Ao partido das SSS: sangue, saúde e solidariedade
Resulta que demandamos velocidade na terra dos millóns de curvas, meandros e reviravoltas, que demandamos a instantaneidade das telecomunicacións e do transporte de alta velocidade na terra do a modiño
Non podo entendelo, non. Trato de facelo, mais a miña limitada intelixencia, cognitiva e emocional, só pode repousar nunha resignada perplexidade. Resulta que demandamos velocidade na terra dos millóns de curvas, meandros e reviravoltas, que demandamos a instantaneidade das telecomunicacións e do transporte de alta velocidade na terra do imos tirando e do a modiño, e logo sorprendémonos dramaticamente de que a vida de centenares de persoas penda dun fío tan feble como un fallo concatenado entre os protocolos de comunicación internos dun tren, o deseño do trazado ferroviario, o sistema de seguridade e un sempre posible despiste humano do que aínda hai que demostrar, por certo, o grado de relevancia nas consecuencias finais da traxedia.
Acaso pensaban, non o sei, que a hexemonía do xornalismo lixo ía ter algo de piedade, tacto e consideración humana na representación, verbal e visual, da traxedia?
E logo sorprendémonos, tamén, de que o ruído e a incomunicación disto que vimos en chamar a sociedade da información, totalmente liberalizada e corporativizada, deveña en sobresaturación banal de contidos, mentira compulsivamente retransmitida, produción interesada de odio a esgalla e offer-demand de mórbido pracer na contemplativa representación do drama alleo. En consecuencia, despois da traxedia de Santiago, o persoal indígnase. Acaso pensaban, non o sei, que a hexemonía do xornalismo lixo ía ter algo de piedade, tacto e consideración humana na representación, verbal e visual, da traxedia? No way: o xornalismo, como industria, é tanto ou máis cruel que o big-bussines e a realpolitik. A súa violencia simbólica é abafante.
Hai, porén, cousas que si me parecen perfectamente comprensibles:
- Ese constante vaivén cruzado de comunicados oficiais de ADIF e RENFE, tratando de diluír por todos os medios as responsabilidades corporativas reciprocamente compartidas na traxedia
- O feito de que a opacidade informativa voluntaria e deliberada, coa estoica aparición mediática de Julio González Pomar, presidente de Renfe, valéndose de argumentos supostamente técnicos, fose a estratexia comunicativa de emerxencia para a omisión de responsabilidades e para transmitir a sensación de que todo estaba en orde per sécula seculorum, amén.
- A intencionalidade manifesta, nesa estratexia comunicativa de emerxencia, de calmar os medos e as preocupacións dos futuros compradores no mercado internacional do transporte de alta velocidade.
- O ton paternalista, consolador e solemne, acompañado de bágoas de crocodilo, dos gilipollas que dirixen o timón do Estado e da autoanémica autonomía de Galicia. Que non se preocupen os nosos aterrorizados citoyens. Todo está baixo control"”. A súa seguridade está por riba do seu dereito a saber a quen, que e como imos a actuar procedimentalmente para depurar responsabilidades e reconstruír feitos.
Estas sí son cousas que me parecen comprensibles, pois entran nin máis nin menos que dentro da lóxica argumentativa e práctica da realpolitik – isto é, do poder – e da súa intrínseca habilidade para organizarse intuitiva e improvisadamente en rede para comezar a aplicar disciplinadamente, os 11 principios clásicos de propaganda de Joseph Goebbels.
Todo no seu sitio, coma un deja vú sociolóxico no que cada actor cumpre nin máis nin menos que o rol orgánico e institucional que se espera del. A hexemonía, en definitiva, do citoyen autómata: neutral, eficiente, responsable…, silencioso. Os representantes oficiais do estado, os cargos oficiais das empresas e os medios de comunicación afíns sabia e disciplinadamente organizados, sabendo que deben e que non deben dicir, e sobre todo, como deben dicilo e como non deben dicilo. Estado, mercado e xornalismo collidos da man. Destino único no universal. O pai estado, o fillo mercado e o espírito da retórica xornalística bailando a cínica samba da mentira, facendo prestidixitación informativa cunha disciplina organizativa que sobarda.
Todo no seu sitio, si; os presidentes das corporacións comunicando só aquelo que lles interesa comunicar, é dicir: mentindo deliberadamente con omisión intencionada de datos, feitos e responsabilidades
Todo no seu sitio, si; os presidentes das corporacións comunicando só aquelo que lles interesa comunicar, é dicir: mentindo deliberadamente con omisión intencionada de datos, feitos e responsabilidades. Os presidentes dos gobernos e a súa pléiade de ministruchos facendo acto de presencia no lugar da traxedia – bágoas de crocodilo, part one -, os reises e reinas das monarquías constitucionais de turno arrastrando a todo o xornalismo rosimarelo do estado detrás; os primeiros coa intención de facerse unha piadosa foto ao carón das vítimas – bágoas de crocodilo, part two – e santificar laicamente a súa imaxe, o segundo, coa intención de seguir vendendo a súa ración de lixo cultural ao doméstico catolicismo das millóns de amas de casa, ávidas de dramas televisivos para persignarse diante do televisor e proxectar a súa procura de santidade na parelliña feliz do Reino de España: Doña Leticia e Don Felipe.
Os partidos políticos clásicos, por suposto, apurando ipso facto os seus departamentos de comunicación/información para que se sitúen na parrilla de saída e ser os primeiros en competir reciprocamente polo protagonismo público
Os partidos políticos clásicos, por suposto, apurando ipso facto os seus departamentos de comunicación/información para que se sitúen na parrilla de saída e ser os primeiros en competir reciprocamente polo protagonismo público na petición de responsabilidades e comisións de investigación. Os avogados-vampiro das corporacións preparando a priori, e na intimidade, o seu discurso, para facer acto de presencia pública na administración de Xustiza e defender o indefendible con datos, informes e interpretacions coidadosamente redactadas e apelar, non explicitamente, mais si de xeito implícito, á responsabilidade illada e estritamente individual do maquinista, restándolle calquera factor determinante aos factores técnicos – e polo tanto, humanos - alleos ao seu control.
Os tertulianos de tasca, como non, rascándose o centro das pernas con autosuficiencia e mascando o mondadentes mentres cargan todo o seu resentimento no maquinista. E, para por a guinda ao pastel, tachán!, a curia Vaticana peninsularmente organizada proxectando responsabilidades no azar e cara o ceo : mala sorte, ou!, Errare humanum est, e as gilipolleces xornalísticas fóra de contexto de Xosé Luís Barreiro Rivas – para pretender retranquear como Chesterton, caro, fai falla humanidade e sabedoría, non abonda con bolígrafo e cátedra -.
Mais sempre existen contrastes sublimes e esperanzadores para gardar dous gramos de esperanza na humana conditio
Mais sempre existen contrastes sublimes e esperanzadores para gardar dous gramos de esperanza na humana conditio: Os profesionais en paro da sanidade pública poñéndose mans á obra, o sangue colectivo e solidario dos cidadáns e os veciños de Angrois soportando o acoso das gravadoras, dos micrófonos e das cámaras, o sensacionalismo mediático perfumado que pretende ofrecerlles o premio gallegos del año, as chamadas dende a metrópole informativa de USA e Xapón e dende a capital de Estado demandándolles entrevistas exprés by phone, a patética e traxicómica estampa de políticos profesionais ofrecendo os seus servizos aos alí presentes:
- “Para o que faga falta, chámame. A miña secretaria darache o meu teléfono”.
A policía xudicial levándose aos protagonistas en petit comité para arrincarlles declaracións. O concello de Santiago reuníndose en pleno para concederlles a medalla de Ouro. Papanatas recollendo firmas para nominalos ao premio Príncipe de Asturias, e recibindo como resposta:
-“Gracias, mais non queremos nada”.
O sindicato unificado da policía nacional propoñéndolles unha homenaxe que aceptan:
-“Gracias, sen vós non fariamos nada. Hai compañeiros que só se tocaron os collóns”.
Xornalistas facendo acto de presencia para rañar no pasado e escribir sobre o movemento veciñal contra o AVE, rotundamente ignorado e esquecido nos medios e na memoria colectiva local
Xornalistas facendo acto de presencia para rañar no pasado e escribir sobre o movemento veciñal contra o AVE, rotundamente ignorado e esquecido nos medios e na memoria colectiva local.. e, en fin, que máis dicir?, entre todo o marasmo de aparicións de técnicos de ADIF e do concello de Santiago, un xermolar incesante de preguntas sen resposta que só desvelan un longo historial de peticións denegadas para afortalar a seguridade da zona.
Este, precisamente este contraste sublime e esperanzador, esta disonancia que interrompe a macraba armonía dos citoyens autómatas que ven modernidade onde só hai mesquindade humana, caos social e lixo cultural, é o espírito cívico da sociedade civil necesaria para o século 21. Aquela que responde "sen permiso" cando entra en acción no escenario social. A que responde sen permiso á metrópole cultural e informativa e á capital do estado. A que responde sen permiso ás sacrosantas institucions democráticas e aos seus obsoletos procedementos.
Nós, a sociedade civil galega, levamos en nós mesmos un contrato social constituínte en latencia, tan posible coma necesario
Nós, a sociedade civil galega, levamos en nós mesmos un contrato social constituínte en latencia, tan posible coma necesario. E ese contrato social tiremos que protagonizalo e redactalo nós mesmos xunto coa plurinacional sociedade civil do estado español, Europeo e transnacional. Non é un inxenuo arrouto romántico: Tan só fai falla – e non é pouco – que fagamos o esforzo de aprender a pensar e a mirarnos dende nós mesmos, xulgándonos sen cínica severidade. Tan só fai falla - e non é pouco – que fagamos o esforzo de atopar o noso ser e estar colectivo no mundo sen imitar mimeticamente a aesthetica a a episteme cultural con visión metropolitana ou estatal. Tan só fai falla - e non é pouco – atrevernos a ser honestamente ambiciosos, integrando ecoloxicamente tódolos saberes e recursos humanos que temos ao noso dispor para construír un suxeito colectivo autorreferencial.
Non é fácil, non. Mais, vivir, tampouco o é.