6.000 fosas

Inicio de traballos de exhumación no cemiterio de Celeiros © ARMH

Asomarse a unha fosa común é facelo a un balcón con vistas á maldade. Ao peor da especie humana. O amasillo de corpos sen orde reclámache un sentimento. Un pensamento. Unha empatía que lles axude a entender que mal cometeron nas súas vidas para estar alí prostrados

España é o país das 6000 fosas. O franquismo conseguiu que non poidamos percorrer máis de 50 km sen atoparnos unha. Estos días, técnicos  da Universidade de Santiago de Compostela, estiveron  en Ferrol. Na parroquia de Serantes. Os estudos arqueolóxicos confirmaron que se trata dun espazo de “masacre” e “violencia extrema”. Onde as vítimas do golpe de 1936 e a posguerra foron guindadas de forma irregular, superpostas a unha gabia máis profunda e estreita do que se estimaba inicialmente.                                                       

Asomarse a unha fosa común é facelo a un balcón con vistas á maldade. Ao peor da especie humana. O amasillo de corpos sen orde reclámache un sentimento. Un pensamento. Unha empatía que lles axude a entender que mal cometeron nas súas vidas para estar alí prostrados. Cos seus traxes raídos, as súas botas remendadas. Co seu tiro de graza aos que se negaron a morrer á primeira. Por que eles levan noventa anos esquecidos baixo terra e ti estás aí asomado? Coa túa intachable vida. Mirándoos con aire de superioridade. Cunha présa incómoda, porque non sabes como asimilar tanta barbarie.

Nesta primeira gabia do cemiterio de Serantes están enterradas persoas que fusilaban contra as súas paredes. Mesturadas con outras que axusticiaban no Castelo de San Felipe. Aínda quedan 6 gabias máis por abrir.  

Contan que, tras os disparos do pelotón do Castelo, recollían os corpos e abrían os cortellos dos porcos. Para que lambesen o granito

Contan que, tras os disparos do pelotón do Castelo, recollían os corpos e abrían os cortellos dos porcos. Para que lambesen o granito. É curioso ver como o sangue inicialmente flúe líquida. Ata que tropeza  cun  obstáculo e comeza  a emulsionar. A formar espuma para logo volverse sólida.

Cada vez que escoito que a xente busca aos seus avós desaparecidos por diñeiro. Ou vexo como nos embarcan en guerras ilegais como as de Iraq, Irán... Cando matan á poboación civil en calquera lugar do mundo. A homes de estado apoiando bombardeos en Gaza e negando o xenocidio. Cando xustifican a morte de 70000 palestinos… non podo evitar a imaxe da grea de porcos engulindo entrañas de persoas inocentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.