Nun recuncho do Conxunto Habitacional Itaquera 1 de São Paulo, un sinal de tráfico desconcerta os viandantes. No alto dun poste, un sinal de prohibido airea dúas palabras: Territorio FIFA. Debaixo, un campo de fútbol de area. O estadio de fútbol Area Corinthians (o Itaquerão) de São Paulo, que non existía até a celebración do Mundial de Fútbol, atópase a menos de dous quilómetros. O sinal de Territorio FIFA está dentro do perímetro no que Lei Xeral da Copa prohibe manifestacións políticas e delimita a acción de marcas que non sexan patrocinadores oficiais da FIFA. "É incrible, neste territorio deixas de ser un cidadán brasileiro e pasas a ser un cidadán fifense, rexido por outras normas, moitas comerciais", asegura Sato do Brasil, unha das persoas da Casa da Lapa responsables pola intervención simbólica do sinal de tráfico. "Os veciños indígnanse co Territorio FIFA e afirman con orgullo que non, que é territorio Brasil. Pero eles saben que os investimentos millonarios do Itaquerão non son para eles. Case nada queda na rexión", asegura Sato.
O caso de Itaquera, que comezou a aparecer nos mapas turísticos de São Paulo nos meses previos ao Mundial, é a metáfora perfecta do proceso urbanístico que reina nas cidades brasileiras. E nin sequera é o caso máis visible de resistencia a un modelo urbano baseado nas restricións cidadás e na mercantilización do espazo público. En São Paulo, o Movemento Parque Augusta tenta frear a construción de torres de edificios nunha das poucas áreas verdes do centro da cidade e soñan coa xestión colectiva do devandito espazo. En Río de Janeiro, moitos colectivos loitan contra os desafiuzamentos, contra o plan urbanístico que fixo esvaecer o popular barrio do Maracanã e contra o Porto Maravilha que transformará a orla marítima nun gran parque comercial. En Belo Horizonte, os movementos están a tentar frear o mega proxecto Nova BH e o seu rodete de centros comerciais, rañaceos e parkings. En Recife, o movemento #OcupeEstelita, violentamente desaloxado nos últimos días, é o contrapunto ao proxecto Novo Recife que pretende encher de rañaceos unha rexión histórica da cidade.
O Territorio FIFA serve como metáfora da cidade neoliberal. E o Mundial, como escaparate das fendas do sistema. A realización de grandes eventos como o Mundial de fútbol ou as Olimpíadas (planeadas para 2016 en Río de Janeiro) aceleraron este modelo de urbanismo? "A Copa reforzou o modelo de cidade segregada, neoliberal, vixente en Brasil", asegura Danilo Mandioca, do Comité Popular da COPA de São Paulo. Pola súa banda, o escenario global do Mundial visibilizou aínda máis as tensións urbanas do xigante suramericano. As diferentes ocupacións do Movimento dos Trabalhadores Sem Teito (MTST) en São Paulo nas últimas semanas -a chamada Copa do Povo, unha ocupación no barrio rico de Morumbi e nos arredores do Pleno Municipal- escenificaron nos medios estranxeiros o conflito urbano. Pero o Mundial é apenas un punto de chegada dun proceso histórico. "Os grandes eventos poden servir de escusa para a burla das lexislacións. Con todo, a cuestión vén de moi lonxe. A demanda por unha cuestión democrática das cidades remóntase ás últimas tres décadas", asegura a avogada Ivanilda Figueiredo.
O sinal de Territorio FIFA está dentro do perímetro no que Lei Xeral da Copa prohibe manifestacións políticas e delimita a acción de marcas que non sexan patrocinadores oficiais da FIFA.
O violento desaloxo da ocupación Estelita, na cidade de Recife, sede do Mundial, resume á perfección a situación urbana de Brasil. Durante o partido entre as seleccións de Brasil e México, a Tropa de Choque da Policía Militar (PM) desaloxou á forza e de forma ilegal #OcupeEstelita, un espazo común xestionado por diferentes movementos entre as redes sociais e métodos horizontais. "Ocupe Estelita naceu co obxectivo de esixir un plan urbano democrático e orientado á vida colectiva", asegura Érico Andrade, do colectivo Direitos Urbanos, un dos máis activos da cidade. O obxectivo específico de Ocupe Estelita e Direitos Urbanos é cancelar o proxecto inmobiliário Novo Recife, que consiste, en palabras de Érico Andrade, na "construción de doce torres xigantes, que se desdobran na práctica en quince". Formigón, concreto, asfalto. E edificios de até corenta pistos. Novo Recife non se diferencia moito do proxecto Nova BH de Belo Horizonte, outra cidade sede do Mundial de fútbol. A mesma fórmula: acordo público-privados. E algunhas multinacionais comúns, como Odebrecht, que participa en ambas e financia as campañas de case todos os partidos políticos. "Loitamos contra o poder unilateral dos financiadores que rouban do Estado a función de planear a cidade", matiza Érico.
"Con esta lóxica dos acordos público-privados como Nova Luz (São Paulo) e Novo Recife, a operación urbana Nova BH foi investigada por unha serie de sospeitas de irregularidades administrativas. É a maior operación urbana de Brasil e será un golpe á democracia que propón consolidación dos espazos públicos", asegura Natacha Renná, urbanista e investigadora da Universidade Federal de Minas Gerais (UFMG). En Belo Horizonte, onde se rexistraron algunhas das maiores manifestacións populares durante as xornadas de xuño de 2013, a cuestión urbana é central. Movementos como Fica Ficus, Praia da Estação ou Cartografias do Comum loitan pola xestión colectiva do espazo público. A pasada fin de semana, aproveitando o escenario do Mundial, A Ocupação incentivou o acto de rúa Futebol é do Povo.
"A cidade neoliberal tamén activa procesos cidadáns como este. Canto máis complicada está a situación, como en Belo Horizonte, máis vitalidade cidadá"
Se o Territorio FIFA é a metáfora do modelo de cidade neoliberal, o Mundial de fútbol é a escusa ou o acelerador do proceso? Mariana Ribeiro, participante do Movemento Parque Augusta de São Paulo, asegura que a cidade neoliberal está oficialmente lexitimada polo poder público, que dirixe gran parte dos recursos a estadios e obras ao redor dos eventos. "A Copa desenmascarou o que chamaban progreso, modernización ou revitalización das cidades. Pódese ver que se trata apenas de cidade mercadoría". Felipe Brait, do colectivo Fronte 3 de Fevereiro, destaca algúns puntos ao redor da cuestión urbana e a chegada de grandes eventos: "1. O golpe á dignidade do pobo brasileiro. 2. A terciarización da hexemonía. 3. Leis de excepción. 4. Un retorno ao ideal modernista de que a partir da arquitectura se forma un novo home". A intervención do Coletivo Projetação sobre un sinal do estadio Maracanã de Río de Janeiro resume ben o último país en recibir o Territorio FIFA: "Brasil, estadio de excepción".
Se o Territorio FIFA de Itaquera funciona como metáfora do urbanismo de excepción (neoliberal) dos grandes eventos, o Largo de Batata, en São Paulo, podería servir de exemplo da cidade participativa que xorde como resistencia. Desde o pasado mes de xaneiro, calquera cousa pode pasar no Largo da Batata: de karaoke a unha roda de samba, dun taller de facer papaventos á construción colectiva de bancos de madeira, pasando por intervencións artísticas, fútbol ou lectura de poesía. O proceso cidadán A Batata Precisa de Você, totalmente independente das institucións, cambiou a fisonomía dun espazo aberto entre rañaceos, sen árbores nin mobiliario urbano. Hai uns días, mentres uns adolescentes xogaban ao fútbol e un grupo de mulleres vendía libros de segunda man entre bancos e mesas feitos polos propios veciños, a arquitecta Laura Sobral, unha das impulsoras meditaba, sobre procesos de xentrificación e o Mundial. "A cidade neoliberal tamén activa procesos cidadáns como este. Canto máis complicada está a situación, como en Belo Horizonte, máis vitalidade cidadá".