9 de maio, a favor da educación pública

As previsións do propio ministerio indican que o Anteproxecto da LOMCE será aprobado polo Consello de Ministros do día 10 de maio. Vista a súa trepidante tramitación non é casual que o día elixido sexa o seguinte á mobilización convocada pola maior parte das organizacións da comunidade educativa para este vindeiro xoves, 9 de maio; será un alarde máis de soberbia política, dado que os chamados ao consenso na súa coñecida versión de trágala non convenceron case a ninguén. Está por ver se o texto que se aprobe para a súa tramitación ao Parlamento é receptivo as advertencias e suxestións que o Consello de Estado formulou no seu recente Ditame, moitas delas coincidentes con aspectos longamente denunciados desde a comunidade educativa.

Será un alarde máis de soberbia política, dado que os chamados ao consenso na súa coñecida versión de trágala non convenceron case a ninguén

Este anteproxecto, do que coñecemos xa tres versións, foi introducindo algunhas variacións. A máis espectacular é, sen dúbida, o tuneado do seu preámbulo. Da primeira exposición de motivos á última hai todo un proceso de apropiación indebida da retórica pedagóxica que relaciona a equidade social coa educación. Se o primeiro preámbulo era unha oda ao darwinismo social a través da educación, a exposición de motivos da terceira versión enarbora a bandeira da calidade asociada indiscutiblemente á equidade social. Mágoa que afirmacións como “La escuela, y en especial la escuela pública, han encontrado su principal razón de ser en la lucha contra la inevitabilidad de las situaciones de injusticia o de degradación que han ido acaeciendo en cada momento de su historia”, recoñecendo o imprescindible papel da educación pública na igualdade de oportunidades, non se corresponda co profundo proceso de desmantelamento no que está empeñada a dereita conservadora, apoiándose agora nun discurso cínico co que pretende edulcorar as intencións desta contrarreforma, expresadas sen maiores eufemismos naquela primeira versión de confeso e recoñecible trazo neocón.

Se o primeiro preámbulo era unha oda ao darwinismo social a través da educación, a exposición de motivos da terceira versión enarbora a bandeira da calidade asociada indiscutiblemente á equidade social

Xaora que as medidas propostas non mudaron tanto dunha versión a outra. Se acaso fornecéronse os aspectos de maior polarización ideolóxica, sobre os que a comunidade educativa expresou cautelas ou aberto rexeitamento: anticipación das vías de segregación do alumnado, afondamento na privatización, nesgo da formación moral na procura dunha maior confesionalidade, recentralización do currículo, perda de sentido do concepto de comunidade educativa... etc. A última versión eliminou algunhas rixideces, introducindo pasarelas entre niveis cuxa efectividade será unha das pedras de toque da nova estrutura do sistema, porque unha cousa é ter camiños de ida e volta, e outra diferente procurar as condicións necesarias para transitalos. No tocante ás linguas propias, pasan a ser agora materias de libre configuración autonómica, o que non muda o seu lugar subsidiario –non son troncais como o castelán ou o inglés- na xerarquía do currículo, aínda que si formarán parte das avaliacións externas a cargo das administracións educativas, e mantense o condicionamento aos modelos lingüísticos territoriais, cuestionado tamén polo propio Consello de Estado.

Ningunha das sucesivas versións da LOMCE entra a valorar as causas, sociais e educativas, que provocan os altos niveis de fracaso escolar e o abandono temperán; constatan o momento en que se produce o punto de inflexión para xustificar a segregación

Sendo esta a quinta reforma promovida nos últimos corenta anos, desaproveitouse a oportunidade para debater sobre os requirimentos do sistema educativo á luz das necesidades sociais do século XXI. Ningunha das sucesivas versións da LOMCE entra a valorar as causas, sociais e educativas, que provocan os altos niveis de fracaso escolar e o abandono temperán; constatan o momento en que se produce o punto de inflexión para xustificar a segregación. Parece que o sistema só pretenda certificar os erros, sendo incapaz de promover unha diagnose con capacidade de incidencia real, que non sitúe a cerna dos problemas exclusivamente da parte de quen os padece.

Existe o convencemento nun amplo sector da comunidade educativa de que as medidas recollidas na LOMCE non redundarán na calidade do sistema educativo e non resultan acaídas aos obxectivos que se formulan:

  • Dificilmente lograrán reducir o fracaso escolar e o abandono temperán. Se acaso reconducirán algúns “efectivos” cara á formación profesional básica e reducirán a porcentaxe de alumnado que acceda a estudos universitarios, na liña iniciada coas medidas postas en práctica neste curso (suba de taxas, maior esixencia académica no acceso ás bolsas …)
  • As reválidas e a nova proposta curricular conducen a unha maior xerarquización e recentralización do currículo. O propio Consello de Estado, órgano con maioría conservadora, advirte da necesidade de corresponsabilizar as administracións educativas na fixación dos criterios e dos estándares avaliables, elementos sobre os que gravita o currículo, e reclama unha maior coherencia na distribución de competencias e no desenvolvemento do currículo entre as diferentes administracións educativas e os centros escolares. Tocante ás avaliacións previstas na primaria e a súa relación coa nova configuración que elimina os ciclos, reclama a súa recuperación, advertindo de que pode ser excesiva e inadecuada pedagoxicamente a realización de probas anuais para a promoción “pola tensión que poden producir nesa etapa temperá”. Reclama tamén a obriga da administración de ofertar todas as materias optativas coa finalidade de respectar a formación integral do alumnado nun contexto de igualdade de oportunidades. E fai súa a preocupación pola perda de peso do ámbito artístico, debida á inclusión de materias asociadas á empregabilidade e ao “emprendedurismo” empresarial.
  • A presenza dunha materia alternativa á relixión con carácter avaliable e a desaparición de educación para a cidadanía e os dereitos humanos evidencian a aposta por unha formación moral confesional. O Consello do Estado propón impoñer como obrigatoria unha materia relativa á formación ético-cívica, clave para a aprendizaxe e a adquisición de competencias cívicas e sociais, facendo valer os compromisos europeos adquiridos e a realidade do que sucede nos países da contorna. Estima unha mingua para os estudantes que escollan relixión o feito de que non reciban unha formación en valores éticos.
  • Acentuaranse as diferenzas entre centros, ao vermos sancionados mecanismos de competencia desleal entre eles, podendo reservarse o dereito de admisión do alumnado ao abeiro dunha mal entendida liberdade de elección de centro, que favorecerá economicamente a progresión da rede privada-concertada. Nestes aspectos tamén o Consello do Estado fai algunhas advertencias para evitar que se vulneren os obxectivos de equidade social e de cohesión do sistema.
  • A autonomía dos centros asociada ao reforzamento das direccións e a perda de peso dos Consellos Escolares minimizarán o traballo en clave de comunidade educativa, apostando por unha xestión xerencialista ao servizo dos intereses dos responsables da administración educativa. Argumentos aos que é sensible o Consello do Estado cando considera que os niveis de autonomía, ao non iren acompañados dunha maior participación, implicación e responsabilidade de toda a comunidade educativa no control e seguimento dos obxectivos institucionais dos centros, poden verse afectados, xa que o modelo de xestión restrinxido a un órgano unipersoal incrementará a dependencia doutras instancias. Ao seu xuízo, a perda de peso dos Consellos escolares en favor da administración educativa na selección da dirección entra en aberta contradición coa tan proclamada autonomía de centros.
  • Incide na desprofesionalización do profesorado, ao que se lle modifican de novo as condicións de traballo e se lle reduce o ámbito de decisións a respecto de aspectos fundamentais do currículo e da vida dos centros.

Os únicos sectores satisfeitos con esta reforma son a Conferencia Episcopal e a patronal de centros privada. O texto é unha rendida concesión a todas as súas reivindicacións e ao seu modelo educativo, clasista e sectario

Os únicos sectores satisfeitos con esta reforma son a Conferencia Episcopal e a patronal de centros privada, os seus máis directos beneficiarios. O texto é unha rendida concesión a todas as súas reivindicacións e ao seu modelo educativo, clasista e sectario, consonte co modelo social desigual, confesional e profundamente inxusto da dereita que nos goberna.

Se non queremos renunciar a pensar e vivir a educación noutras claves, temos unha cita inescusable este xoves 9 de maio, convocatoria de folga xeral no ensino e xornada de mobilizacións cidadá

A maioría parlamentaria permitiralles sacar adiante a súa contrarreforma. Xaora que entre a falta de garantías sobre o seu financiamento e as previsibles resistencias da comunidade educativa terá evidentes dificultades de aplicación.

O proceso de reflexión e debate sobre a evolución desta lei debe manterse activo. Se non queremos renunciar a pensar e vivir a educación noutras claves, temos unha cita inescusable este xoves 9 de maio, convocatoria de folga xeral no ensino e xornada de mobilizacións cidadá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.