas favelas e barrios de clase media de Río de Janeiro foron caldo de cultivo das revoltas.

"Os Gobernos ensaiaron na Amazonia e nas periferias a represión e a violencia que hoxe se ve nas cidades"

2.Violencia. A violencia que a Policía Militar (PM) de São Paulo usou nas primeiras manifestacións convocadas polo Movemento Passe Livre (MPL) acendeu as revoltas, como ocorreu en Istambul hai unhas semanas. A novidade non foi a violencia, senón que foi usada nun territorio diferente (centro urbano) e contra parte da clase media. A violencia da Policía Militar (PM) dos diferentes Estados e doutros corpos policiais é un das físgoas máis visibles da ditadura. A mesma violencia viralizada nas redes sociais nos últimos días é habitual na periferia da cidade. O xornalista Felipe Milanez, no artigo O efecto boomerang das balas de goma vai máis aló: denuncia que a violencia do Estado é moito máis forte na Amazonia: "Os Gobernos ensaiaron na Amazonia e nas periferias a represión e a violencia que hoxe se ve nas cidades". O berro contra a violencia policial é un dos máis agregadores das revoltas e excede as contornas urbanas.

Os movementos sociais saíron á rúa con forza durante meses e mesmo tentado presionar, sen éxito, a Dilma Rousseff para que vetase a Marco Feliciano

3.Dereitos Civís. A calor da #BRevolução ocultou unha cuestión crucial no clima de indignación dos últimos meses: os dereitos dos colectivos de gais, lesbianas e transexuais. De feito, no medio das revoltas brasileiras foi aprobado o proxecto de lei cura gai, que considera os homosexuais enfermos. O venres, o movemento LGBT ocupou a avenida Paulista de São Paulo cun berro nítido: #ForaFeliciano. Marco Feliciano é un pastor evanxelista que, paradoxalmente, é o presidente da Comisión de Dereitos Humanos do Goberno Dilma. Os movementos sociais saíron á rúa con forza durante meses e mesmo tentado presionar, sen éxito, a Dilma Rousseff para que vetase a Marco Feliciano. A recente resolución do Conselho Nacional de Justiça (CNJ), que obrigaba as notarías brasileiras a recoñecer as unións civís, foi un movemento para evitar o debate parlamentario. Nun país no que morren gais asasinados nas rúas, o matrimonio gai dificilmente sería legalizado con trámite legal. A cuestión do aborto - fortemente criminalizado en Brasil- tamén foi un asunto quente no últimos tempo. Ambas as dúas cuestións incorpóranse a un berro común que pide que se protexan liberdades e dereitos civís.

4. Nova gramática político social. Unha metáfora vale máis que mil palabras. Na manifestación do pasado xoves de São Paulo os partidos e organizacións de esquerdas tentaron unirse á protesta con bandeiras e con formato de columna militar. Foron apupados e tiveron que saír da manifestación. Con todo, algúns militantes conservadores participaron nunha manifestación maioritariamente apartidista, diluídos na multitude, sen bandeiras, remesturando cantos do Movemento Passe Livre e dirixíndoos contra o Goberno. Entenderon mellor que os militantes da esquerda que a guerra non é lineal, antagónica ou dicotómica. Esta imaxe resume a incapacidade das estruturas da esquerda de entender a emerxencia dun novo suxeito político que está a xurdir en todo o mundo. O Estado busca un interlocutor recoñecible (Dilma esfórzase en negociar apenas co Movemento Passe Livre), peticións concretas e un escenario de negociación clásico. Con todo, a pluralidade de #BRevolution está a callar nunha nova arquitectura das protestas e das relacións de poder. Nunha nova gramática social.

O Estado busca un interlocutor recoñecible (Dilma esfórzase en negociar apenas co Movemento Passe Livre), peticións concretas e un escenario de negociación clásico. Con todo, a pluralidade de #BRevolution está a callar nunha nova arquitectura das protestas e das relacións de poder

As asembleas populares no espazo público expándense por todo o país. Brasília, Belo Horizonte e Río de Janeiro acaban de unirse á dinámica de asembleas, unha nova interfaz de diálogo político. O pensador Giuseppe Cocco, vinculado á Universidade Nómade e profesor da Universidade Federal de Río de Janeiro (UFJR) foxe, nunha interesante entrevista, da lectura esquerda-dereita do movemento: "Teñen unha dinámica intempestiva, foxen de calquera modelo de organización política (non só dos vellos partidos ou dos sindicatos, senón tamén do terceiro sector, das ONGs) e afirman unha democracia radical articulada entre as redes e as rúas: auto-convocatoria e debates nas redes sociais". Nunha reunión de pensadores, movementos sociais e artistas, celebrada o domingo no espazo Nexo Cultural de São Paulo, xurdiron moitas palabras e expresións novas: "revolución molecular", "bottom-up", "multitude", "rizoma", "manifestacións neuronais", "revolución multicéntrica", "grito coral", "enxame", "corpo colectivo"... Palabras que convivían coas clásicas: "loita de clases", "movementos sociais de esquerda"... O artista paulista Gavin Adams resumía ben a encrucillada: "Necesitamos os movementos sociais clásicos nisto. Temos que convencer os nosos amigos marxistas de que esta revolución horizontal e rizomática é boa".

O artista paulista Gavin Adams resumía ben a encrucillada: "Necesitamos os movementos sociais clásicos nisto. Temos que convencer os nosos amigos marxistas de que esta revolución horizontal e rizomática é boa"

Outra imaxe-metáfora: Fernando Haddad, o alcalde petista de São Paulo, anunciou a baixada de tarifa do transporte no palacio dos Bandeirantes, do seu inimigo Geraldo Alckmin, o conservador Gobernador do Estado, do Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB). Unha metáfora comparable ao pacto do PSOE e PP en España para modificar a Constitución en tempo récord. Mentres tanto, as rúas tomadas buscan conformar un novo corpo colectivo á marxe da PT e o PSDB.

5.Críticas aos grandes medios de comunicación. Durante as diferentes protestas, o berro contra a manipulación dos grandes medios de comunicación foi moi habitual. A multitude incendiou mesmo coches de cadeas como BAND ou Record. Algunhas sedes da todopoderosa RedeGlobo foron atacadas. Un dos hashtags máis populares de Brasil en Twitter do pasado día 16 foi #AbaixoRedeGloboOPovoNãoÉBobo. Outros como # GloboManipula #GloboMente ou #GloboMar foron moi comúns. O pasado domingo convocouse, nun evento de Facebook, o Primeiro Boicot contra a Rede Globo. Mañá celébrase en São Paulo unha asemblea temática na praça Roosevelt titulada Democracianamídia. A democratización dos medios será, sen dúbida un dos eixos das próximas semanas. A publicidade estatal aínda sostén o imperio Globo e o ultra conservador Grupo Abril.

O malestar contra os medios vén de lonxe. Folha de São Paulo e algúns dos grupos citados foron os responsables do termo dictabranda que escondía a represión.

O malestar contra os medios vén de lonxe. Folha de São Paulo e algúns dos grupos citados foron os responsables do termo dictabranda (maquillaxe do termo "ditadura") que escondía a represión. O documental Máis aló do cidadán Kane, producido pola BBC británica e prohibido en Brasil naquela época, explica o contubernio da Rede Globo coa ditadura brasileira. E como a Rede Globo foi cociñando a anestesia de espírito pacífico, sensualidade e felicidade para Brasil, un dos países máis desiguais do planeta. O pasado domingo, Domingão do Faustão, coñecido como Faustão, abriu o popular programa que presenta desde 1989 defendendo os manifestantes. Rodeado de mulleres lixeiras de roupa e un público entregado ao aplauso-sorriso, Faustão falou para millóns de brasileiros: "Aquí cada un ten un asunto para falar, contra a corrupción". Rede Globo está a conducir as revoltas contra o Goberno de Dilma. Os cidadáns están a reaccionar en rede. Mentres, a esquerda institucional segue perdida.

Curiosamente, o país no que naceron os mecanismos de orzamentos participativos (Porto Alegre, 1989) non acabou de dar o paso adiante, agás algunhas experiencias rexionais

6. Democracia Participativa. Máis participación. Máis transparencia. Máis mecanismos de democracia directa. O desexo dunha maior participación na vida política de Brasil é un eixo transversal a case todos os manifestantes e colectivos. Curiosamente, o país no que naceron os mecanismos de orzamentos participativos (Porto Alegre, 1989) non acabou de dar o paso adiante, agás algunhas experiencias rexionais. O recoñecido sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos apunta nesa dirección nun texto recente: "As formas de democracia participativa foron cooptadas, neutralizadas no dominio das grandes infraestruturas e megaproxectos, e deixaron de motivar as xeracións máis novas, orfas de vida familiar e comunitaria integradora, cegadas polo novo consumismo". Vinicius Wu, secretario do Gabinete Dixital do Estado de Rio Grande do Sul, a experiencia máis avanzada en democracia participativa de Brasil, afirmaba o domingo desde a súa conta de Twitter que unha boa idea sería replicar a nivel nacional a experiencia do Gabinete Dixital. Nos últimos días xurdiron varias iniciativas nesa dirección, que atravesan o eixo esquerda-dereita. A plataforma Reforma Política é unha delas. Dilma Rousseff reaccionou rapidamente. Anunciou onte, tras reunirse con ministros e Gobernadores, un plebiscito para profundar nas reformas políticas.

Desde círculos activistas e movementos de esquerda sentiuse certo alivio tras o apoio da revolución global contra as elites brasileiras

7. Vínculo coa #GlobalRevolution planetaria. “Acabou a mordomia, o Rio vai virar uma Turquia” (“acabou a vida cómoda, Río vai ser outra Turquía”), foi un dos berros das manifestacións en Río de Janeiro. A bandeira de Brasil levantouse na praza Taksin de Turquía hai uns días. E as referencias, contactos, diálogo e analoxías entre o novo movemento brasileiro e as denominadas redes globais é un feito. 15M, Occupy Wall Street, Primavera Árabe e #DerinGezi (a resistencia turca) están a ser citados intensamente polos colectivos brasileiros. Mesmo grandes medios, que informaron moi mal da revolución global, empezan a analizar comparacións, non sempre correctas. O Globo publicou un texto asinado desde Barcelona por Chico Amaral facendo unha acertada (aínda que non perfecta) analoxía entre os Indignados e as revoltas de Brasil. O pasado domingo, de feito, tivo lugar unha campaña en Twitter para expandir o hashtag #BRevolution, primeiro contacto visible do que está a pasar en Brasil coa #GlobalRevolution. Contas como @AcampadaSol, @DemocraciaReal, @Yayoflautas, @Madrilonia, @15MBcn_in, @OccupyWallSt, @Takethesquare ou @Son132MX participaron con intensidade. Desde círculos activistas e movementos de esquerda sentiuse certo alivio tras o apoio da revolución global contra as elites brasileiras.

Para o vindeiro xoves está marcada unha reunión global en Mumble (ferramenta de audio) titulada Transnational Online Forum to evaluate the Re-resurgence of the Grassroots. A peculiaridade brasileira e o seu escaso diálogo co mundo dificulta un pouco as conexións. Membros do Projeto Ágora Brasil escribían desde Minas Gerais a unha das listas importantes da #GlobalRevolution denunciando que o excesivo uso de Facebook estaba a bloquear a conexión da revolución brasileira. Doutra banda, Anonymous Brasil, reis absolutos das redes brasileiras segundo os estudos de Interagentes, foron moi criticados por abrazar a causa da corrupción, unha das habituais da dereita brasileira. Algunhas das súas peticións encaixan desde as lecturas esquerda-dereita coas de grupos conservadores que loitan contra a corrupción desde o escándalo do Mensalão da era Lula. Con todo, cada vez máis persoas entenden a bandeira da corrupción dunha forma máis transversal e global. O sociólogo Luís Eduardo Soares, un dos máis respectados, recoñece nos seus textos o vínculo coas revoltas globais: "Hai no movemento magnetismo, hai conexión metonímica con cuestións centrais para Brasil e o mundo". Unha diferenza clara: en Brasil foi unha causa concreta e local, non algo xenérico, o que xerou a explosión. Ademais, xa se triunfou na petición dos 0,20 centavos. Brasil xa dá unha lección á #GlobalRevolution.

"O novo modelo económico consistiría en realidade en reeditar o vello nacional-desenvolvismo, rebautizado como neo-desenvolvismo". Grandes infraestruturas, incentivar a industria, a fabricación de coches, fontes de combustible fósil...

8. Modelo macroeconómico. Até que punto encaixa a loita contra o 1% da revolución global coa revolta brasileira? Bastante. O Goberno Dilma continuou, en palabras do sociólogo Boaventura de Sousa Santos, o modelo capitalista: "o novo modelo económico consistiría en realidade en reeditar o vello nacional-desenvolvismo, rebautizado como neo-desenvolvismo". Grandes infraestruturas, incentivar a industria, a fabricación de coches, fontes de combustible fósil, débeda Estatal e privada, exportación de commodities, consumismo.... O modelo Dilma, que continúa axudando as clases máis desfavorecidas con programas sociais, non cuestiona para nada o capitalismo global. E provoca o paradoxo, segundo o citado Giuseppe Cocco, que en Brasil non exista socioloxicamente "unha nova clase media", a pesar do aumento da renda per cápita. Brasil apostou por un nefasto desenvolvemento cuantitativo, como apunta a carioca Rodrigo Nunes nun artigo na Al Jazeera. E o modelo explotou. As revoltas tiran ao chan o mito do milagre brasileiro. O mito dos BRIC, sigla que delimita a nova fronteira do capitalismo especulativo. Corrixirá Dilma o rumbo macro económico? Giuseppe Cocco, como unha boa parte dos colectivos sociais, antes do anuncio presidencial de onte, era pesimista: "(Dilma) limítase a recoñecer a existencia doutra composición social no movemento e a construción dun gran pacto ao redor dos servizos públicos, pero non anuncia nada novo". Brasil debátese, en definitiva, entre ser a esperanza do 99% ou ser un membro influente no clube 1%. A #BRevolution, pois, é unha batalla global.

Mapa conceptual elaborado por Flávia Vivacqua en Nexo Cultural, São Paulo © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.