Syriza xa está ás portas do poder

Tsipras celebra a vitoria nas europeas CC-BY-SA El Diario

Non había volta atrás para Grecia en 2008. As primeiras ondas da crise golpearan a economía e a sociedade, pero os que sabían o que ía pasar eran aínda uns poucos. A xente seguía crendo as mentiras oficiais ("a economía vai ben, a crise non nos afectará") que xurdían do Goberno cada día. Pero comezaron a pechar as primeiras empresas. O paro crecía rapidamente. Á mocidade resultáballe case imposible atopar un emprego de calquera tipo. A furia, a frustración e a tensión social estaban a crecer.

Na noite do 6 de decembro de 2008, un policía matou un adolescente a sangue frío en Excharbia, a zona anarquista de Atenas. Sen ningún motivo en concreto. Atenas estourou por primeira vez en anos. A cidade estaba en lapas. Decenas de miles de manifestantes, a maioría mozos e mozas, ocuparon a metropola grega e loitaron contra unhas agresivas forzas antidisturbios durante días. A xente tiña a palabra 'revolución' na cabeza. Era obvio que eran razóns sociais, non políticas, as que estaban por tras das protestas.

Un país dividido cunha inmensa débeda pública e unha desigualdade como a de EUA entre os que teñen e os que non teñen reaccionara finalmente.

Neses días coñecín por primeira vez a Alexis Tsipras, o novo líder dun pequeno partido esquerdista, Synopsismo, e concelleiro do Concello de Atenas. Pasaba o día manifestándose na rúa, e a noite traballando na súa oficina mentres mobilizaba os esquerdistas decepcionados e frustrados que sentían traizoados polo Pasok, o partido dos "falsos socialistas". O lendario partido marchara á cama coa economía neoliberal e destruíra o país coa axuda do diñeiro fácil entregado por intermediarios listos dos bancos alemáns e franceses.

A enerxía social era incrible. Pero non había ninguén no vello establishment político que puidese representar ás vítimas dun inmenso experimento neoliberal

Foi hai cinco anos e medio, pero Tsipras xa sabía que se achegaba o gran momento. A 'esquerda tradicional' fracasara ao grande. Grecia entrara nunha espiral negativa irreversible, ética, política e socialmente. O país tornara no chivo expiatorio do laboratorio creado polas institucións financeiras e a Unión Europea. O primeiro programa de rescate en 2010 esixía austeridade pura e dura: foi un programa deseñado para converter a Grecia nun país do Terceiro Mundo.

Os gregos tolearon. A enerxía social era incrible. Pero non había ninguén no vello establishment político que puidese representar ás vítimas dun inmenso experimento neoliberal. Grecía estaba en caída libre. Despois do primeiro rescate, houbo un segundo memorándum.

Como o impacto dunha guerra

O país cambiou moi rapidamente e de forma tan radical que as súas condicións lembran os cambios que sofren os países durante unha guerra. O PIB é agora un 25% menor que antes da crise. O número de desempregados é o maior da UE: a porcentaxe é case do 30% e do 65% entre os mozos. Máis de tres millóns de persoas, sobre un total de dez, atópanse en metade dunha crise humanitaria. Moitos non teñen seguro sanitario nin acceso aos centros sanitarios. Nin para eles nin para os seus fillos. A situación empeora cada día.

"Grecia é a primeira vítima das institucións financeiras internacionais, a política da UE e a presión alemá. Queren converter o noso país nunha zona de traballo barato, sen dereitos dos traballadores, e por tanto sen dereitos humanos. Nun Terceiro Mundo dentro do Primeiro Mundo. Todo iso no nome das dogmas modernos da eficiencia e competitividade", contoume Tsipras a principios de 2012, cando el e a súa nova formación Syriza, unha coalición de 12 partidos esquerdistas e movementos cívicos, xa eran protagonistas relevantes da escena política grega.

Tamén era unha época de crecente influencia dos neonazis. Os membros de Aurora Dourada -un partido neonazi que conseguiu tres escanos nas eleccións europeas e ser o terceiro partido do país- estaban a atacar e matando inmigrantes e refuxiados por todo Atenas. Esa era a campaña electoral de maio de 2012.

Syriza, xogando a carta contra a austeridade e contra o euro, pero non pola saída da eurozona, recibiu o 17% dos votos

Ninguén esperaba que Syriza sacase máis do 10% dos votos. Pero os votantes castigaran a vella elite política, Nova Democracia e, especialmente, Pasok, que conseguiran xuntos máis do 80% dos votos en decembro de 2009.

En maio de 2012 non houbo un vencedor. Syriza, xogando a carta contra a austeridade e contra o euro, pero non pola saída da eurozona, recibiu o 17% dos votos. Tsipras, un líder carismático cunha alta autoestima como é típico nos Balcáns e o Mediterráneo, recibiu o encargo de formar Goberno. Pero era unha misión imposible. O presidente grego Papadimos viuse obrigado a convocar novas eleccións. Foi un resultado moi apertado. Nova Democracia, o partido do gran capital e dos conservadores da vella escola, gañou por pouco: 26% a 25%.

Syriza, que tivo á maioría dos medios locais e internacionais en contra, e Tsipras -o "inimigo público número un"- pasaron a ser líderes oficiais da oposición e a maior forza da nova esquerda en Europa.

Chegou o momento

Mentres Grecia está a afundirse, é só unha cuestión de tempo que Syriza gañe as eleccións, sendo agora un partido unido cunha forte rede de apoio, influentes conexións internacionais e o apoio de intelectuais gregos e estranxeiros (Slavoj Žižek, Alain Badiou, Costas Lapavitsas, Costas Douzi, Yanis Varoufakis...). Ofrece un programa baseado nun "socialismo democrático" aberto a formas de capitalismo que compartan a súa conciencia social. Tsipras, que sabe moi ben que é case imposible gobernar en solitario un país devastado e profundamente dividido, comezou un proceso político aberto e a negociar unha coalición de goberno anterior ás eleccións.

O tempo chegou o 25 de maio cando Syriza gañou as eleccións europeas e locais. Foi, e aínda é, un momento histórico para a nova esquerda europea, que xa non pode limitarse a un programa de alcance nacional. Ten que ser global. E iso é exactamente o que está a suceder. Pero o camiño até a sede do Goberno é aínda moi longo. Nova Democracia e o seu líder, Antonis Samaras, farán todo o necesario, coa axuda dos seus titores en Bruxelas e Berlín, para manter aos seus socios neoliberais á fronte dun país caído, que foi presentado oficialmente como unha "historia de éxito".

Creceron grazas á crise e dalgunha maneira víronse beneficiados por unha guerra social. En caso de caída do actual Goberno, todo iso cambiará. Drasticamente.

"Estamos nunha posición moi difícil, pero as solucións están aí. Non consiste na continuación das políticas de austeridade. A cura para a crise en Grecia foi peor e causou máis dano que a propia crise. Debemos abandonar este medicamento de forma inmediata e acabar coas políticas de austeridade. Debemos abandonar os memorandos de austeridade que foron asinados por varios gobernos gregos por unha banda, e a UE, Alemaña e as institucións financeiras, por outro. Debemos parar á troika. Debemos comezar os programas destinados ao crecemento e á reconstrución da base económica de Grecia", díxome Tsipras dúas semanas antes das eleccións.

Tsipras engadiu que Grecia só pode salvarse se chega ao poder un Goberno radical de esquerdas co apoio do pobo e se se pon fin ao mandato da troika: "Debemos dicir que xa é suficiente, que non continuaremos coas políticas de austeridade e as medidas coercitivas. Tomaremos as nosas propias decisións durante a aplicación do programa, dado que despois de todo a UE é unha unión democrática. Se temos éxito, será un momento decisivo para os cambios políticos e económicos en Europa".

Até agora, tanto el como Syriza viviron nunha zona cómoda. Creceron grazas á crise e dalgunha maneira víronse beneficiados por unha guerra social. En caso de caída do actual Goberno, todo iso cambiará. Drasticamente.

Tsipras celebra a vitoria nas europeas CC-BY-SA El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.