1937

Vivenda bombardeada en Ucraína CC-BY-SA State Emergency Service of Ukraine

Claro que para algúns foi un ano bó. Non o dubido. Supoño que mesmo habería unha añada excelente. Pero para moita xente, 1937, foi un ano de esquecer. As dereitas, non digamos os fachas, falo en xeral, sempre rexeitaron o Gernika e a Picasso, tanto monta, con argumentos diversos, máis ou menos xustificatorios, relacionados co seu significado simbólico universal. A Pablo Picasso por antiespañol e comunista sen máis.

Durante moitos anos, algúns aínda hoxe, vímolo hai uns días, aceptaron con fidelidade relixiosa a propaganda e as soflamas do réxime franquista, unha idea repetida ate a saciedade, Gernika foi bombardeada e destruída por “incendiarios y dinamiteros rojos”, un 26 de Abril de 1937, no marco da chamada Operación Rügen pola Legión Cóndor alemana e a aviación lexionaria de Italia.

Cando o pasado mércores, 6 de Abril, o Presidente ucraíno Zelenski, fixo alusión a Gernika, na súa intervención solemne nas Cortes, Congreso e Senado, algúns pensaron outra vez nos “incendiarios y dinamiteros rojos” a quen atribuiron, durante tanto tempo, a autoría do bombardeo

Hai uns anos, tiven ocasión de visitar o Museo da Paz de Gernika, no centro da vila, moi recomendable, guiado pola súa directora, a bóa amiga Iratxe Momoitio, no marco dunha reunión da Asociación Española de Educación e Investigación para a Paz (AIPAZ). Alí pudemos ver, escoitar e tamén sentir o que realmente aconteceu aquel día de mercado, nun magnífico documental ambientado nunha casa da época, o suficiente real como para saír conmocionado.

Cómo recoñecer tan abominable crime? Un bombardeo con explosivos incendiarios sobre unha poboación civil desarmada e indefensa, un experimento militar que logo repetirían os nazi, e non só eles, en tantos lugares. 

O Gernika de Picasso, que debera estar alí na vila vasca de Gernika, fíxose universal de inmediato porque o pintor malagueño foi quen de representar o horror nunha obra que fixo inmediatamente, durante o mes de Maio, por encargo do goberno da II República e logo trasladado -en custodia- a Nova Iorque, ó Modern Art, polo inicio da IIGM. Alí estivo ate que Picasso renovou o préstamo do cadro ó MOMA, en 1958, co compromiso de regresar á España cando tiveramos restauradas as liberdades democráticas. O autor non tivo a oportunidade de velas restauradas. Morreu en Francia, en Mougins, no 1973.

Cidadáns ucraínos cruzan a fronteira cara a Polonia © UNICEF/UN0598207/

Cando o pasado mércores, 6 de Abril, o Presidente ucraíno Zelenski, fixo alusión a Gernika, na súa intervención solemne nas Cortes, Congreso e Senado, algúns pensaron outra vez nos “incendiarios y dinamiteros rojos” a quen atribuiron, durante tanto tempo, a autoría do bombardeo, mesmo aínda cando a propia República Federal Alemana, o seu Bundestag, recoñecíu oficialmente a súa autoría e pedíu perdón ás víctimas e ás súas familias o 24 de Abril de 1998.

Gernika, como hoxe Bucha, Borodianka ou Maríupol, e as que pronto aparecerán, son exemplos do peor do ser humano nas guerras, malditas guerras!, un inferno en vida para as persoas máis febles e desvalidas, esas que vemos e escoitamos desde a comodidade das nosas casas grazas á inmensa labor dos bós e das bóas xornalistas, esas que tardarán en sacarse da cabeza o terrible cheiro da sangue derramada e da morte.

Zelenski dixo que parecía que estamos outra vez en 1937, un ano atroz, un deses anos que temos marcado a lume nas nosas memorias aínda sen vivilo porque, efectivamente, nese ano, o segundo da nosa guerra incivil, foi escenario de batallas terribles, sanguinarias como a do Jarama, Belchite, Bilbao... diante da pasividade americana e europea, ou bombardeos cdomo o de Albacete, Jaén ou o ataque a civís que fuxían na carretera cara Málaga, La Desbandá, que deixou máis de 3.000 mortos. En Barcelona, para colmo, as esquerdas mátanse entre sí, outra guerra dentro da propia guerra, dos estalinistas contra anarquistas e revolucionarios. Andreu Nín é torturado e executado, como tantas persoas, o mesmo ano dos xuizos farsa en Moscú no coñecido como o Gran Terror, contra da cúpula do Partido Bolchevique por parte de Stalin.

Sí, hai anos que é mellor esquecelos, borralos do calendario ou lembralos de cando en vez como fixo Zelenski, pero para que endexamáis volvan. 

Non, non queremos repetir as desgrazas daquel 1937 de novo. Non queremos máis Gernikas, nen máis Buchas, non, nunca, nunca máis!.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.