Os desprazamentos forzosos no mundo acadan un novo récord: 65 millóns de persoas

O campamento de Idomeni © María Vence

Cando o éxodo chegou a Europa chamóuselle "o ano dos refuxiados", pero o 2015 foi en realidade un ano máis nun lustro de aumentos e marcas a nivel global. Unha vez máis, o número de desprazados forzosos no mundo alcanzou un novo fito: 65,3 millóns de persoas en todo o mundo non poden regresar ás súas casas por medo, un incremento de 5,8 millóns máis que en 2014. A maioría fuxiu no interior dos seus países de orixe, mentres que 21,3 millóns de persoas atoparon refuxio noutros estados: o 86% delas, en países en desenvolvemento.

Como cada ano, o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur) publicou o seu informe anual 'Tendencias globais de desprazamento forzoso'. Os seus datos non albiscan mellora ningunha. Durante o transcurso de 2015, máis de 12 millóns de persoas fuxiron dos seus fogares en busca de protección, dos que 1,8 o fixeron fóra dos seus países. Desde que a Axencia da ONU iniciou as súas advertencias ante a aproximación dunha crise mundial de desprazamento forzoso en 2010, as cifras de fuxidas creceron case un 50%, lembran.

A principal nacionalidade de orixe volve ser a siria, con case cinco millóns de refuxiados no mundo en 2015, seguida da afgá (2,7 millóns), e a somalí (1,1 millóns). Colombia, República Democrática do Congo, Iraq, Nixeria, Sudán, Sudán do Sur e Iemen completan a lista do dez países do mundo dos que escapa máis xente para pedir protección no exterior.

Víase vir e xa estaba a ocorrer, pero non tan preto. Non foi até 2015 cando as políticas de migración e asilo centraron boa parte das reunións europeas: cando miles dos refuxiados sobre os que levaban anos advertindo as organizacións sociais empezaron a cruzar en masa as fronteiras internas da UE.

A Axencia da ONU destaca o importante pico de chegadas rexistrado en territorio europeo, aínda que as cifras son baixas con respecto á totalidade de desprazados no mundo: un millón de persoas arriscou a súa vida no mar para lograr entrar en Europa. A maioría, di Acnur, procedía dos países de onde saen máis refuxiados pola situación de conflito ou as vulneracións de dereitos humanos ocorridas no seu territorio.

O 84% das persoas que chegaron a Europa proceden de Siria, Afganistán, Iraq e Eritrea

O 84% das persoas que chegaron a Europa en inestables embarcacións en 2015 procede de Siria (50%), Afganistán (21%), Iraq (9%) e Eritrea (4%). Debido á súa posición xeográfica, a maioría, 856.700 persoas, alcanzou territorio europeo a través de Grecia. Case 154.000 migrantes e refuxiados chegaron a Italia. Moi lonxe de ambos, España sitúase como o terceiro país europeo que máis chegadas de migrantes e refuxiados rexistrou o ano pasado, 15.400 persoas, aínda que boa parte delas continuou o seu camiño cara a outros Estados membros.

Durante 2015, o 58% de quen alcanzaron territorio europeo por mar son homes. Mentres que o 17% estaba formado por mulleres e o 25%, por nenos. O ano pasado , preto de 300.000 nenos e nenas arriscaron as súas vidas para entrar a Europa a través do Mediterráneo. Varios ONG alertan da situación de vulnerabilidade dos menores desprazados de forma forzosa.

O 86% dos refuxiados, en países pobres

Aínda que Europa recibiu unha cifra de refuxiados só superada no continente durante a Segunda Guerra Mundial, os países en desenvolvemento continúan sendo os principais receptores: o 86% dos refuxiados viven en países como Turquía, Líbano ou Etiopía, lembra Acnur.

Case 14 millóns de persoas (fronte ao máis dun millón de chegadas da UE) fuxiron a países pobres rexistrando a cifra máis alta de refuxiados recibidos por Estados en desenvolvemento. Nos países ricos só viven 2,2 millóns do número total das persoas que saíron dos seus lugares de orixe para pedir protección.

Nos países ricos só viven 2,2 millóns do total de persoas refuxiadas

O país co que a UE pactou a devolución de todos os refuxiados que cheguen a Grecia de forma irregular, Turquía, continúa sendo o Estado que máis refuxiados acolle do mundo: 2,5 millóns de persoas. Séguenlle Paquistán, Líbano, Irán, Etiopía e Xordania.

En función da súa poboación, os cinco estados que máis desprazados acollen do mundo son Líbano, Xordania, Nauru -onde Australia conta con centros aos que devolve aos refuxiados que chegan ao seu territorio-, Turquía e Chad.

Aínda así, os refuxiados son unha pequena parte das persoas obrigadas a fuxir da guerra ou a persecución. A maioría de desprazados (52, 6 millóns) segue movéndose no interior do Estado no que vive, dentro das fronteiras do país que o empurra a escapar. Por exemplo, en Sudán do Sur -que á súa vez é un do dez estados que máis refuxiados acolle en función da súa renda per cápita-, preto de dous millóns de persoas tiveron que deixar as súas casas e desprazarse a outras zonas do país debido aos constantes ataques derivados da guerra civil e os conflitos étnicos.

Máis da metade das persoas refuxiadas son menores de idade

O 51% dos refuxiados son menores de 18 anos, unha porcentaxe similar ao rexistrado o ano anterior. Durante 2015, pediron asilo 98.400 menores separados das súas familias ou non acompañados, a cifra máis elevada coñecida por Acnur desde 2006, cando comezou a colleitar estes datos. A Axencia da ONU pide "facer esforzos para garantir as súas necesidades e diminuír o impacto do desprazamento forzado".

Os riscos inherentes ao éxodo clandestino de millóns de refuxiados poderían emendarse a través da apertura de pasaxes legais de entrada aos países ricos, lembra Acnur. Pero a súa aplicación continúa en baixos niveis en comparación coa ampla porcentaxe de refuxiados acollido en países en desenvolvemento. O principal mecanismo de acceso regular, o reasentamento, beneficiou a 107.000 refuxiados en 2015, segundo a Axencia da ONU. Estados Unidos aceptou a cifra máis alta de solicitantes de asilo a través desta vía: 66.500 persoas.

Tras o novo aumento rexistrado en 2015, a poboación desprazada forzosamente supera xa á de países como Reino Unido, aseguran desde Acnur. Segundo os seus cálculos, 24 persoas tiveron a necesidade de fuxir dos seus fogares cada minuto. "Se conformasen un país", conclúe a Axencia da ONU, "este sería o 21 Estado máis poboado do mundo".

Grupo de refuxiados/as en Idomeni, na fronteira entre Grecia e Macedonia CC-BY-ND Martin Leveneur

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.