O Goberno non logrou o apoio necesario para aprobalo: 177 votos en contra e 171 a favor. Votaron en contra o PP, VOX, Junts e UPN. Ao Goberno non lle quedou outra que trocealo tramitando dous Decretos por separado
O escudo social pódese representar como unha muller (a pobreza na Galiza, e no resto do Estado, ten rostro de muller, como podemos ver neste artigo de Praza), protexéndose cun escudo, xa moi mellado, dun “potentado” armado cunha gran espada inmensa, afiada e ameazante. A imaxe non é miña, copiéilla a Eneko (ver aquí). E ten un texto: “O escudo está ben, pero sería mellor quitarlle a espada a este”
A imaxe vén a conto da situación en que estamos. Unha situación que se vén repetindo, non casualmente, os primeiros meses de cada ano. Chégannos avisos serios de que nos poden reducir ou mesmo quitar o escudo, deixándonos aínda máis indefensos. Mentres, a espada mantense grande, inmensa, afiada e ameazante.
Semella que o “escudo social” estea feito dun material pouco apto para ser un escudo real, como se fose máis de madeira que de ferro, e mesmo con algún dos seus bordes como de cartón pedra, un escudo cheo de parches e que hai que re-parchear cada ano. Porque iso lle pasa ao “noso” escudo, feito de “Real decreto lei”, unha fórmula xurídica feble con data de caducidade anual, é dicir, que se non se renova decae, rómpese en mil anacos e déixanos sen defensa fronte a esa “gran espada inmensa, afiada e ameazante” dos donos do capital.
Modepén, nunha campaña coordinada co resto do movemento pensionista, convoca unha manifestación o 21 de febreiro, en Compostela, co lema xeral: “Pola dignidade das pensións públicas, pensión mínima igual ao SMI xa!”
E que partes compoñen este escudo “feito” de Real decreto-lei: Pois contén, ou contiña, diferentes medidas de distintos ámbitos (transportes, pensións, fiscalidade, vivenda...), reunindo varias medidas necesarias de forma simultánea. Non parecía mala idea, un escudo mais enteiro e non varios escudiños. Por facer un breve resume:
1. Suba das pensións.
A revalorización das pensións segundo o IPC, necesaria para mitigar a perda de poder adquisitivo por mor da inflación. Neste ano correspondía un incremento xeral do 2,7%, chegando ata un 11,4% nas máis baixas, ademais dunha suba do 7,8% do complemento para a redución da fenda de xénero.
2. Ingreso Mínimo Vital.
O Ingreso Mínimo Vital incrementaríase nun 11,4%, o que melloraría algo a economía das persoas máis vulnerábeis (sempre que teñan a sorte de conseguir pedilo e que se lle conceda, o que non é tan doado, como podemos ver neste informe. Por exemplo o IMV chega apenas ao 22,7% da poboación en situación de pobreza na Galiza, o que, e dá para outro artigo, nos debería facer pensar na urxencia xa dunha Renda Básica)
3. Moratoria anti-desafiuzamentos.
A extensión das medidas contra os desafiuzamentos das persoas vulnerables, que poderían ser freados por un tribunal de non existir unha alternativa habitacional para as familias expulsadas.
4. Cotizacións sociais.
Non se perderían recursos que irían ao Fondo de Reserva (a “hucha” das pensións) de suprimirse o aumento das cotizacións dos salarios máis altos (aumentaban un 4%).
5. Prohibición de corte dos subministros básicos.
A prohibición de cortar os subministros básicos (luz, auga e gas) ás persoas vulnerábeis.
6. Bonos sociais.
A prolongación das axudas (bonos sociais) para reducir a factura eléctrica para os fogares vulnerábeis.
7. Axudas ás persoas afectadas pola DANA.
Un financiamento extraordinario para a Comunidad Valenciana para atender os danos provocados pola DANA, ademais de ampliar os prazos para pedir subvencións e axudas por parte do sector agrario. Tamén incluía unha serie de medidas económicas para tratar de paliar os efectos da erupción volcánica da illa da Palma en 2021.
8. Deducións fiscais por melloras enerxéticas.
A prórroga das deducións fiscais por investimentos en melloras de eficiencia enerxética nas vivendas e pola compra de vehículos eléctricos.
Pero nada, os defensores do señor da espada da imaxe de Eneko tumbaron ese Real Decreto, o “omnibus”, o pasado 27 de xaneiro. O Goberno non logrou o apoio necesario para aprobalo: 177 votos en contra e 171 a favor. Votaron en contra o PP, VOX, Junts e UPN.
Ao Goberno non lle quedou outra que trocealo tramitando dous Decretos por separado:
Un que garanta o aumento das pensións e un segundo que prorrogue a suspensións dos desafiuzamentos das persoas vulnerábeis, pero con algunhas modificacións para contentar aos partidos da dereita que xa se manifestaron en contra, e outras medidas do “escudo social” que poidan contar co consenso parlamentario (subministros básicos, tributación, axudas...).
Este escudo social non nos vale. Necesitamos un feito de bon material, non dun “Real Decreto Lei”. Non podemos estar ano tras ano agardando o acordo dos partidos políticos no tocante á revalorización das pensións con respecto do IPC pois cae de caixón que se o custo da vida sube cada ano as pensións deben facelo, polo menos, na mesma medida para, como mínimo, manter o poder adquisitivo
Diante disto Modepén, nunha campaña coordinada co resto do movemento pensionista que forman a Unidade de Acción (COESPE, EHPM (Euskal Herria) MADPP (Movimiento Andaluz), MODEPEN (Movemento Galego), UNIDADE COESPE, Plataformas de pensionistas de Badajoz, Móstoles…) convoca unha manifestación o 21 de febreiro, en Compostela, co lema xeral: “Pola dignidade das pensións públicas, pensión mínima igual ao SMI xa!”.
Porque este escudo social non nos vale. Necesitamos un feito de bon material, non dun “Real Decreto Lei”. Non podemos estar ano tras ano agardando o acordo dos partidos políticos no tocante á revalorización das pensións con respecto do IPC pois cae de caixón que se o custo da vida sube cada ano as pensións deben facelo, polo menos, na mesma medida para, como mínimo, manter o poder adquisitivo. Ten que quedar garantida por Lei sen depender da aprobación ou non dun decreto-ómnibus anual. Porque sabemos o que farán os partidos da dereita se chegan a gobernar.
E tamén, e non menos importante, porque o conxunto de medidas de carácter social xa nomeadas afectan a milleiros de familias e pensionistas, principalmente a aquelas que están nunha situación vulnerábel, e paralizalas supón agravar a súa situación.
Por iso, como di Modepén:
Acude con nós a Compostela o 21 de febreiro e faite ouvir!
Os dereitos non están garantidos senón os defendemos día a día!
En defensa do “Escudo Social!
Na mobilización está a nosa forza!