Os zapatistas chaman a conformar unha rede de resistencia e rebeldía para as eleccións de 2018

Seminario zapatista que aclarou os detalles das candidatura para as eleccións presidenciais CC-BY-SA Dani Palleiro

Os pasados días 12, 13, 14 e 15 de abril celebrouse no CIDECI-Unitierra, en San Cristobal de las Casas, Chiapas, o seminario “Los muros del capital, las grietas de la izquierda”, organizado pola Comisión Sexta do EZLN. O propósito do encontro: Facer unha diagnose da fase terminal do sistema-mundo capitalista na que nos atopamos e da situación política mexicana, así coma afondar na proposta do CNI (Congreso Nacional Indígena) de presentar a unha muller indíxena coma candidata independente aos comicios electorais de 2018, tal e como o anunciaran o pasado mes de outubro no comunicado “Que retiemble en sus centros la tierra”. Nas xornadas participaron académicos e activistas mexicanos, así coma voceiros do CNI e do EZLN.

 

Os muros do capital: A globalización no abrente da era Trump

Lonxe do que as análises máis fenomenolóxicas do ascenso de Trump vaticinan, o seu discurso neoproteccionista non vai significar un repregue nacional do Imperio estadounidense e a fin do ciclo globalizador

Os zapatistas usan o termo tormenta para referirse ás forzas destrutivas despregadas polo capitalismo na súa fase terminal, que empregando o despojo como ferramenta de acumulación de capital, arrasa cos pobos e cos modos de vida comunitarios. Lonxe do que as análises máis fenomenolóxicas do ascenso de Trump vaticinan, o seu discurso neoproteccionista non vai significar un repregue nacional do Imperio estadounidense e a fin do ciclo globalizador, moi polo contrario os seus actos das últimas semana, así coma o incremento do presuposto militar, anuncian unha nova era de acumulación militarizada que con toda probabilidade producirá unha economía global de guerra e grandes crises sociais, políticas, económicas e ecolóxicas. “La tormenta viene y lo que se ve ahora no es ni remotamente el punto más álgido” sentenciou o Subcomandante Galeano. O sistema capitalista está nos seus últimos estertores, pero a súa capacidade destrutiva é maior ca nunca, polo que segundo os zapatistas cómpre organizar a resistencia.

 

Estado de excepción en México

México vén de sufrir nos últimos lustros unha transformación de Estado corrupto en Estado criminal. A malversación, o desfalco, os caciquismos, a compra de votos e os fraudes electorais son lugares comúns do sistema político mexicano e prácticas habituais do PRI. A novidade da última década é o centenar de fosas comúns achadas ao longo da xeografía nacional, as decenas de miles de desaparecidos das que os 43 de Ayotzinapa son a condensación simbólica dunha podredume sistémica de incalculable alcance, a posta das forzas de “seguridade” do Estado ao servizo dos intereses das empresas extractivistas transnacionais no desprazamento e asasinato de comunidades indíxenas, a participación dos cárteles nas redes políticas e empresariais nacionais, a estreita relación destes cos deputados e senadores así coma gobernadores dos estados da república – algúns deles verdadeiros feudos do narcotráfico –, e un logo etcétera.

Estase a consolidar un Estado mafioso que asume as necropolíticas como parte constitutiva do sistema, cunha serie de conivencias, camaraderías e tramas que atravesan e vinculan o crime organizado coa política institucional

O ata aquí sinalado, lonxe de ser unha interpretación zapatista, é unha realidade manifesta que non dubidan en sinalar medios tan pouco sospeitosos de radicalidade coma a CNN. En definitiva, estase a consolidar un Estado mafioso que asume as necropolíticas como parte constitutiva do sistema, cunha serie de conivencias, camaraderías e tramas que atravesan e vinculan o crime organizado coa política institucional, nun país que se disputa con Irak e Siria o primeiro posto no rexistro anual de mortes por actos de violencia.

 

As fendas na esquerda: O cuestionamento da vía electoral

A crise da esquerda institucional foi un tema no que se abundou ao longo do seminario. Fíxose unha lectura moi escéptica sobre a chamada década gañada en América Latina

A crise da esquerda institucional foi un tema no que se abundou ao longo do seminario. Por unha banda fíxose unha lectura moi escéptica sobre a chamada década gañada en América Latina, así coma sobre a pertinencia do uso da vía electoral – non só polo fraudulento do sistema político mexicano, senón como medio de acceso ao poder –, dada a súa nula capacidade de impugnación do sistema capitalista, do que dan testemuña os múltiples e fallidos intentos das últimas décadas en América Latina. Neste senso, Arturo Anguiano non dubidou en cualificar aos gobernos progresistas de Venezuela, Bolivia e Ecuador coma paternalistas e arrogantes, incapaces de poñer en marcha políticas fiscais redistributivas e de mudar os modos de produción. Gobernos que continuaron co modelo extractivista, exportando materias primas e destruíndo o medio ambiente, en detrimento dos modos de subsistencia dos pobos orixinarios. Estes gobernos eludiron enfrontarse á concentración de capital das oligarquías e negociaron con elas, volvéndose pragmáticos no seu exercicio do poder. Polo tanto non se lles pode considerar, segundo Anguiano, gobernos progresistas, e moito menos de esquerdas. Son xenuinamente neokeynesianos e socialdemócratas, e polo tanto capitalistas.

Para o caso mexicano Paulina Fernández recordou que ao longo dos últimos corenta anos a “esquerda” institucional mexicana se dedicouse a apuntalar o sistema, contribuíndo a converter a Constitución nun código mercantil, privilexiando os intereses do capital fronte aos dereitos dos cidadáns e as comunidades. Os focos puxéronse sobre a figura de Andrés Manuel López Obrador e o seu partido-feudo Morena, que se autodefinen como a única alternativa ao PRI-PAN e reclaman o monopolio da esquerda mexicana, pese á carencia dun programa claro e ao déficit total de propostas rupturistas no seu discurso, amais das súas sospeitosas relacións coa oligarquía mexicana. En clara alusión a López Obrador, o Sub Galeano declarou “no queremos elegir entre patrón malo y peor, simplemente no queremos patrón”.

En clara alusión a López Obrador, o Sub Galeano declarou “no queremos elegir entre patrón malo y peor, simplemente no queremos patrón”

Máis que fendas, o que produciuse no proxecto da esquerda institucional, segundo Anguiano, foi un afundimento, polo que compre deixar claro que non existe máis esquerda que a anti-neoliberal, aquela que se organiza por medio dos que sofren as inxustizas do sistema, mediante a rebeldía e a autoxestión, entendendo que o máis importante non é destruír o poder dos de arriba senón construír o dos de abaixo.

 

Unha muller indíxena candidata independente do CNI para as elección federais de 2018

A última sesión dedicouse a dilucidar a decisión do CNI de postular a unha muller indíxena como candidata á presidencia da república de cara ás eleccións federais de 2018. Partindo das palabras do Subcomandante Moisés “no nos resolverá el organizar los votos, así que votes o no votes, no es el problema” comprendemos a natureza procesual e non finalista da participación do CNI nas eleccións. O movemento zapatista leva dende o ano 2003 repregado no seu territorio, construindo a autonomía das comunidades e unha institucionalidade para-estatal. Este camiño cara ás marxes do sistema emprendeuse tralo rexeitamento no ano 2001 do Congreso da Unión á iniciativa de lei da Cocopa, que buscaba establecer o recoñecemento dos dereitos de autonomía e libre determinación dos pobos indíxenas e a soberanía sobre os seus territorios, dentro das institucións do Estado. Coincidindo con este repregamento e coa ruptura das negociacións entre o EZLN e o goberno da república, os grandes medios de comunicación estableceron un apagón mediático en torno ao movemento indíxena. A aposta pola participación nos comicios electorais do próximo ano pódese interpretar entón como o retorno dos zapatistas e o movemento indíxena á area política nacional, como o momento de pasar á ofensiva, respondendo a unha necesidade e a unha oportunidade.

A aposta pola participación nos comicios electorais do próximo ano pódese interpretar como o momento de pasar á ofensiva, respondendo a unha necesidade e a unha oportunidade

Necesidade pola situación de descomposición do país, pola violación sistemática dos dereitos humanos e pola impunidade dun goberno criminal, que se cobra milleiros de vidas cada ano. Oportunidade de irromper de novo na esfera pública, de participar na campaña electoral como plataforma para mediatizar as loitas dos pobos indíxenas e impulsar a construción dun suxeito político radical, de crear unha rede de cidadáns e pobos sen un centro dirixente, de construír o común e o comunitario, de facer un chamado á autoorganización fora das institucións corruptas do Estado. Esta participación no eido electoral abre a posibilidade de crear unha campaña nacional que Carlos González, voceiro do CNI, definiu nos seguintes fitos: Visibilizar as alternativas ao capital e ao Estado, mostrar as loitas dos pobos indíxenas e situalas no punto central do debate político, fortalecer a organización do CNI, incrementar o poder dos pobos indíxenas, establecer vínculos con outros pobos indíxenas, e articular as loitas cos outros oprimidos.

Non é unha xanela pola que entrar no sistema, senón unha fenda nos medios de comunicación, unha oportunidade para visibilizar a podredume do réxime e convidar os pobos a construír a autonomía

Dáse entón un replantexamento do concepto de fiestra de oportunidade. Non é unha xanela pola que entrar no sistema, senón unha fenda nos medios de comunicación, unha oportunidade para visibilizar a podredume do réxime e convidar os pobos a construír a autonomía, organizando a loita colectiva. Participar nas eleccións para hackear a vía electoral e impugnar o sistema. Así o describiu o voceiro do CNI: “No pretendemos competir con los partidos, ni alcanzar el poder putrefacto, sino conducir a la autonomía, el gobierno propio y la organización de los pueblos indígenas. Las elecciones son la fiesta por excelencia de los de arriba, queremos colarnos en esa fiesta y echársela a perder hasta donde podamos”.

Pero non se trata só de organizar a loita indíxena, pasar á ofensiva significa implicar a moitos outros colectivos e sectores da poboación, tecer alianzas cos sindicatos máis contestatarios, co movemento dos mestres...

Pero non se trata só de organizar a loita indíxena, pasar á ofensiva significa implicar a moitos outros colectivos e sectores da poboación, tecer alianzas cos sindicatos máis contestatarios, co movemento dos mestres, os profesionais da saúde, as diversas organizacións campesiñas, os movementos urbanos populares, a loita feminista, as plataformas en defensa do auga e outros bens comúns, o movemento estudantil, as asociacións de familiares de desaparecidos, e tantos outros. Organizar un movemento popular de base que coordine as loitas das comunidades ameazadas polo capitalismo e o Estado, nunha proposta de nación outra que sume actores sociais á reivindicación indíxena de “nunca más un México sin nosotros”.

O Sub Galeano declarou ademais que o anhelo zapatista non é local, nin nacional, senón mundial: “El dolor y la rabia no tienen pasaporte (...) El zapatismo, como pensamiento libertario, no reconoce a los ríos Bravo y Suchiate como límites de su aspiración de libertad. Nuestro para todos, todo no reconoce fronteras. La lucha contra el Capital es mundial” en relación ao apoio incondicional ofrecido polo EZLN aos mexicanos perseguidos e deportados do territorio estadounidense, ao movemento Black Lives Matter, á loita do pobo Kurdo, etc. Pero tamén como chamado aos activistas e colectivos de todo o mundo a tecer redes internacionais na defensa da vida contra o capital.

O Congreso Nacional Indíxena propuxo presentar unha muller como candidata independente aos comicios CC-BY-SA Dani Palleiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.