Dicía Mahatma Gandhi: "Non hai camiños para a paz, a paz é o camiño". O único. Claro que os actuais líderes internacionais o saben, mesmo estou seguro de que o proclamaron máis dunha vez en público, Borrell e Margarita Robles, como Macron, Biden, e probablemente o mesmísimo Putin
Dicía o Mahatma Gandhi aquel coñecido dito que tanto repetimos noutros momentos: "Non hai camiños para a paz, a paz é o camiño". O único. Claro que os actuais líderes internacionais o saben, mesmo estou seguro de que o proclamaron máis dunha vez en público, Borrell e Margarita Robles, como Macron, Biden, e probablemente o mesmísimo Putin. Non falemos dos opinadores e tertulianos de plantilla. Seguro que evocaron a Gandhi moitas veces.
Como tamén coñecen e repiten o vello adagio latino, atribuído a Flavio: "Si vis pacem, para bellum", se queres a paz, prepara a guerra. Hoxe, como tantas veces, este vello dito está máis de moda. En realidade nunca deixou de estalo. Sempre buscando a paz- todos estamos pola paz- pero preparamos a guerra a cada instante, con tódalas nosas forzas, sen disimulo algún, desde Atapuerca.
O venres cumpriranse 365 días de morte e destrución en Ucraína, cada un dos días e das noites, desde o 24 de Febreiro pasado, aínda que todos sabemos que esta guerra comezou moito antes, por parte rusa e por parte occidental
O venres cumpriranse 365 días de morte e destrución en Ucraína, cada un dos días e das noites, desde o 24 de Febreiro pasado, aínda que todos sabemos que esta guerra comezou moito antes, por parte rusa e por parte occidental. E cando tódalas partes queren a guerra, a guerra imponse sempre, coa súas dinámicas propias, con tódolos horrores, coa poboación civil como obxectivo, así acontece en tódalas guerras modernas. Sucedeu en Libia, en Siria, en Chechenia, agora mesmo no Iemen, por non seguir, son as mulleres, os nenos e nenas, as anciáns, as infraestruturas civís, quen soportan cada día, cada hora, os enfrontamentos armados, sen escrúpulos morais, sen límites. E na fronte, unha guerra tradicional, como as de antes, corpo a corpo, casa por casa, con artillería, mísiles e drons, unha auténtica carnicería con máis de cen mil mortos en cada bando, din, e outros tantos feridos e mutilados. Un horror. E os que deciden, os que mandan, queren unha guerra longa, máis longa, para tentar debilitar a Rusia e para configurar unha nova e inxusta orde internacional, para renovar o armamento obsoleto, e que o Complexo Militar Industrial siga acumulando beneficios cunha voracidade insaciable.
Onde están as Nacións Unidas? E a UE? Un secundario obediente, cada vez máis súbdita dos EEUU, un moneco de ventríloco
Onde están as Nacións Unidas?, esquecidas e anuladas polos 5 membros natos do Consello de Seguridade, con dereito de veto, casualmente os principais fabricantes e exportadores de armamento, potencias nucleares. Onde quedou o obxectivo fundacional da ONU: "Evitar ós nosos fillos o horror da guerra". Antonio Guterres, o seu Secretario Xeral, clama polo diálogo e un alto o fogo, diante dunha Comunidade Internacional máis xorda que nunca. Mesmo o Papa Francisco, cos mesmos resultados. Silencio.
E a UE? Un secundario obediente, cada vez máis súbdita dos EEUU, un moneco de ventríloco. Unha mágoa.
E así a guerra cumprirá un ano, dous..., os que sexan necesarios. E serán as grandes potencias quen poñerán o fin e baixarán o pano, cando conveña
E así a guerra cumprirá un ano, dous..., os que sexan necesarios. E serán as grandes potencias quen poñerán o fin e baixarán o pano, cando conveña, non pensando na morte e na destrución provocada, senón nos seus propios intereses.
E volveremos a repetir que a mellor forma de afrontar os conflitos, no persoal, no rexional, no internacional, é pacíficamente. Como un sermón, como unha letanía, nas familias, nas escolas, nas igrexas, nas conferencias de paz, seguiremos a proclamar que a paz é o único camiño, como Gandhi, e a outra cousa.
Si vis pacem para pacem, se queres a paz, prepara a paz, faina contigo mesmo, cos demais...
E Rusia ven de anunciar que se retira unilateralmente do Tratado de Desarmamento Nuclear que tiña asinado -e vixente- cos EE.UU.
Veña, máis madeira!