A Á Oeste do Palacio da Zarzuela

Escena da primeira tempada da serie 'The west wing' © HBO

 

O pasado día 15 de outubro na plataforma americana HBOMax estreouse un capítulo especial da mítica serie A Á Oeste da Casa Branca. En tempos de seca creativa estamos afeitos a reencontros e antigas fórmulas revisitadas para aumentar o hype e subir audiencias. Pero esta emisión era especial por moitas razóns. En primeiro lugar, polo seu formato, xa que recrea teatralmente o episodio número quince da terceira tempada, titulado Hartsfield's Landing. Un capítulo emitido por primeira vez en 2002, regrabado de novo agora case 20 anos máis tarde. Un capítulo repetido! A nostalxia da nosa época.

Gustaríame que na á oeste do Palacio da Zarzuela houbese alguén con suficiente materia gris e empatía como para ser neutral activamente -tamén o 1 de outubro, claro que si-. Mesmo me conformaría cun inquilino en Moncloa que, como Bartlet na ficción, fose capaz de buscar solucións máis aló dos seus intereses electorais ou das súas motivacións ideolóxicas

Os tempos cambian e as series de política xa non teñen ese aroma a soños. Non hai Josiah Bartlets en House of Cards nin parece que o público busque ese romanticismo que axudou a soportar os anos de George W. Bush na Casa Branca. Pero os que tivemos a sorte de toparnos con semellante documento audiovisual sempre sacaremos algo de inspiración nese Presidente estadounidense interpretado polo actor de orixe galega Ramón Estévez, máis coñecido como Martin Sheen

O esgotamento paulatino e cada vez máis evidente do réxime do 78 pódese observar nas gretas que hai en dúas das súas principais institucións. A primeira delas, a monarquía. A enquisa encargada pola Plataforma de Medios Independentes arroxou multitude de datos e unha certeza: a monarquía é percibida como algo anacrónico, conservador e uniformizador. A fuxida do rei Juan Carlos a afastados desertos é un elefante na habitación para a corte de Felipe VI; unha ameaza para aqueles que gobernan a á oeste do Palacio da Zarzuela. Alí non residen os soños, senón as pantasmas das corruptelas de Urdangarín e os presuntos agasallos do comisionista emérito. 

A política no conxunto do Estado non se parece á Á Oeste. Alguén podería dicir que o parlamentarismo de Borgen describe mellor a política española, aínda que en realidade en Dinamarca as coalicións son o pan de cada día. En Madrid, en cambio, aínda hai quen fala do “goberno socialcomunista” e outras lindezas antimasónicas e indepefóbicas.

O Poder Xudicial tamén está a mostrar a súa verdadeira cara. Cando en Cataluña se denuncia a xudicialización do Procés, certo progresismo español prefire mirar cara a outro lado. No entanto, a arbitrariedade converteuse en norma. Non soamente me refiro á esaxerada condena que sofren os líderes independentistas, senón tamén á vergoñosa sentenza á mesa do Parlament ou á persecución contra os membros da Sindicatura Electoral do primeiro de outubro. A esquerda española debería armarse de valor e de argumentos para evitar que esta deriva continúe o seu curso. A semana pasada xa viamos como a xudicatura actuaba como portavoz do PP. Ou era ao revés?

É difícil non pensar que, tristemente, os nosos días están máis próximos á persecución de activistas que á aparición de grandes líderes capaces de interpretar e dar impulso ao interese xeral

Gustaríame que na á oeste do Palacio da Zarzuela houbese alguén con suficiente materia gris e empatía como para ser neutral activamente -tamén o 1 de outubro, claro que si-. Mesmo me conformaría cun inquilino en Moncloa que, como Bartlet na ficción, fose capaz de buscar solucións máis aló dos seus intereses electorais ou das súas motivacións ideolóxicas. Supoño que son esixente co goberno máis á esquerda da historia de España (sic), pero é algo que debemos pedir a partidos políticos que mesmo gañaron eleccións en Cataluña. Empatía, visión e capacidade.

A podremia do sistema maniféstase, ademais, nun terceiro flanco. Monarquía, xudicatura e ultradereita. A santísima trindade. A nova ameaza é unha moción de censura con nulas opcións de éxito, pero con gran capacidade de incitar aos sectores máis ultra do Partido Popular. En Xénova 13 non anunciaron aínda que votarán a unha moción onde o candidato á presidencia é un tal Abascal. Será interesante comprobar que Cayetana vote o mesmo que o resto dos seus compañeiros de grupo.

Aaron Sorkin, creador da Á Oeste da Casa Branca, estreou recentemente unha nova película na plataforma dixital Netflix: O Xuízo dos 7 de Chicago. É difícil non pensar que, tristemente, os nosos días están máis próximos á persecución de activistas que á aparición de grandes líderes capaces de interpretar e dar impulso ao interese xeral. Pero vaia, se cadra estou trabucado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.